Santiago de Compostela, 1837 - Vedra (Santiago de Compostela), 1910
Antonio López Ferreiro, nado en Santiago de Compostela o 9 de novembro de 1837 e finado en Vedra o 20 de marzo de 1910, foi un escritor e historiador galego.
Estudou a carreira eclesiástica en Santiago, onde aprendeu latín, filosofía, teoloxía e dereito canónico, até 1862, cando foi ordenado presbítero polo cardeal Miguel García Cuesta. Ó ano seguinte marchou a Madrid e licenciouse en Sagrada Teoloxía. Na Escola Superior de Diplomática dedicouse durante tres anos á transcrición de documentos galegos do Arquivo Histórico Nacional, e rematou conseguindo o título de arquiveiro bibliotecario.
En 1866 regresou a Galicia como párroco de Santa Eulalia de Vedra, desde onde continuou publicando artigos sobre as súas investigacións históricas. En agosto de 1871 foi nomeado cóengo do Cabido compostelán. En 1872 dirixiu o periódico carlista La Emancipación. Desde o seu posto de cóengo puido acceder ao arquivo documental da catedral, e aproveitalo para realizar traballos de investigación, labor no que destaca a creación da revista Galicia Histórica (publicada entre 1901 e 1903).
En 1892 foi nomeado correspondente da Reial Acadèmia de Bones Lletres de Barcelona e socio correspondente da Real Academia da Historia. Foi presidente da sección arqueolóxica da Exposición Rexional de 1909.
Cultivou a novela histórica, xénero de enorme vixencia no Romanticismo que até o momento non fora tratado na literatura galega. En 1905 foi elixido académico de número da Real Academia Galega.
A partir de 1871, tras a súa designación como cóengo do Cabido da Catedral de Santiago de Compostela, fixaría a súa residencia na rúa do Castro durante un bo número de anos, e posteriormente -até o seu falecemento- no número 16 da rúa da Raíña.
En 1978 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.