Ao longo deste curso escolar, o alumnado de 4º da ESO participou nun proxecto moi especial dentro da materia de Proxecto Competencial: a creación dunha serie de podcasts de teatro radiofónico emitidos en Onda Valadares, a radio do instituto. Cada grupo da materia elaborou o seu propio episodio, que constitúe o produto final dun proceso de investigación desenvolvido ao longo de todo o curso.
A partir dun tema de interese, os rapaces e rapazas investigaron, escribiron o guión, prepararon as voces e os efectos sonoros, e finalmente gravaron a súa obra, combinando creatividade, coñecemento e traballo en equipo.
Este proxecto estivo coordinado polas profesoras da materia, Alejandra e Isabelle, que acompañaron e guiaron ao alumnado durante todo o proceso. Ademais, contaron cunha sesión formativa impartida por Damián Alonso, experto en teatro radiofónico, que lles achegou ferramentas e consellos profesionais para mellorar as súas producións.
O resultado final é unha serie de episodios únicos, onde o talento e a imaxinación da mocidade toman protagonismo, e que poden escoitarse a través de Onda Valadares. Un proxecto ilusionante que demostra todo o que se pode conseguir cando se traballa con paixón e colaboración.