Tito Livio

A súa vida (59 a. C.-17 d. C.)

Nace en Padua (antiga Pataviam) no ano 59 a. C. e morre tamén en Padua, no ano 17 d. C. Marchou a Roma cara ao ano 30 a.C., pero non para emprender unha carreira política, como Salustio, senón para dedicarse de cheo a escribir a inmensa historia de Roma que concibira. Non participou na vida política do seu tempo, xa que a súa nenez coincidiu coa dictadura de César, a súa mocidade coas violentas loitas civís e a súa madurez co triunfo de Augusto. Rexeitou os cargos públicos en aras da súa vocación de historiador, á que entregou cincuenta anos da súa vida. Xa ancián, regresou para morrer á súa patria.

Malia que nunca ocultou as súas conviccións políticas republicanas, foi amigo de Augusto, a quen encomia por restaurar os templos e traer a paz. Tamén foi amigo do mozo Claudio, máis tarde emperador, a quen impulsou a escribir libros de Historia.

A súa obra

Composición

O proxecto inicial da súa Historia Romana era moi ambicioso e foi levado a cabo, ata case o seu final, con gran tenacidade e entusiasmo, durante uns corenta anos. Pretendía narrar a historia interior e exterior de Roma, dende a súa fundación (Ab Urbe Condita) ata a morte de Augusto. Comprendía un total de 150 libros, que ía publicando de dez en dez, de onde vén o seu nome de Décadas. Só conseguiu terminar 142. A morte de Druso (9 a. C.), final pouco apropiado para unha obra de tamañas pretensións, pechaba a obra, o que fai pensar que esta foi interrompida pola enfermidade ou a morte do seu autor. (Druso era o fillo de Livia, esposa do emperador Augusto, e irmán de Tiberio, o que logo sería o novo emperador. Morreu no seu regreso dende Germania, ao sufrir unha caída do cabalo)

Destes 142 libros perdéronse 107. O azar e non a selección fixo chegar ata nós a parte referente ás orixes de Roma e a súa primeira época ata a terceira Guerra Samnita, ano 293 a. C., a segunda Guerra Púnica e a historia de Roma ata a conquista de Macedonia por L. Emilio Paulo, trala batalla de Pidna (ano 167 a. C.). Salvo lixeiras lagoas, os 35 libros que nos quedan están completos.

Conservamos tamén un papiro con extractos da obra. Este papiro foi atopado en Exipto, e forma parte dos chamados “Papiros de Oxirrinco”. Contén, ademais do texto de Livio, a carta aos Hebreos do novo Testamento.


Máis información na wikipedia.
Papiros de Oxirrinco” - Papiro 13, que contén unha parte da obra de Livio. Fonte | Wikipedia

Dos libros non conservados temos noticia nas Periochae, resumos esquemáticos de cada un dos cento corenta e dous libros, que parecen remontarse ao século IV. Dada a enorme extensión da obra (Marcial dicía que non lle cabería na súa biblioteca), pronto comezaron a facerse, para uso escolar e de divulgación, compendios e epítomes, que substituíron á obra orixinal, difícil de adquirir e de manexar e, por iso, destinada a perderse na Idade Media.

Método e Fontes

O método histórico deixa moito que desexar, como, en xeral, o de todos os historiadores antigos, para os que a historia era un xénero literario, non unha obra científica; de aí a aberración, desde o punto de vista da historia científica moderna, de poñer en boca dos personaxes discursos inventados, literariamente excelentes, aínda tendo a man os que verdadeiramente pronunciaron ditos personaxes.

As fontes de Tito Livio son, esencialmente, as obras das súas predecesores, os analistas e historiadores gregos, sobre todo Polibio, pero non somete a crítica os datos e fontes consultados, polo que a súa fiabilidade é a miúdo escasa.

Elixe de entre as diversas versións dos feitos a que lle parece máis verosímil ou as transcribe todas, cando non se atreve a pronunciarse por ningunha delas. O seu espírito crítico foi desenvolvéndose a medida que avanzaba a súa obra. A experiencia ensinoulle a fiarse máis daqueles autores que, como Polibio, eran máis rigorosamente científicos, aínda que menos imaxinativos. Así pois, a credibilidade de Livio depende da seriedade das súas fontes, que, fóra de Polibio, son actualmente inaccesibles.

Lenda e razón

Aquí podemos ver varios exemplos nos que Livio, ademais de recoller a tradición, intenta dar outra explicación máis racional ás lendas da Fundación de Roma.

Sobre Rea Silvia:

(..) La vestal fue forzada, dio a luz dos gemelos y, bien por creerlo así, bien por cohonestar la falta remitiendo su responsabilidad a un dios, proclama a Marte padre de esta dudosa descendencia. (...)

Sobre a loba de Rómulo e Remo:

(...) una loba, que había salido de los montes circundantes para calmar la sed, volvió sus pasos hacia los vagidos infantiles; que se abajó y ofreció sus mamas a los niños, amansada hasta tal punto que la encontró lamiéndolos el mayoral del ganado del rey —dicen que se llamaba Fáustulo—, y que el mismo los llevó a los establos y los encomendó a su mujer Larentia para que los criase. Hay quienes opinan que Larentia, al prostituir su cuerpo, fue llamada «loba» por los pastores y que esto dio pie a la leyenda maravillosa. (...)


Biblioteca Clásica Gregos Madrid, 1997 - Trad. de J. A. Villar.

Por outra banda, o seu amor a Roma fai que conceda crédito a calquera información, por inchada que estea, que redunde en prestixio e gloria dos seus antepasados. Con todo, intenta ser honesto e, con frecuencia, expón as opinións distintas sobre algún suceso, para que o lector contraste e saque as súas propias conclusións; tamén afirma ás veces que certos datos ou cifras parécenlle esaxerados.

En canto aos documentos, os oficiais non espertan nel interese algún. Cando dispón deles, non os transcribe textualmente, para non romper a harmonía do conxunto ou porque os considera indignos de figurar nunha obra de arte.

Non se lle oculta a Livio que poetas e historiadores de épocas precedentes falsearon a Historia, para gabar o orgullo das familias e o dos novos ricos da época; a vaidade multiplicou triunfos e consulados de antepasados ilustres. Con todo, acepta a tradición, sen poñela en cuestión. O seu labor consiste en facela verosímil, facéndoa pasar polo filtro da razón, suprimindo as contradiccións máis flagrantes, elixindo e harmonizando os datos aportados polas diversas fontes e procurando establecer entre eles as relacións lóxicas necesarias.

As súas fins

No prefacio da obra expón Tito Livio os motivos que lle impulsaron a acometer tamaña empresa:

«Será para min unha satisfacción contribuír a evocar os feitos gloriosos do pobo que está á cabeza de todos os do universo. Xamais houbo unha nación máis grande, máis pura, máis rica en bos exemplos, nin cidade á que tardasen máis en chegar a ambición e o luxo e que conservase máis tempo o culto á austeridade e á economía; pero logo as riquezas e a ambición corrompérona e é preciso estudiar o seu historia para imitar o bo e rexeitar o malo, causa da decadencia actual.”

Como pode verse, Tito Livio coincide con Nepote e con Salustio no sentido exemplarista e moralista da historia. No prólogo da obra dise:

“Se hai no coñecemento da Historia algo de fructuoso e de saudable, é que se pode contemplar nos seus brillantes momentos as ensinanzas de todos os exemplos; é que, o mesmo o individuo que o Estado, atopan nela modelos que seguir e erros que evitar”

Non se trata, pois, de expoñer a verdade espida, senón de presentar un cadro dos costumes para que sirva de lección. O historiador convértese en moralista.

A "austeritas" de Lucio Quincio Cincinato (3.26, 7-12)

Introdución: Livio describe a figura de Cincinato como modelo de romano que só atende ás necesidades da patria, e cumple co seu deber sen buscar privilexios, honra nin riquezas. E cando remata volve ás súas ocupacións como simple labrego.

(...) Se decidió nombrar un dictador para restablecer la apurada situación, Lucio Quincio Cincinato fue nombrado por acuerdo unánime. Estaba atareado en una faena agrícola. Ordenó que los que estuviesen en edad militar se presentasen en el Campo de Marte antes de la puesta del sol armados. En plena noche entablaron combate y derrotó a los ecuos, a su general Graco Clelio y a los mandos superiores. Quincio abandonó, al cabo de dieciséis días, la dictadura que había recibido por seis meses (...)

Livio non trata de defender intereses persoais, nin de partido, nin de adular a vaidade dunha familia ilustre, nin de avogar polo Senado ou pola plebe. Trata de servir á patria enteira, de axudar ao seu rexurdimento moral, de presentar aos seus concidadáns a imaxe dunha República dirixida polos mellores, na que todos deben sacrificar os seus intereses persoais en aras do interese supremo do Estado: exaltación de Roma por encima de todo.

Os seus motivos íntimos e as virtudes que quere que a súa obra infunda nos seus concidadáns son o amor á patria, o respecto ao mos maiorum, a concordia civil e a relixiosidade profunda, todo o cal coincide punto por punto co programa restaurador de Augusto, que Livio comparte con entusiasmo.

Livio usa os documentos, as lendas, as obras das súas predecesores, pero todos estes elementos pasan polo alambique da idea central que preside a súa Historia: Roma ha xustificar coas súas virtudes seculares a gloria do seu destino presente e futuro. A súa obra non é Historia, tal como se concibe actualmente, pero nos aporta o cadro do que os patriotas da época de Augusto querían que fose o seu pasado e do ideal que soñaban para o seu futuro. Velaquí a clave do seu éxito. A súa Historia de Roma debe ser considerada como obra de arte, non de ciencia. É un medio de goberno, unha especie de moral social ou, ata, de política en acción.

O seu estilo

O que está fóra de dúbida é a súa altísima categoría como escritor, é o que mellor encarna a concepción ciceroniana da historia como opus oratorium maxime, é dicir, como xénero literario suxeito aos preceptos e recursos da retórica na composición e no desenvolvemento temático.

O estilo de Livio é o reverso do de Salustio: fronte á concisión salustiana, en Livio aprezamos a Actea ubertas ou abundancia transparente, con períodos longos, amplos e cadenciosos, afíns á prosa ciceroniana.

Da súa concepción retórica da historia provén a gran cantidade de discursos (uns catrocentos na parte conservada) que salpican a súa obra, todos eles exemplares desde o punto de vista literario retórico. En Livio, todos os personaxes son consumados oradores, ata os simples soldados, os rudos labregos ou os escravos sublevados. Este sistema de explicar os feitos por medio de discursos ten o inconveniente de que, como o autor carece de experiencia persoal en asuntos militares ou políticos, por non ser maxistrado nin soldado, substitúe por argumentos de avogado a explicación verdadeira dos feitos. Por iso, moitos dos seus discursos soan a artificiosos e falsos.

E distingue tamén o seu estilo, como trazo persoal e destacado, a cor poética que tingue a súa prosa. Chamáronlle o poeta da historia. Está influído polos grandes poetas augústeos e esta andadura poética da súa prosa percíbese especialmente nos primeiros libros, nos que se refire aos tempos primitivos e se fai eco de lendas heroicas, como as de Horacio Cocles, os Horacios e os Curiacios, a moza Celia, Mucio Escévola, etc.

Ata invoca aos deuses ao comezo da súa obra, como os poetas épicos:

”Se os bos augurios, os votos e as pregarias aos deuses e ás deusas fosen costume dos historiadores, como o son dos poetas, comezaría gustosamente por pedirlles que concedesen éxitos felices á miña gran empresa...”