Victoria Ale Sánchez
Destacado dramaturgo e narrador das nosas letras pertencente á chamada Xeración de 1925. Na súa mocidade en Rianxo estableceu unha fonda amizade co poeta vangardista Manuel Antonio, interesándose os dous na realidade social galega e no seu nacente nacionalismo.
Traballou en distintos xornais liberais de Vigo, como Galicia, El Pueblo Gallego ou Faro de Vigo. Publicou, no suplemento dominical de El Pueblo Gallego, algúns contos que, sumados os publicados en Galicia, recolleu nunha edición de autor co título Dos arquivos do trasno, en 1926.
Durante 1950 e 1952, Dieste foi lector de Lingua e Literatura españolas na Universidade de Cambridge e, durante o curso de 1953, foino no Instituto Tecnolóxico de Estudos Superiores de Monterrei (México). Nos anos seguintes, entre 1955 e 1960, viviu a súa última estancia en Bos Aires e na Atlántida, onde apareceu a versión definitiva de A fiestra valdeira (1958).
O 18 de abril de 1970 tivo lugar o seu ingreso na Real Academia Galega. Nun concorrido acto celebrado no Círculo de Artesanos, Dieste pronunciou o seu discurso A vontade de estilo na fala popular, que tamén supuxo a exposición da súa propia poética, isto é, a concepción lingüístico-estilística da súa creación.
Fóra dalgúns poemas, a obra en galego de Dieste é fundamentalmente narrativa e teatral. Contos e teatro significan a modernización da literatura galega, conseguindo un estilo propio que se afasta do realismo ruralista e do culturalismo imperante na Xeración Nós.
En 1981 foi nomeado Membro de Honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega e, en 1995, dedicóuselle o Día das Letras Galegas.