A comedia (Do lat. comoedĭa, e este de o grego antigo κωμῳδία, kōmōidía) é unha das partes que compoñen o xénero dramático.
Caracterízase principalmente porque os seus personaxes protagonistas vense enfrontados ás dificultades da vida cotiá, e por iso enfrontan as mesmas facendo rir ás persoas ou ao seu "público", movidos polos seus propios defectos cara a desenlaces felices, onde se fai escarnio da debilidade humana.
Condición privada dos seus personaxes, que non son reis, nin heroes, nin deuses. Son persoas de a pé, normais e correntes.
Argumentos relativos a asuntos da vida cotiá
Busca da exemplaridade, modelos de conducta positivos e condena ós negativos
Mimus: seguía modelos gregos e podía ter unha ambientación e personaxes gregos ou romanos. A expresión corporal tiña máis importancia que o texto literario e os argumentos eran sinxelos. Os actores ían descalzos e sen máscara e as mulleres podían representar os papeis femininos. Tiñan un gran contido erótico. Os romanos descubrírona ao conquistar a magna grecia. Tiña moito éxito, xa que o público disfrutaba de ver a unha xove exhibirse e ridiculizar ao marido. Nalgúns teatros chegaron a prohibirse estas actuacións xa que o seu contido erótico estaba mal visto. Os moralistas romanos chegaron incluso a considerar ás actrices destas obras como prostitutas. Moitas chegaron a ser amantes de persoaxes moi destacados da sociedade romana durante a república: da mima Lícoris dise que foi amante de Marco Antonio.
An interesting late Roman tombstone was found in a vineyard of Sisak in Croatia (Roman Siscia, Pannonia), above a grave built from tiles, which was erected for a master of the entertainment actors in mimes (magister mimariorum). It is now kept in the Hungarian National Museum in Budapest:
D(is) M(anibus). / Positus est hic Leburna, / magister mimariorum / qui vicxit (!) annos plus / minus centum. / Aliquotiens mortuus / sum sed sic numquam. / Opto vos ad superos bene / [va]ler<a>e.
“To the divine spirits of the departed. Here lies Leburna, master of the actors in mimes, who lived more or less a hundred years. I died several times but never in this manner. I hope you are well in the upper world.”
Fonte | Eagle proyect
Atellana: orixinaria de Atella, pequena poboación de orixe osco entre Capua e Nápoles, a fabula atellana xorde polo menos no século IV a.C, chegando a converterse nun tipo de drama con base literaria a finais do século II e comezos do século I a.C.
Os argumentos eran sinxelos, consistían nunha aventura subida de tono ou parodia de persoaxes mitolóxicos, e a expresión corporal tiña moita importancia.
Os actores eran sempre homes, con máscaras características do seu personaxe. Os retratos das máscaras simbolizaban condutas humanas universais e os defectos e a fealdade físicos eran o reflexo dos defectos e vicios morais.
Os autores máis coñecidos son Pomponio e Nevio. A atellana perviviu no teatro de época imperial, xunto á togata, aínda que ambas quedaron nun segundo plano debido ao éxito do mimo.
Consistía esencialmente na representación, improvisada e sen necesidade dun texto previo, de breves situacións burlescas, de ambientación itálica, centradas en torno a catro personaxes típicos:
Buccus, designa ao linguateiro, charlatán, idiota e glotón;
Pappus, era o típico vello da comedia, parecido aos personaxes típicos da palliata de Plauto, vellos rosmóns, rañas, malhumorados, libidinosos ;
Maccus, trátase dun home de grosas mandíbulas, denominado cun termo que denota defectos ou deformacións físicas, ao que se caracteriza pola súa estupidez;
Dossenus, chepudo e astuto.
Comedia Togata: tiña personaxes e ambientación itálicos. Os argumentos eran máis complexos que na Atellana e o texto era máis importante que a expresión corporal. Os actores eran sempre homes vestidos con máscara e vestimenta romana, a toga, que da nome ó subxénero. Conviviu ca fábula Atellana ainda que ambas foron desprazadas polo mimo
Comedia Palliata: o modelo, a ambientación e os personaxes eran gregos. O argumento era complexo e tiña maior importancia o texto que a expresión corporal. Os actores eran sempre homes, vestidos coa vestimenta grega, o pallium, que da nome a este subxénero. A este modelo pertencen as comedias de Plauto e Terencio.
Para saber máis > Atellana e Mimo.
Fontes
Os modelos gregos nos que se inspira Plauto e demais actores de Palliata son os da Comedia Nova grega do s. III a.C., sobre todo Menandro, o seu máximo representante.
A aceptación deste tipo de comedia, con personaxes de prostitutas e pícaros, nun ambiente tan puritano e austero como a Roma daqueles tempos, explícase polo feito de que eses personaxes tan cheos de defectos e debilidades, metidos en situacións divertidas e ridículas, eran gregos, non romanos.
O público ve ben a burla de defectos e situacións que se lles presentan como alleas.
Cronoloxía e autores principais
A conquista da Magna Grecia ó final da primeira guerra Púnica (241 a.C.) intensifica o contacto entre as dúas culturas, a grega e a romana. Un número considerable de gregos vive agora entre os romanos: son escravos, mestres itinerantes, artistas, comerciantes, médicos.
Os romanos adoptan os costumes gregos, prodúcese un interese xeral pola literatura grega. Os soldados que conquistaron o sur de Italia afecciónanse ó teatro no tempo de lecer que tiñan entre combate e combate. Cando volvían a Roma, demandaban o traslado dos espectáculos á capital.
A plebe, composta por un número importante de inmigrantes gregos, tamén tiña ese gusto polos espectáculos.
En setembro do ano 240 a.C., e para celebrar a fin da Primeira Guerra Púnica, encárgaselle á un liberto grego afincado en Roma, Livio Andronico, a versión e a montaxe dunha obra teatral, non sabemos se comedia ou traxedia. No 235 a.C. temos constancia da existencia dun segundo comediógrafo, Gneo Nevio.
Nos derradeiros anos do século II a.C. morre o último cultivador da palliata, Turpilio.
Ambiente e personaxes
Maioritariamente Atenas é o escenario dos argumentos, aínda que tamén poden aparecer outras cidades gregas como Tebas, Epidauro, Efeso, etc.
A ubicación concreta da acción non ten importancia, xa que os conflitos que se presentan pertencen ó mundo privado dos personaxes. En varias obras nin sequera se menciona á cidade onde transcorren os feitos. Os personaxes son xente corrente dunha cidade grega calquera: cidadáns normais coas súas familias e os seus escravos e parásitas. Os seus trazos son esaxerados, son caricaturas, seres grotescos, personaxes-tipo sen trazos propios, idénticos en tódalas comedias.
Argumento
É complexo. Peripecias privadas sen gran transcendencia e con final feliz. O tema principal son as parellas de namorados que loitan por estaren xuntos. Outros son o achado de fillos perdidos hai tempo, os enganos de escravos espelidos, as argalladas das parásitas. Os equívocos e as intrigas danlle movemento e interese ó tema e constitúen un recurso cómico eficaz.
Autores e obras
T. Maccio Plauto (254 – 184 a. C.) 21 comedias
P. Terencio Afer (190 – 159 a. C.) 6 comedias
Este xénero acadou en Roma menos popularidade que a comedia, aínda que se representou ó longo de máis de 200 anos. A primeira representación de traxedia ten lugar no ano 240 a.C., e Livio Andronico é o encargado de facer a montaxe. Destes primeiros tempos da traxedia conservamos fragmentos de cinco autores: Livio Andronico, Nevio, Enio, Pacuvio e Acio. No século I d.C. destaca Séneca, pero as súas obras non estaban destinadas á representación, senón á lectura.
Fabula Crepidata o Cothurnata, traxedia derivada da grega con personaxes e argumentos baseados no mito. O seu principal modelo é o autor grego Eurípides. Algúns exemplos de autores e obras:
Ovidio (s. I a. C.) Medea
Séneca (s. I d. C.) 8 traxedias (Hércules furioso, As troianas, Medea, Hipólito, Edipo, Agamenón, Tiestes, Hércules na Eta, As fenicias, Fedra)
(O nome Cothurnata vén polas botas altas que os actores gregos usaban para as traxedias, os Cothurni, en oposición ao calzado baixo que levaban nas comedias)
Fabula praetexta ou praetextata, de tema romano, o seu fundador foi Nevio. Substitúe os argumentos míticos gregos por outros tomados da historia de Roma, para exaltar o sentimento nacional romano.
Tiveron máis éxito cas traxedias gregas porque o público identificábase máis cos personaxes. O único exemplo deste tipo de traxedia é Octavia, de Séneca (s. I d. C.), unha obra que é unha crítica feroz ao emperador Nerón, a que presenta como un tirano. O argumento é o seguinte:
Unha princesa xoven e orfa, Octavia, é repudiada polo marido co que se veu obrigada a casar; o pobo romano levántase en van para protestar contra a nova voda de Nerón coa radiante Popea; finalmente, co pretexto de ser responsable do levantamento, é condeada ao exilio nunha lonxana illa e a unha morte inevitable.
O nome de Praetexta ven da toga praetexta, a vestidura nacional romana para usar nas grandes ocasións.
A conquista das cidades gregas do sur de Italia, nos séculos IV e III a.C. permitiu aos romanos coñecer o teatro como xénero literario e como estrutura arquitectónica. Estes comezaron a desenvolver a súa propia literatura nacional baseándose na literatura grega.
As representacións das obras dramáticas latinas facíanse ó aire libre e con luz solar, pero non sempre tiveron lugar nun edificio estable. Iso só sucedeu a partir do ano 55 a.C, cando Pompeio constrúe o primeiro teatro permanente de pedra.
Pero antes de que ísto fora así, nos tempos de Plauto, as súas obras e as dos seus contemporáneos leváronse a escena nunhas condicións diferentes. O teatro, daquela, era só un estrado de madeira, que se montaba para o espectáculo en calquera lugar público, ó aire libre, e se desmontaba unha vez concluído este.
Nas primeiras épocas o público permanecía en pé, pero xa en tempos de Plauto se dispuxeron gradas (cavea). O estrado, gradas e asentos, tamén eran temporais e derrubábanse ó rematar as representacións.
No ano 68 a.C constrúese o primeiro teatro estable de madeira e así as comédias de Plauto representáronse xa noutras condicións.
Para os romanos theatrum significaba o edificio no que se celebraban as representacións teatrais, ás que chamaban «espectáculos escénicos» (ludi scaenici), porque constituían unha parte dos xogos públicos celebrados en honor dos deuses. Elemento esencial da identidade romana e da súa cultura, a importancia dos xogos era tal que nos días destinados á súa celebración suspendíase toda actividade profesional, comercial e pública, o que facilitaba a asistencia da poboación aos diversos actos programados.
Foron artistas etruscos os que por primeira vez representaron en Roma espectáculos de danza e xesticulación ó son da frauta e sen texto previo. Foi no ano 363 a.C., na celebración dos primeiros ludi consagrados a Xúpiter, para poñer fin a unha peste que asolaba Roma.
Estes espectáculos pre-teatrais dan lugar ó verdadeiro teatro literario nos Ludi Romani que se celebran no ano 240 a.C. para celebrar a victoria na Primeira Guerra Púnica. Livio Andronico é o encargado de facer a versión e a montaxe.
Prescindindo de ocasións excepcionais (dedicación de novos templos, funerais de personaxes destacados, etc.), celebrábanse representacións teatrais só nas festas de carácter oficial:
Ludi Megalenses: en abril, en honor da Magna Mater.
Ludi Florales: en abril ou maio, en honor de Flora.
Ludi Apolinares: en xuño, en honor de Apolo.
Ludi Romani: en setembro, en honor de Xúpiter.
Ludi Plebeii: en novembro, tamén en honor de Xúpiter.
O estado, mediante estes xogos, contribuía ó control das masas populares. Os xogos eran motivo de festa, motivo de entretenemento, arma política para contentar ó pobo. Primaba o espectacular antes que a excelencia artística. Nos ludi, xunto coas representación dramáticas, ofrecíanse carreiras de circo, gladiadores, loita de feras, boxeo, funambulistas, naumaquias, etc.
Un maxistrado, o dator ludorum, era o encargado da organización das representacións. Dispuña dunha cantidade de cartos para pagar ós actores, alugar o vestiario, a escenografía, a construción dun teatro de madeira (mentres non os había permanentes) e os premios. Este maxistrado ás veces tamén invertía cartos de seu para adquirir popularidade, de gran axuda na súa carreira política.
Días antes do espectáculo púñanse carteis ou facíanse pintadas nas paredes e un pregoeiro anunciaba pola cidade o programa da representación, cos actores, títulos das pezas, información sobre se lle ían dar agasallos ó público, se habería toldo para o sol, etc. As entradas para a xente da cidade repartíanse gratuitamente.
O día da representación os artistas, músicos, senadores, maxistrados e sacerdotes saían do templo da divindade á que se lle consagraban os ludi e ían ata o teatro nun desfile (pompa). Unha vez alí cada un ocupaba o lugar que tiña asignado segundo o seu rango. O organizador entraba entre os aplausos do público. O pregoeiro pedía silencio. Rematado o ritual relixioso de inauguración do festival tiñan lugar as representacións, nas que varias compañías competían pola victoria, que incluía unha importante compensación económica e se entregaba ó final.
Os teatros eran semicirculares. Estaban formados por oito elementos importantes.
A scaena (1) (scaenae frons) era ancha, pero pouco profunda, con entradas laterais. O fondo representaba xeralmente unha casa, con tres portas que tamén servían de entrada e saída aos actores. O escenario viña a ser unha rúa, na que se desenvolvía a acción. Non había apenas decorado; polo xeral, só aparecía un altar, e o demais tiñan que suxerilo os actores cos seus xestos e palabras e ensinarllo desta forma ao público. Para poder acceder a ela, utilizábase o aditus maximus (7). Non había telón, aínda que parece ser que se comezou a usar no ano 56 a.C.
No centro encontrábase o pulpitum (3), normalmente feito de madeira onde se colocaban os coros.
Detrás do escenario estaba o porticus post scaenam (2) que era o patio porticado con columnas.
Por outra parte, diante do scaena (1) encontrábase o proscaenium (4), onde tiña lugar a acción dramática.
Entre as gradas e o escenario (scaena) (1) había un espazo libre (orchestra) (5) destinado aos bailaríns e as persoas importantes, pero que se usaba moi pouco.
Nas gradas (cauea) adoitaba haber asentos reservados para senadores e outros personaxes. Empezouse a cobrar a entrada e entre o público andaban vendedores de comestibles e bebidas. Para acceder a elas utilizábase as vomitoria, corredores entre asentos con entradas abovedadas.
En canto aos actores, organizábanse en compañías (greges), formadas xeralmente só por 5, polo que moitas veces tiñan que representar varios papeis nunha mesma obra. Ao fronte deles estaba o dominus gregis, director da compañía e case sempre primeiro actor.
Todos eran homes, que representaban tamén os papeis femininos, e case sempre libertos ou estranxeiros, porque o oficio de actor estaba moi mal considerado, ata o punto de que se lles negaba o dereito de cidadanía. Estas compañías eran contratadas polos ediles para os ludi, e eles compraban ao autor os dereitos da obra que ían representar.
No caso da comedia plautina os vestidos eran gregos. A prenda básica era o quitón, camisa curta, axustada ó corpo cun cinto. Enriba dela podía levarse un manto curto, clámide, ou longo, himatio. Este manto, chamado polos romanos pallium, dálle nome ó subxénero cómico.
Os complementos dannos a condición de cada un dos personaxes: unha cinta vermella para as alcoviteiras, un coitelo para os cociñeiros, espadas para os soldados, sombreiro de aba ancha para os viaxeiros...
A cor da roupa tamén pode distinguir personaxes: branco para os vellos, amarelo para as prostitutas, púrpura para os ricos, vermello para os pobres.
As máscaras (lat. persona, ae) estaban feitas de madeira, coiro ou liño endurecido con fariña. Cubrían o rostro dos actores e por detrás levaban perruca. Tiñan pegadas as orellas e buratos para os ollos e boca. É posible que o personaxe do prólogo non levase máscara.
Cada personaxe levaba unha máscara característica. Aínda que representaba un problema debido á súa inexpresividade, axudaba a que o espectador distinguise dende unha gran distancia ós personaxes e permitía que unha compañía pequena representase unha obra que doutro xeito requiriría moitos intérpretes.
O público ía ó teatro masivamente. En época de Augusto, dos 67 días fixos de espectáculos que organizaba o estado, había 47 de teatro. Sen embargo nunca chegou a ser tan popular como o circo. Cando Traxano no 112 d.C quixo obsequiar ós cidadáns con uns xogos extraordinarios, pagou 30 días de circo e só 15 de teatro. Mentres que os tres teatros que chegou a haber en Roma contaban con 49.000 prazas, o Circo Máximo contaba con 255.000.
O público do teatro era maioritáriamente urbano. Ás representacións podían asistir tódolos cidadáns e mesmo os escravos, pero non os estranxeiros, agás os embaixadores. Ao tratarse dun espectáculo gratuíto, non se limitaba a asistencia das clases máis desfavorecidas. Sabemos que as mulleres tamén acodían e mesmo os nenos.
O pregoeiro (praeco, onis en latín) era o encargado de mandar calar ó público. Estes feitos poden observarse no seguinte fragmento da obra Poenulus de Plauto, na que lle di ao pregoeiro que mande calar ao público e fala un pouco da xente que ía ver as representacións. Cando di "Os escravos non deberán sentar para que lles quede sitio ós libres", explícanos que ambos podían asistir; sinala tamén que as amas de cría non deberían levár aos nenos ao teatro, mais ao dicir que é para que non berren da a entender que tamén lles estaba permitido. Ademais tanto as amas de cría coma as donas son mulleres, que tamén podían acudir.
Exsurge, praeco, fac populo audientiam;
iam dudum exspecto, si tuom officium scias:
exerce vocem, quam per vivisque et ~ colis.
nam nisi clamabis, tacitum te obrepet fames.
age nunc reside, duplicem ut mercedem feras.
Bonum factum esse, edicta ut servetis mea.
scortum exoletum ne quis in proscaenio
sedeat, neu lictor verbum aut virgae muttiant,
neu dissignator praeter os obambulet
neu sessum ducat, dum histrio in scaena siet.
diu qui domi otiosi dormierunt, decet
animo aequo nunc stent, vel dormire temperent.
servi ne obsideant, liberis ut sit locus,
vel aes pro capite dent; si id facere non queunt,
domum abeant, vitent ancipiti infortunio,
ne et hic varientur virgis et loris domi,
si minus curassint, quom eri reveniant domum.
nutrices pueros infantis minutulos
domi ut procurent neu quae spectatum adferat,
ne et ipsae sitiant et pueri pereant fame
neve esurientes hic quasi haedi obvagiant.
matronae tacitae spectent, tacitae rideant,
canora hic voce sua tinnire temperent,
domum sermones fabulandi conferant,
ne et hic viris sint et domi molestiae.
[A ver, pregoeiro, érguete e manda calar ao público;
imos ver se sabes facer ben o teu oficio:
non aforres a voz á que lle debes a túa mantenza e a túa vida, pois se non berras calado colleráte a fame. Agora senta de novo, para que así recibas tamén por iso o teu soldo.
Atención ao bando, para que poidades cumprir as miñas ordes:
no proscenio non poderá sentar ningún puto;
nin os lictores nin as súas varas deberán dicir ren;
o acomodador non pasará por diante dos fuciños do público,
nin levará a ninguén ó seu asento mentras os actores estean es escena.
Os que estiveron durmindo tranquilamente e con gusto na súa casa, que aturen agora o estar de pé ou que durmiran un pouco menos.
Os escravos non deberán sentar para que lles quede sitio ós libres, ou ben deberán pagar un as por cabeza, e se non poden facelo, máis lle vale que marchen a súa casa e escapen así a unha dobre desgracia,
non sexa que aquí os enchan de mazaduras a forza de paus e na casa de zorregadas pola súa neglixencia cando volten os amos.
As amas de cría deberán atender ás súas criaturas na casa e non traelas aquí ao teatro, para que elas non teñan sede e as crianzas morran de inanición e se boten a berrar como años por culpa da fame.
As donas que asistan ao espectáculo, estarán silandeiras e rirán polo baixo; deberán reprimirse do tintineo da súa leria e gardarán a súa leria para cando estean na casa, de xeito que non amolen ós seus homes en ámbolos dous sitios].
Dende a propia antigüidade algúns autores din que o público da comedia caracterizábase pola súa grosería e falta de intelixencia, fronte ó público máis culto e refinado que asistía ás representacións tráxicas, pero hoxe en día, se se fai unha análise exhaustiva dos testemuños conservados, non se pode dicir que cada xénero dramático tivera un público diferente, senón máis ben que cultos e iletrados, nobles e plebeos, asistían por igual as representacións de comedia e de traxedia.