Este é un programa creado polos axudantes de Onda Valadares: Ana, Irene, Malen e Rubén. En cada episodio abordan mitos e lendas dunha maneira distendida, coloquial e entretida, facendo que o público se achegue a estes relatos dun xeito ameno e accesible. O primeiro programa estivo dedicado ao deus Zeus, figura central da mitoloxía grega, coñecido polo seu poder e as súas múltiples aventuras. A través deste espazo, os rapaces fomentan o interese pola cultura clásica dun modo divertido e próximo.
Os seguintes programas estiveron dedicados a figuras destacadas da mitoloxía grega: Atenea, deusa da sabedoría e da guerra xusta; Medusa, a gorgona de mirada mortal; e Poseidón, deus dos mares e das augas. Cada un destes episodios ofreceu unha visión amena e divulgativa destes personaxes, mesturando información e curiosidades co estilo cercano e dinámico que caracteriza ao equipo de Onda Valadares.
O último programa da tempada supuxo unha novidade: centrouse na lenda do Sol e a Tormenta, unha historia que se afasta da mitoloxía grega e achega unha perspectiva diferente sobre os fenómenos naturais a través do relato simbólico. Esta diversidade temática demostra o interese do equipo por explorar distintos mundos lendarios.
Os nosos axudantes, Ana, Irene, Malen e Rubén, anuncian que teñen intención de continuar co programa o vindeiro curso. Ademais, adiantan que incorporarán novas lendas, entre elas algunhas propias da tradición galega, co obxectivo de poñer en valor o noso patrimonio cultural. Así, Onda Valadares seguirá sendo unha fiestra aberta á imaxinación, á historia e ás tradicións de diferentes culturas, sen esquecer as nosas propias raíces.