Remata o curso e queremos compartir con vós unha pequena mostra dalgúns dos programas máis destacados que realizamos ao longo destes meses na nosa Radio Escolar.
Foron moitas horas de preparación, gravacións, edicións, probas de son, entrevistas, lecturas, música, nervios antes de premer o botón de gravar e moitas ganas de contar cousas. A radio volveu ser este curso un espazo vivo no centro: un lugar para aprender, para expresarse, para traballar en equipo e para facer que as voces do alumnado cheguen máis lonxe.
Nada disto sería posible sen o traballo dos nosos axudantes de radio. Queremos darlle as grazas dun xeito especial a Pedro, de 4º da ESO, que xa leva varios cursos colaborando con nós e que continúa sendo unha peza fundamental no funcionamento da radio.
E, por suposto, queremos agradecer enormemente a participación de todas as alumnas e alumnos de 1º da ESO que se incorporaron este ano ao equipo da radio. Chegaron con ilusión, curiosidade e moitísimas ganas de aprender, e convertéronse nunha parte esencial da dinamización da radio nos recreos e da realización dos programas deste curso.
Sen todas elas e eles sería imposible levar adiante todo o traballo feito: os programas, as gravacións, a organización dos recreos, a música, as entrevistas e esa enerxía que fai que a radio do centro siga medrando.
Moitas grazas a todas e todos polo voso traballo, pola vosa alegría e polas ganas que puxestes en cada programa.
Seguimos escoitándonos!