Siderio de Vilarmide

Biografía

Nome: Desiderio Sampayo Rico (Siderio de Vilarmide)

Nacemento: 1.931.

Natural de: O Mazo (Ribeira de Piquín)

Desiderio Sampayo Rico, coñecido como Siderio do Mazo antes de cambiar a residencia para Vilarmide (concello da Pontenova), naceu en novembro de 1.931 na Casa de Antón do lugar do Mazo, parroquia de Santiago de Acevo, que por aqueles tempos pertencía ao concello da Fonsagrada e actualmente ao de Ribeira de Piquín.

Igual que outros gaiteiros da contorna, toca de oído e aprende practicando con "pipas" de centeo, trigo ou avea, mentres pastorea as vacas nos prados sendo neno, como el mesmo ten contado. Tocaba tamén con "chifros", ou gaitas de castaño, "que levaban un taquín de madeira, unha cousa parecida a unha flauta" segundo dí.

Logo chegaría o seu primeiro instrumento, pero dende antes dos seis anos escoitaba tocar a gaita a Antonio Sampayo Caballero, o seu pai, de quen lembra que era moi bo gaiteiro e arranxaba bastante ben as gaitas, empalletaba moi ben, porque naquel tempo non se mercaban as palletas, había que facelas como se podía, e preparaba tamén os foles de coiro. Antonio tiña unha gaita fabricada por un veciño da Casa de Muiña, que se chamaba Manuel. Como a Desiderio, cando rondaba os oito anos, tamén o atraía o son da gaita este artesán fíxolle un punteiro pequeno, "grilleiro de boxe", e con boquilla para non estropear a palleta. Pouco tempo despois, aos dez anos, completoulle o instrumento e foi entón cando tivo a súa primeira gaita, grilleira, de punteiro e roncón e con un fol de coiro. Ao comezo empalletáballa seu pai e, ao pouco tempo, xa sabía tocar grazas á práctica que tivera coas chifras e as pipas de pan.

Manuel de Muiña era o artesán de referencia por aqueles tempos na zona. Non había quen lle competise a facer gaitas bonitas, unhas gaitas que soaban moi ben pero non valían para tocar con clarinetes porque non afinaban con eles, estaban fora de ton musical, pero para tocar soas eran espectaculares.

Ademais do seu pai, a outra fonte máis importante onde bebeu foron Os Villaboas (os vellos). Deles lembra como, sobre os 14 anos, avanzou na súa aprendizaxe tocando co caixista Modesto Díaz (Modesto de Viloudriz), e tampouco se lle olvida como Abelardo López (Filipón de Vilarmide) lle axudou a conseguir un punteiro tumbal cercano ao SI Bemol, igual que os do quinteto que tanto lle gustaban.

Para adaptar o novo punteiro á súa gaita de Manuel Muiña, encargáralle a este artesán que lle fixese o segundo tercio do roncón máis grande para podelo cambiar e baixar de tonalidade.

Por aquel entón xa saía tocar a bailes polos lugares cercanos, onde o chamaban para reunións de veciños, xogos de mazás, ruadas,... aos que acudía moi frecuentement con gaita. "O meu espazo era o contorno ese; era bastante amplio, empezando polos máis cercanos no Mazo, Frebal, Santiago de Acebo, Grandela, Mestre, Cuiñas, Seixomil, O Paderne, O Piñeiro, O Vilar, A Corota, Galegos, O Navallo e Villarmirón. Aí é por onde anduven tocando, aí fun a todos esos pueblos ás ruadas", como lebra, e nos que sacaba algúns ingresos.

"Eu..... dende que chegaba o mes de noviembre, podo dicir que de mércores a domingo sería raro que non os tuvese case ocupados a maioría das semanas. E dábanche nun sitio quince pesetas, noutro sitio dábanche vinte, noutros trinta, noutros igual dez..., se non había máis pois non había que lle facer, eu como non iba contratado..., eu iba ó que me desen, pero mira, hoi quince, mañá trinta, outro día vinte, outro día vintecinto i así, eu pois sempre tiña algo".

Pero a difícil vida daqueles tempos levouno tamén á sega a Castela en catro veráns, nunha daquelas cuadrillas de nove e dezaoito persoas, que lle facían perder as festas patronais da súa parroquia. O primeiro ano foi de atador, "pa atar e facer os mollos", e os tres seguintes de segador. Como equipaxe levaba unha maleta con mudas, a moa de afiar o fouzo, a polgareta e o dedil de coiro, así como dúas mantas para durmir enriba dunha colocada na palla trillada e taparse coa outra.

En 1.953, cando chegou o momento de cumprir o servizo militar, marcha destinado á Coruña. Leva a súa gaita en Si Bemol feita por Muiña, e entra na Banda de Cornetas e Tambores do Reximento de Artillería e Campaña Nº 48, onde había outros dous gaiteiros, chegando a tocar con ela nas Festas de María Pita.

Á volta da mili, no 1.954, xúntase con catro veciños e forman un quinteto, Los Acevedos, con Desiderio e Constante da Valiña ás gaitas, Paulino de Gonzais no clarinete, Manolo de Leonardo na caixa e Angelito de Pardo ao bombo. O grupo durou pouco máis dun ano porque Desiderio marcha polo mundo, Paulino e Manolo para Bilbao e Pepe para Asturias. O seu primeiro destino foi Madrid, onde estaría cinco anos no bar do seu tío; despois viviu en Xixón, traballando tres anos como condutor dun camión que facía a ruta de Galicia; logo colleu o traspaso dun bar na Felguera. Ali estivo sete anos, ao cabo deles volta a Xixón para montar outro, no que traballou cinco anos antes de entrar en ENSIDESA de Avilés, onde se xubila en 1.989 con 58 anos.

Grande parte destes anos deixa de estar en contacto coa gaita, que quedará gardada na casa do Mazo.

No 1.981 volta á súa casa para pasar uns días e atopa aquela vella gaita con ronqueta e renace nel a afección por este instrumento.

Desiderio casou no 1.962 con Ersilia Gómez Rico, de Vilarmide, con quen tivo dous fillos. Antes de xubilarse mercou unha propiedade na parroquia da súa muller, a sete kilómetros do Mazo, onde nacera, e construíu unha nova casa, a Casa do Tombo, na que vive actualmente. Dende entón comeza a ser coñecido como Siderio de Vilarmide.

No momento que deixa de traballar e dispón de tempo libre, empeza a xuntarse con Nela de Brés, Constante da Valiña, Modesto Arias, Otilio da Burela e César de Leituego, intengrándose plenamente nas gaitadas que organizan a miudo. No seu repertorio teñen pezas como o Vals dos de Maderne, Muiñeira de Constante, Pasodobre da voda de Paulino, Rumba dos Airiños da Ribeira, Rumba a Negrita, Pasodobre do Mazo, Vals do Chiquillo e moitas máis. De creación propia de Siderio temos Xota de Desiderio e a Muiñeira do mesmo nome.

No 2.015 recibiu o Butelo de Ouro.

Vídeos

Interpretando a Xota de Antonio

Pasodobre de Antonio

Audios

Muiñeira de Desiderio

Muiñeira De Desiderio.mp3

Xota de Desiderio

Xota De Desiderio.mp3

Muiñeira de Vilarmide

Muiñeira De Vilarmide.mp3