Viveiro, 1881 - A Coruña, 1936
Antón Villar Ponte (tamén coñecido como Antón Vilar Ponte), nado en Viveiro o 2 de outubro de 1881 e finado na Coruña o 4 de marzo de 1936, foi un dos fundadores dunha das primeiras Irmandades da Fala e un dos principais alentadores do galeguismo de preguerra. Estudou farmacia, aínda que exerceu tamén o xornalismo. A súa obra abrangueu varios eidos (novela, ensaio, conferencias, discursos etc) e especialmente a produción dramática, transmisora do ideario galeguista. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas no ano 1977.
Na súa traxectoria política foi un dos fundadores, en 1929, da Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) e, como membro dela, foi elixido deputado da Federación Republicana Gallega pola provincia da Coruña nas eleccións de xuño de 1931. En 1934 incorporouse ao Partido Galeguista e volveu ser electo nas eleccións de febreiro de 1936 na candidatura da Fronte Popular. Con todo, non chegou a prometer o cargo nin a presenciar o plebiscito do Estatuto de Galicia de xuño, pois morreu en marzo por mor dunha perforación gástrica.
No ano 1977 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.