Premio IES-G

O EDLG recuperou esta actividade que non se realizara durante os últimos anos. 

O PREMIO IES-G, que chegou á súa VIII edición, é un recoñecemento público que o noso alumnado concede a un comercio local que usa o galego no seu día a día.


Un xurado composto  por alumnado de 4º da ESO cumprimentou a seguinte secuencia de valoracións ao longo do 2º e 3º trimestres:


-Observar as entidades comerciais no seu aspecto gráfico: rotulación, anuncios, escaparate.

-Valorar a relación comercial en lingua galega dos xefes e empregados, así como a relación cos clientes e a realización de facturas.

-Observar se, fóra do ambiente laboral, estas persoas continúan a empregar o galego.


Unha vez levada a cabo esta primeira etapa de observación, o xurado propuxo un número de entidades candidatas ao premio e de novo volveron visitar estas entidades e finalmente decidiron a premiada durante unha reunión que tivo lugar no mes de xuño.

Nesta edición o xurado acordou conceder o VIII premio IES-G á pastelería Mimela, valorando o trato diario en galego e en especial as súas vistosas campañas de cartelería promocional.

Unha vez tomada a decisión, esta foi comunicada á entidade comercial premiada e confirmouse a súa aceptación, despois do cal foi comunicado aos medios de comunicación locais.


Finalmente, o 20 de xuño, durante a celebración da Revista Viva “Nós de Nós” fíxose o acto de entrega do premio ao establecemento que o obtivo, convidando tamén aos anteriores establecementos premiados, e alí procedeuse á lectura pública da acta do xurado e fíxose entrega do premio, que consistiu en:

 

-Unha flor natural (símbolo do premio), que deberá ser exposta no escaparate do establecemento.

-Un diploma, que deberá ser colocado no escaparate do establecemento durante todo o ano.

-Un libro do homenaxeado no Día das Letras Galegas, que será exposto no establecemento nun lugar visible para a clientela.

Ligazón ás fotos da entrega do premio dentro da Revista Viva "Nós de Nós":

https://www.edu.xunta.gal/centros/iesnumero1estrada/node/1187