Nuno Andrade Alonso
Historiador e investigador galego que en 1926 comezou os estudos de Filosofía e Letras, na especialidade de Historia, na Universidade de Santiago de Compostela. Aproveitou eses anos universitarios para colaborar co SEG, onde fai amizade con Xaquín Lorenzo.
Foi un dos fundadores da revista Logos e como delegado por Vigo participou na fundación do Partido Galeguista.
Ferro Couselo estaba en Madrid para facer as oposicións cando estoupou a Guerra Civil Española. Malia ser católico, inscribiuse nas Milicias Populares Galegas e na sección de ensino da CNT.
En 1942 creou o equipo de colaboradores do Museo Arqueolóxico con Vicente Risco, Xaquín Lorenzo e Florentino López Cuevillas. Trala inauguración en 1968, foi nomeado director. Foi designado perito calígrafo, participando en audiencias e xulgados galegos para comprobar se certas sinaturas e documentos eran reais ou falsificacións.
Ao tempo, non esqueceu o galeguismo político: en 1945 participou na xuntanza que se celebrou na casa de Francisco Fernández del Riego en Coruxo para reorganizar o Partido Galeguista no interior, e en 1950 foi un dos vogais do Consello de Administración que dirixía a Editorial Galaxia, clave para a recuperación do galeguismo cultural en Galicia. Ademais participou na fundación en 1950 da revista Posío.
En 1951 foi elixido membro numerario da Real Academia Galega. Nese mesmo ano fundou en Ourense a revista Posío, Arte y Letras, da que foi director. En 1963 entrou a formar parte do consello de redacción da revista Grial, ano en que xunto co autor da idea Francisco Fernández del Riego e mais Manuel Gómez Román propuxo que a Real Academia Galega instituíse a data do 17 de maio como Día das Letras Galegas.
Foi un dos fundadores en 1967 da Asociación Cultural Auriense, que presidiu entre 1969 e 1973. En 1971 creou o Boletín Avriense, publicación histórica de grande importancia.
Ten unha extensa bibliografía composta de 121 traballos dos cales hai 5 escritos en portugués e 14 en lingua galega; os restantes están redactados en castelán. En 1972 recibiu a Encomenda de Afonso X o Sabio polo seu labor científico.
En 1996 a Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras Galegas.