Foi, ao nacer, María de los Ángeles, sería despois María dos Anxos en 1984, e acabaría sendo Xela, poeta, tradutora e editora que desenvolveu o seu traballo profesional en Edicións Xerais entre 1980 e 1990.
Como poeta, publicou os libros Denuncia do equilibrio (1986); Tigres coma cabalos (1990), en colaboración co fotógrafo Xulio Gil; Darío a diario (1996); e Intempériome (2003).
Como tradutora, verteu ao galego obras de Fenimore Cooper, Jorge Amado, James Joyce, Camilo Castelo Branco, Roald Dahl, Angela Carter, Baudelaire ou Alice Vieira, labor polo que recibiu recoñecementos como a Medalha do Prêmio de Tradução Sociedade de Língua Portuguesa, o Premio Ramón Cabanillas de Tradución ou o Premio Plácido Castro.
Comeza a publicar os seus primeiros poemas na vida urbana do Vigo de noite cunha eufórica vida cultural, a ritmo de rock, de pop, de punk, de accións poéticas, fanzines e concorridos locais alternativos, sendo escasísimas as poetas no espazo público naquela altura. Ela mesma coordina con Xosé Mª Álvarez Cáccamo os concertos promovidos por Burla Negra, o recital poético celebrado no “Café De Catro a Catro” en Vigo.
A responsabilidade do idioma, o desafío do país, as arestas da experiencia das mulleres, a desigualdade, os mecanismos de opresión, a “orde establecida” coas regras que instaura; o mercado e os escaparates, as categorías, as etiquetas e as estratexias de mistificación…cuestións das que tomou postura Xela Arias.
No ano 2021 dedícaselle o Día das Letras Galegas