Alejandro Suárez Capelán
Roberto Vidal Bolaño
Santiago de Compostela,1950 - Santiago de Compostela, 2002
Nado en Vista Alegre (Santiago de Compostela) o 31 de xullo de 1950 e finado na mesma cidade o 11 de setembro de 2002, foi un autor, director e actor de teatro galego, pioneiro da dramaturxia profesional en Galicia.
Entra en contacto coa Agrupación Cultural O Galo e co grupo cinematográfico Reina Lupa, fundado por Euloxio R. Ruibal, a partir do cal xurdiu a compañía teatral Obradoiro de onde proviñan moitos dos seus membros. O grupo teatral Obradoiro desfíxose ao ter que ir Vidal Bolaño ao servizo militar.
En 1974, sendo empregado de banca, liderou a fundación do Grupo de Teatro Antroido xunto con Xaquín García Marcos. O Grupo Antroido foi primeira compañía teatral galega profesional, e con ela realizou unha gran cantidade de funcións, nas que desenvolveu diferentes tarefas como director, escritor, actor e iluminador, ademais de moitas outras. A primeira actuación deste grupo foi a representación da obra Amor e crime de Juan el Pantera, de Eduardo Blanco Amor, en 1975, e na que Vidal Bolaño participa como protagonista. Con esta compañía acudiu ás Mostras de Teatro Abrente de Ribadavia (1973-1980), onde se deu a coñecer como dramaturgo e escenógrafo, isto último co pseudónimo de Julia Brens.
Escribiu preto de 30 obras de teatro e recibiu numerosos premios e recoñecementos polo seu traballo, o premio Abrente, o premio Álvaro Cunqueiro, o Rafael Dieste, o Eixo Atlántico e o Tirso de Molina, entre outros. Tamén participou en diferentes filmes e series de televisión, tanto como actor coma actor de dobraxe, axudando a dar pulo aos comezos do audiovisual galego.
No ano 2013 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.