Botica e obradoiros

Esta semana por fin tomou forma a nosa Botica de plantas. Nela atopamos libros, instrumentos de uso científico que pedimos prestado do Laboratorio de Lácteos, e outros elementos que figuran dalgún modo o que sería a maxia e alquimia que rodeou este coñecemento durante moitos séculos. Polo momento temos secado varias especies de interese medicinal como a flor do toxo, a flor da carqueixa e milenrama, as follas de tilo, espiño, salgueiro, o loureiro ou a ortiga. Tamén elaboramos os primeiros oleatos de caléndula e macela e o venres 5 de maio co alumnado de 1º FP Básica preparamos uns xabóns de glicerina con estes oleatos que teñen propiedades emolientes e calmantes para a pel reutilizando uns envases de iogur. A verdade é que nos quedaron moi ben e ben presentados! Os días 31 de maio e 1 de xuño fixemos máis obradoiros cos grupos de 2º ESO A, 1ºESO A e B e coa miña titoría de 1º FP Básica. Fixemos oleatos de caléndula, de lavanda e tamén probamos co hipérico de xardín (pois non tiñamos a especie silvestre). De novo repetimos a experiencia de elaborar xabóns de glicerina engadindo oleatos de caléndula e finalmente probamos unha receta de ungüentos a base de oleato de caléndula, macela e cera de abella de opérculo proporcionada por Carlos Carballedo.


As recetas de xabón de glicerina son moi sinxelas, simplemente mercamos unha base de glicerina sólida (eu tiven que pedila por internet) a temos que cortar en anaquiños ou rallar para despois quentala e fundila ó baño maría. Soamente temos que ter en conta que unha vez fundida se lle engade entre o 1-3% do peso de oleato e unhas gotiñas de aceite esencial. Nós engadimos no fondo de cada envase, a suxerencia da miña experta cuñada Monse uns pétalos da propia caléndula que fan de decoración. Se temos colorantes podemos darlles outras cores os xabóns e segundo o molde que empreguemos o resultado será máis ou menos atractivo. Os que fixemos cos moldes en forma de flor que trouxo Dolores quedaron moi bonitos. Eiquí podedes visualizar unhas imaxes do alumnado traballando e do resultado.