José Marentes

Biografía

Nome: José Marentes Villar (Calcañiños de Sta. Juliana)

Nacemento: 1.931

Natural de: Rozabragada (A Fonsagrada)

Aínda que naceu no ano 1.931 na aldea de Rozabragada (parroquia de San Martín de Suarna), é coñecido como O Gaiteiro de Santa Xuliá ou Calcañiños xa que foi onde viviu a maior parte da súa vida dedicándose a ser zoqueiro.

Comezou a tocar cando ía coas ovellas, cando tiña 7 anos. Aprendeu tocando instrumentos que el mesmo facía: pipas de castiñeiro, pipas de alcacén,...

Con dez anos decidiuse amercar un punteiro cos seus aforros. Vendeullo un veciño seu, José de Chanta, de Rozabragada. Con el foi aprendendo pouco a pouco e, como lle pareceu que se lle daba ben, cando tiña 12 anos mercou xa unha gaita do fol. Adquiriuna tamén en Rozabragada, a Pepe de Rancaño e custoulle 8 pesos. Un deses pesos tívollo que deixar un veciño, Serafín, porque non lle chegaba cos sete que el tiña aforrados. Era unha gaita das redondas e tocou con ela ata os quince anos. Despois fixo un troco con un veciño de Vilagocende que tamén era gaiteiro. Esta xa era unha gaita mellor feita e podía facer os picados que tanto caracterizaban a súa maneira de tocar.

Con 16 anos empezaba a gañar cartos tocando nas festas xunto co tamborileiro Avelino Álvarez (de Santa Xuiá). Contaba Xosé que unha vez, tocando na festa do Vieiro, un rapaz ofreceuse a mercarlle a gaita. El aceptou a venta , pero puxo un prezo desorbitado. Para a súa sorpresa o rapaz a ceptou e Xosé quedou sen gaita, co que tivo que coller, de novo, a súa gaita vella.

A súa terceira gaita conseguiuna no Vilarón, xa que un home desta aldea tiña dúas e vendeulla a que fora feita por un tal Moia. Parce ser que nesta gaita Xosé podía facer os picados estupendamente.

Dende que casou (aos 24 anos con Emérita Fernández) e a morte dos seus pais, parou de tocar durante un tempo. Foi Emilio do Pando o que o animou a voltar a tocar nas festas e quen o instou a que cambiase a súa gaita por unha feita por José Seivane, da Ribeira de Piquín. Sempre se arrepentiu de facer isto xa que non volveu a atopar unha gaita como aquela para facer os picados.

Xosé aprendeu a tocar escoitando as pezas doutros gaiteiros, aínda que tamén a radio e as orquestras foron fonte de inspiración para o seu repertorio.

Alá polo anos 50, que era cando máis tocaba, cobraba unhas cen pesetas por facer unha festa. Decía José que naqueles tempos non daba feito, botaba ata cinco días fora da casa tocando. Tamén contaba que na década dos 60 as gaitas comezaron a perder forza; segundo el os acordionistas foron os culpables de que se deixara de chamar aos gaiteiros.

En Xosé Marentes era moi característico o tocar requinteado e as pezas con numerosas partes nas que sempre improvisaba e metía moitos picados. De creación propia deixounos a Muiñeira de Santa Xuiá.

Finou no 2.014.

Partitura

PASODOBRE DE JOSÉ DE MARENTES.pdf

Vídeos

Acompañado ao bombo por Emilio do Pando e, ao tamboril, por Sergio da Veiga

Tocando unha xota

Na gala "Dez anos con Donaire"

No programa Alalá da Galega