O alumnado de Proxecto Competencial de 1.º de ESO realizou un traballo de investigación sobre algunhas das moitas mulleres artistas que deixaron pegada ao longo da historia, moitas veces esquecidas ou invisibilizadas nos libros e nos museos. Durante o primeiro trimestre do curso, dedicaron tempo a afondar nas súas biografías, descubrir as súas obras e comprender o contexto no que viviron e crearon.
Como resultado dese proceso, decidiron darlles voz a través da radio escolar, Onda Valadares. A través dunha serie de programas, recrearon entrevistas imaxinarias con cada unha destas artistas, converténdose en xornalistas e divulgadoras por un día. Esta actividade permitiulles combinar coñecementos de Historia da Arte, habilidades comunicativas e creatividade, ao tempo que puxeron en valor o papel das mulleres na cultura e na creación artística.
Deste xeito, o proxecto serviu non só para aprender, senón tamén para reivindicar e compartir con toda a comunidade educativa as historias destas mulleres imprescindibles.
Grazas ás profesoras, Antía e María José por coordinar este fantástico proxecto.