No curso 2022/23, Aitana, Adriana, Emma e Nico, alumnado de 1.º da ESO, puxeron en marcha un novo espazo radiofónico co obxectivo de contar o que estaba a acontecer no noso instituto. Así naceu “Que está pasando no IES Valadares?”, un programa que se converteu nun referente dentro da nosa radio escolar e que, desde aquela, foi continuado polos diferentes equipos de axudantes da radio e da biblioteca ao longo dos cursos seguintes.
Este ano, foron Malen, Ana, Irene e Rubén, os nosos locutores máis activos, quen mantiveron viva esta sección. Nun dos primeiros episodios da tempada, entrevistaron ao xefe de estudos para falar sobre as celebracións do Magosto e o Samaín, afondando nas tradicións galegas e no modo en que se viven no centro.
Noutra entrega, os axudantes da radio conversaron con Irene e Mariña sobre o Club de Fíos, unha iniciativa impulsada desde a biblioteca onde un grupo de estudantes se dedica a coser, calcetar, ao gancho e crear obxectos únicos empregando telas e fíos, fomentando así a creatividade e o traballo colaborativo.
Malen, Rubén e Sofía entrevistaron a Eugenia e Marcos, docentes do centro e responsables do Club de Diversidade e Igualdade, un espazo de encontro para reflexionar e actuar a prol da inclusión e do respecto pola diferenza.
Tamén houbo tempo para destacar logros individuais: Malen, Ana e Irene entrevistaron ao seu compañeiro Rubén, quen recibiu unha bolsa de estudos que lle permitirá estudar o próximo curso nos Estados Unidos.
A programación continuou cunha entrevista á vicedirectora, centrada na organización do tradicional Festival de Nadal.
Contamos cun episodio especial con Peter Petrowski, músico galego que impartiu un obradoiro de rap en galego a parte do alumnado de 2.º da ESO.
Durante a Semana Cultural, Noa entrevistou á activista de Amnistía Internacional, Virxinia, e Rubén e Irene falaron con Anel, Jonás e Isaac sobre as distintas actividades levadas a cabo no centro, nun espazo cheo de participación e aprendizaxe compartida.
Tamén durante a Semana Cultural, os nosos axudantes foron entrevistados por Radio Valladares. Podemos escoitar a entrevista no seguinte enlace
O programa segue medrando, dando voz ao alumnado e visibilizando todo o que fai do IES Valadares unha comunidade viva, creativa e comprometida.