O Locus amoenus

Durante o segundo trimestre do curso, e parte do terceiro, a profesora de Lingua Castelá e Literatura, Elba Cancio Villamarín, desenvolveu unha actividade que pretendía que o alumnado de 3º ESO “re-descubrira” a paisaxe vexetal da súa contorna como parte da proxecto Fitofaladoiro.

Aproveitando o currículo de Literatura impartido durante a segunda avaliación, correspondente á literatura renacentista, o alumnado de 3º ESO afondou na recuperación da tradición grecolatina na literatura, manifestada, entre outros rasgos, na reaparición de tópicos literarios clásicos desaparecidos durante a Idade Media, entre eles, o citado locus amoenus, que fai referencia a unha idealización e estilización da natureza para que sirva de marco a episodios amorosos entre pastores, tamén idealizados.

Partindo deste contexto literario, o alumnado buscou na súa contorna máis inmediata o “seu” locus amoenus particular; aquel lugar na natureza coa que conviven de xeito cotián que lles resultara especialmente singular e que coincidira o máximo posible coas descricións estudadas, tanto de xeito teórico, como a través dos textos dos autores renacentistas analizados, como Garcilaso de la Vega ou Fray Luis de León.

Cómpre sinalar que o traballo se dilatou no tempo, posto que a climatoloxía e o excesivamente longo inverno que ven de rematar retrasaron a paisaxe primaveral que se debería reflectir nas fotografías para corresponderse con citado tópico literario.

Tras analizar e seleccionar as fotografías recibidas, elaborouse unha presentación coas máis representativas do locus amoenus, ilustradas cunha selección de fragmentos dos textos analizados polo alumnado no transcurso das sesións de Literatura. Dita presentación adquiriu finalmente formato de vídeo, completado asimesmo con textos extraídos do poemario Terra Chá, de Manuel María.

A actividade facilitou que o alumnado de 3º ESO achegara conceptos e escenarios literarios que, moi a miúdo, lle son demasiado lonxanos no tempo e con respecto aos seus intereses, e os descubrira na súa realidade diaria e inmediata; para que pasaran de ser meros lectores de textos renacentistas, a protagonistas da natureza idílica estudada por eles mesmos.

Fixemos un vídeo co traballo, agardamos que vos guste: