No século I a.C. en Roma prodúcense unha serie de importantes acontecementos e cambios.
Os poetas e os homes de letras pertencen a clases altas e economicamente sólidas, o que lles permite autonomía, liberdade de expresión, e desentendemento das preocupacións colectivas.
É un campo abonado para que o obxecto da obra poética sexan os valores persoais do poeta, os seus sentimentos, as súas ideas, as súas preocupacións e a súa vida.
Aparece unha nova concepción das funcións da poesía e da relación poeta-público: as funcións tradicionáis consistían en entreter, educar e cantar as glorias da patria.
Pero agora xa non se escribe pensando nun público habituado aos valores que lle impoñía a tradición, con temas alleos aos intereses do propio poeta, senón que se crean obras para un público máis culto e esixente, froito dunha educación máis cabal que favorece o desenvolvemento da lírica nos últimos tempos da República.
Ademais hai un desinterese e un afastamento do poeta fronte ao colectivo de cidadáns.
No cambio de actitude cara ós poetas e a poesía é crucial o movemento neotérico da República tardía.
Os neoteroi, como os chamou de forma irónica Cicerón, caracterizábanse polo desprezo da tradición latina e pola admiración ós poetas alexandrinos, especialmente Calímaco, e ós líricos eolios coma Alceo ou Safo.
Emerxe, pois, o individualismo na literatura.
Estes cultivaban o epigrama e formas máis longas que demostran o seu amplo coñecemento. Este movemento rompe coa estética vixente ao considerar positivamente a un romano que só cultivara a lírica.
Neotéricos ("os novos" en grego νεωτερικοί, en latín eran coñecidos como os Poetae novi) é o termo grego co que se coñece a esta nova corrente da poesía latina. Un termo, non exento de sarcasmo, que foi acuñado polo propio Cicerón para referirse a eles. Conservamos deles só os escritos de Catulo (84-54 a.C.), pero tamén formaron parte do grupo outros poetas como Calvo, Cinna, Bibáculo e Cornificio.
Todos foron fortemente influídos polo grego Calímaco (300-240 a.C.), que deixou a súa impronta nos seguintes aspectos:
No feito de cultivar xéneros diferentes
Na preferencia por formas menores (poema breve e refinado)
No desprezo dos grandes xéneros e temas (épica e traxedia)
A partir de Catulo xa non se identifica un metro con temáticas específicas
Os neotéricos son poetas da primeira metade do século I. a.C., de condición social elevada que non necesitan da literatura para subsistir, que se moven na esfera otium e da literatura como divertimento.
Non deixa de resultar paradóxico que o oficio do poeta snob e frívolo sexa máis considerado que nunca na Roma deste momento. As súas composicións son breves, cunha gran beleza formal e de gran perfeción técnica.
Catulo é o gran descubridor do individuo e os seus valores, o que supón tamén, desde o punto de vista metaliterario da individualidade do poeta, o paso do poeta artesán-imitador ao poeta-artista, co seu selo persoal. As condicións políticas e ideolóxicas de finais da República, cambiantes e contradictorias, reflíctense no individualismo e a poesía catuliana.
O desprezo da épica supón o desprezo dos valores proclamados pola política do momento, que se atopaban expresados na literatura oficial tradicional:
o "vir gravis" (home preocupado polos problemas da vida) da tradición vai dar paso ó "vir lepidus" (home despreocupado e tranquilo).
A "urbanitas" e a "amicitia" son os novos valores.