Emilio Fernández

Biografía

Nome: Emilio Fernández Cobas

Nacemento: 1.924

Natural de: Vilares de Leituego (A Fonsagrada)

Emilio Fernández Cobas naceu no ano 1.924 en Vilares de Leituego (A Fonsagrada). Dunha familia traballadora, da Casa de Arriba de Vilares, onde viviu e traballou cos seus pais ata que fixo o servizo militar, e con posterioridade ata 1.949, ano que emigrou a Bos Aires.

Na Arxentina fíxose socio do Centro Galego Lucense, para perfeccionar e coñecer outros estilos, xa que levaba tocando a gaita en festas das aldeas da contorna da Fonsagrada dende os 17 anos. Alí relacionouse con gaiteros das zonas de A Coruña e Pontevedra. Toda a súa vida foi un perfeccionista, e o seu interese por ser o mellor era tan grande que, ao pouco tempo, chegou a ser un dos gaiteiros máis destacadas da institución. Parece ser que alí xa compuxo algunhas pezas, destacando a Xota do Vilarón (gravada por Pepe Vaamonde Grupo no seu disco Introterra, no ano 2.009). Tamén é o compositor de outras moitas pezas que hoxe son populares na Fonsagrada. Na web da Folkoteca Galega pódese acceder a material deste grande gaiteiro.

Dende Bos Aires carteábase cunha moza da aldea de Vilarón, Ermitas da Casa de Pasarín. Coñecéranse en 1.948 na festa de San Román da aldea dela, onde a Emilio o invitaran a tocar a gaita. Así estiveron uns anos, e casou con ela "por poderes". Pouco despois deste feito voltou para España e, coa súa dona, tivo un fillo. Pasados dous anos volveu a emigar, esta vez a Venezuela, onde estivo catro anos traballando. Tras a súa volta, toda a familia se mudou a Madrid, cidade na que viviron todos xuntos ata o seu falecemento.

Na capital española foi taxista uns cantos anos, e no tempo que lle quedaba libre aproveitaba para seguir tocando a gaita; pero como é tan ruidosa non o tiña nada fácil, de maneira que practicaba tocando o punteiro no taxi cando non tiña clientes, e as fins de semana na Casa de Campo de Madrid. Acudía tódolos anos á festa de Santiago en Los Viveros de la Villa (organizada polo Centro Galego de Madrid), que era ao aire libre. Nela xuntábanse miles de galegos, e como duraba as 24 horas do día, alí comían e ceaban en familia. Emilio participaba activamente tocando durante horas co Grupo de Gaitas e Danza Rosalía de Castro.

Toda a familia pasaba os veráns no Vilarón, onde Emilio aproveita para acudir a festas e tocar a gaita cos gaiteiros da contorna.

Do seu matrimonio con Ermitas ten un fillo que reside en Madrid coa súa nai, ela xa moi maior. Sábese que o seu neto ten a gaita do avó, como un gran recordo, xunto con un redoblante e varios punteiros.

Emilio faleceu no ano 2.006, padecendo os últimos once anos da súa vida Alzheimer.

Línea temporal da súa biografía:

  • Nacemento: 1.924
  • Vilares: 1924 - 1.945
  • Servizo militar nos Pirineos: 1.945 - 1.947
  • Coñecer á súa muller Ermitas: 1.948
  • Bos Aires: 1.949 - 1.953
  • Vilarón: 1.953 - 1.957
  • Venezuela: 1.957 - 1.961
  • Vilarón: 1.961 - 1.963
  • Madrid: 1.963 - 2.006
  • Falecemento: 2.006

Partituras

XOTA DE VILARÓN.pdf

Vídeos