Profesorado

Renovación do claustro

Mellora do éxito escolar

Formación

O cadro de persoal docente está inmerso nun rápido proceso de renovación derivado por unha banda das xubilacións e, por outra, do concurso de traslados. Está formado por uns 35 profesores e profesoras, a case totalidade con destino definitivo no centro. Entre outras moitas cualidades é un claustro activo, solidario e comprometido, capaz de organizar e participar en moitas actividades con demostrada eficiencia e capacidade para afrontar tarefas en equipo. As relacións profesionais son cordiais e o ambiente de traballo, agradable.

Máis alá da distribución por departamentos, moitos deles unipersoais, a docencia é un labor en equipo. Somos concientes de que para traballar conxuntamente é preciso unha planificación dos tempos de reunión sempre dependentes das posibilidades horarias e disposicións legais que en ocasións limitan máis que axudan (Vid. 5.1. Coordinación e planificación docente).

Do mesmo xeito, resulta imprescindible para o centro a participación do profesorado en proxectos de innovación educativa e programas de mellora pois redundan na mellora da calidade e dos resultados, reportan achegas económicas e prestixio entre a comunidade educativa, etcétera.

A dirección do centro apoiará o labor docente na consecución dos seguintes obxectivos que, segundo as evidencias pedagóxicas, inflúen na mellora do éxito escolar:

    1. Crear un clima positivo para a aprendizaxe, entornos inclusivos e expectativas de éxito.

    2. Actualizar e adaptar os contidos educativos.

    3. Empregar metodoloxías activas e prácticas innovadoras.

    4. Adaptar a ensinanza á diversidade do alumnado.

    5. Coordinarse coas familias.

Todo isto apunta á formación do profesorado como instrumento de cambio á nosa disposición. Principalmente é necesaria a formación continúa en xestión da convivencia, atención á diversidade e metodoloxías didácticas. Sen desprezar ningunha outra necesidade individual ou colectiva, como a actualización de contidos da especialidade, a aprendizaxe de linguas estranxeiras, ou a competencia dixital.

OBXECTIVOS

  • Potenciar os órganos de participación e desenvolver todo o posible a súa capacidade de decisión e asunción de responsabilidades compartidas.

  • Apoiar a participación do profesorado en proxectos, grupos de traballo e programas de mellora.


Liñas de actuación

  • Manter as boas prácticas de acollemento de novos docentes.

  • Actualizar e publicitar a "Guía do docente" na Aula Virtual do centro.

  • Atender as demandas e necesidades do profesorado en colaboración co CFR Ferrol para a actualización do Plan de Formación no Centro.

  • Apoiar a posta en práctica nas aulas das actividades de innovación ou excelencia educativa, atención á diversidade e convivencia.

  • Fomentar a utilización de todos os sistemas de comunicación coas familias para a realización dos labores de atención a pais e nais.

  • Participar en programas de intercambio e plataformas de colaboración profesional.

  • Compartir o liderado educativo entre os membros do claustro.

  • Promover a reflexión sobre o labor docente e o valor social da profesión.

Indicadores de avaliación

  • Seguimento do cadro de persoal docente e datos da Inspección educativa.

  • Creación de Grupos de Traballo ou outras modalidades de formación do profesorado.

  • Participantes en proxectos de innovación educativa (SEM, proxecta...), programas europeos (ERASMUS+, PIALE...)

  • Premios, recoñecementos e publicacións dos membros do claustro.