Recuncho da Lingua: Letras Galegas

O sábado 20 de maio o IES Nº1 participou unha vez máis, canda outros centros educativos, nunha nova edición especial do Recuncho da Lingua, programa de radio dirixido pola mestra Pilar Bernárdez, insertado dentro do espazo "As mañás de sábado" de Radio Estrada de Isabel Durán, dedicado ás Letras Galegas e ao persoeiro homenaxeado neste ano, Francisco Fernández del Riego.

O programa centrouse nos xogos populares e tradicionais. Esta vinculación débese a que, por primeira vez, dentro da programación de actividades dun Día das Letras, se incluiu unha exposición que reúne os xogos e xoguetes que formaron parte da vida do autor homenaxeado. A mostra "Don Paco, o pícaro argalleiro", pode visitarse no Mosteiro de San Salvador de Vilanova de Lourenzá e recolle os xogos e xoguetes citados por el como parte da súa crianza.

Nesta ocasión achegáronse aos estudios de Radio Estrada algúns avós de alumnado de diferentes centros educativos da Estrada, que explicaron diferentes xogos populares na súa época. Desde o IES Nº1, Uxía de 4º e o seu irmán Martín de 1º, achegáronnos á infancia do neno Paco de Amada, que era como coñecían a Francisco Fernández del Riego na súa Lourenzá natal. Alternando explicacións con palabras do propio autor, puidemos coñecer como xogaban e como se entretiñan os nenos e nenas de comezos do século XX, como nolo conta don Paco no prólogo da obra "Os xoguetes esquecidos".

Ligazón ao audio do programa:

https://www.edu.xunta.gal/centros/iesnumero1estrada/node/1150