Resultados 2017

Chegou o momento de facer balance dos resultados obtidos ó longo destes meses. Organizáronse 2 charlas de divulgación de investigación, 1 charla encontro cos maiores da comarca, 9 actividades de formación, 4 obradoiros de xabóns e oleatos, 3 visitas, 5 exposicións, 1 concurso (retos) e 1 certame, así como elaboráronse 25 vídeos para o canal de youtube e varias entradas nas páxinas web e blogue do centro. O canal de youtube rexistrou máis de 1600 visitas desde a súa creación.

Recibíronse un total de 224 achegas sobre nomes de plantas en galego recollidas na súa maioría polo alumnado, aínda que tamén contamos coa colaboración doutros profesores e maiores. A participación no certame foi de 74 alumn@s de 1º ESO, 3 ºPMAR, 1º Bacharelato, 1º FP Básica e 1ºCiclos Paisaxismo e Xestión Forestal. A maior parte destas achegas corresponden ós concellos de Castro de Rei e Cospeito, aínda que tamén obtivemos información en Guitiriz, Melide, Chantada, Fonsagrada e Folgoso do Courel.

Nestas achegas obsérvase a riqueza lingüística así como a existencia de variantes dunha mesma denominación. Por exemplo, da especie Digitalis purpurea aportáronse 7 nomes diferentes sendo os máis frecuentes Baloco e San Xoán. O Chelidonium majus coñecido máis comunmente como celedonia ten por exemplo como variantes celidonia, ceredonia, ciridonia ou ciridoña. Na comarca coñécese o Taraxacum officinale como dente de león mais tamén polo nome de leituga. Destacamos polo seu interese medicinal o xénero Plantago coas especies Plantago major e Plantago lanceolata que reciben diferentes nomes como chantada, herba das sete costelas (Plantago major) e lingua de ovella ou llanté (Plantago lanceolata). Tamén obtivemos información sobre o aproveitamento tradicional, frecuentemente medicinal de moitas destas especies. En concreto podemos suliñar a importancia que tivo o aproveitamento da árnica (Arnica montana) e da herba das varrugas ou herba papeira (Drosera sp.), pois foi un importante complemento as economías campesiñas, mais os cambios no modelo de aproveitamentos do territorio así como a presión de actuación sobre estas especies fixeron que sexan pouco frecuentes na actualidade, o que xustifica a necesidade da súa protección e o regulamento do seu aproveitamento.

Tamén recollimos dúas variantes de nome para o fento Osmunda regalis dentebrú e dentagrón, variantes de dentabrún, coñecido tradicionalmente polas súas propiedades medicinais entre outros para o sistema circulatorio, dixestivo ou dores do esqueleto http://www.mapama.gob.es/es/biodiversidad/temas/inventarios-nacionales/iect_osmunda_regalis_tcm7-364357.pdf