No curso 2023/24 naceu o programa Bioxenios, unha iniciativa radiofónica que mestura divulgación científica, curiosidades da natureza e perspectiva de xénero. Este curso 2024/25, o alumnado de Bioloxía, Xeoloxía e Ciencias Ambientais de 1º de Bacharelato retomou o proxecto con entusiasmo, dándolle continuidade e incorporando novos contidos e enfoques, todo coordinado pola súa profesora, Mercedes.
En cada episodio, exploran temas científicos de interese como a paleontoloxía, a célula, a biodiversidade ou a función de relación, sempre dende unha mirada didáctica e sorprendente. Ademais, cada programa está dedicado a unha muller destacada no ámbito da ciencia, co obxectivo de visibilizar o seu legado e contribuír á igualdade no recoñecemento científico.
Este curso, os temas tratados foron: a paleontoloxía, acompañada pola figura de Mary Anning; a célula, con Elizabeth Stern como referente; a biodiversidade, da man de Sandra Díaz; e a función de relación, relacionada co traballo de Elena García Armada. A través destas mulleres, o alumnado achegouse á ciencia dun xeito máis humano, inspirador e comprometido.
Bioxenios continúa así a súa andaina como unha proposta educativa que combina aprendizaxe, comunicación e igualdade, facendo da radio unha ferramenta viva e significativa.