Traballos titoría 2A

O alumnado de 2 A, que xa participara na edición anterior do Fitofaladoiro, estivo traballando axudados pola súa titora Elisa Pena este curso no fitofaladoiro. A idea de volver a formar parte deste proxecto resultou atractiva desde o comezo polo reto que supoñía para todos resolver as cuestións que se presentaban e, ao mesmo tempo, por poder coñecer mellor a biodiversidade vexetal da nosa zona dun xeito divertido.

No primeiro trimestre visitamos todos xuntos a exposición Quen é quen? na que había que descubrir diferentes árbores observando as súas follas e mirando láminas que as representaban. Sorprendeunos comprobar que descoñeciamos os nomes galegos dalgunhas árbores que nos resultaban moi familiares e, picados pola curiosidade, intentamos descubrilos consultando guías de plantas que puxeron á nosa disposición. Ao final non nos saíu de todo mal aínda que houbo algunhas especies que se nos resistiron…

No segundo trimestre vimos a exposición Medrando no lugar errado e, por parellas tratamos de responder algunhas preguntas sobre as chamadas “malas herbas”. Aquí aprendemos que moitas destas plantas teñen propiedades medicinais e culinarias, que serven de bioindicadores, que son utilizadas como refuxio e alimento de fauna e que manteñen o equilibrio dos ecosistemas. Por iso, a partir de agora, intentaremos non utilizar o cualificativo de “malas”. Moitas grazas a Herbasia e Herbasio por servirnos de guía.

O 15 de maio, os nosos compañeiros de 2º B foron de visita á Residencia de maiores de Castro Ribeiras de Lea. E máis tarde, o 24 de maio, parte deses maiores devolvéronos a visita e tocounos a nós, os de 2º A, facer de anfitrións no centro. Foi moi agradable e emotivo estar con eles acompañándoos aos invernadoiros, mostrándolles varias exposicións que tiñamos no instituto e, sobre todo, aprendendo da súa experiencia e das súas vivencias.

Déixovos o enlace ós seus traballos co material da exposición Medrando no lugar errado así como un dos vídeos que realizou para nós o alumnado de Tecnoloxía. LINK