Investigación:

Imos aló, ¿Qué hai que facer?

No programa se nos pide que investiguemos sobre os nomes en galego de plantas silvestres presentes na nosa contorna. Temos varias opcións para traballar. Sen dúbida o máis interesante sería:

1º) grabar (vídeo ou son) unha entrevista na que se recolla o nome en galego da planta, uso tradicional e características

2º) facer varias fotografías de detalle das partes da planta que permitan a súa identificación (a planta no seu hábitat, morfoloxía de follas, flor e fruto se tivese, algunha particularidade no tallo...)

3º)no caso de ser unha planta abondosa e común recoller un exemplar para herbario.

Aquí tedes un exemplo do formulario que hai que cubrir para documentar cada planta. Lóxicamente algúns apartados serán cubertos pola coordinadora. https://drive.google.com/open?id=0B66RICxiKNjgZDRFZ1JNby0yR0U

A partir de aquí, a creatividade do profesorado e vosa como alumnos e protagonistas, para seguir aprendendo sobre o tema segue aberta. Desexamos que nos sorprendades coas vosas ideas!!

POR FAVOR PRUDENCIA NA RECOLLIDA DE PLANTAS. Cómo din no proxecto:

"Só recomendamos a colleita de mostras de plantas cando teñades moi claro que son abondosas e comúns (fuxide das plantas pouco frecuentes). Non paga a pena collelas se non serven para identificar a especie: mirade os vídeos primeiro. Lembrade en todo momento que prima a calidade sobre a cantidade: interésanos documentar ben a flora común e frecuente, e non tanto as plantas raras e difíciles de atopar que poidan corresponder a especies protexidas ou en perigo; se tedes dúbidas, sacade fotografías e preguntade antes de arrincar unha planta!

De tódolos xeitos, é ben pouco probable que vos topedes con algunha planta protexida da que coñezades nomes ou usos, alén dalgunhas poucas excepcións, coma o Ilex aquifolium (acivro, acevo, xardón ou como lle chamedes na vosa terra), que é unha planta frecuente e coñecida protexida pola lexislación galega (ver apartado de enlaces externos para máis detalles). Tamén algunhas outras ben rechamantes, coma diversas especies de Narcissus (narciso, flor de San Xosé, calzas de cuco ...): nestes casos, se tedes dúbidas non collades exemplares; podedes mandarnos fotos da planta para que vos deamos a nosa opinión."