Alumnado

Mellora do éxito escolar

Excelencia e resultados

Participación

Protocolos de actuación

A principal obriga do proxecto de dirección é que "deberá estar orientado a lograr o éxito escolar* de todo o alumnado". De xeito comunmente aceptado, entendemos que o éxito inclúe non só os bos resultados ou a promoción académica, senón tamén a adquisión de habilidades e competencias que favorecen o crecemento persoal e social dos individuos. Asemade, recoñecemos a influencia dos catro factores ou dimensións que se adoitan citar na consecución do éxito escolar: alumno/a, centro de ensino, familia e sociedade.

Atinguen aos alumnos/as como individuos as súas aptitudes e capacidades; a motivación e actitude cara ao estudo e os valores propios de esforzo, responsabilidade, compromiso... Para iso cómpre partirmos dunha atención educativa cada vez máis individualizada ou diferenciada, con medidas que van desde a adaptación ao enriquecemento curricular.

Neste sentido integrador e inclusivo do éxito escolar, establécemos a busca da excelencia como un dos principais obxectivos para todo o alumnado. Ademais, como centro de ensino tamén é importante ofrecer boas expectativas académicas. Isto pasa por acadar os seguintes resultados:

  1. Igualar ou mesmo superar a media dos centros públicos de Galicia nas probas de avaliación diagnóstica que ser realicen neste período.

  2. Lograr que a porcentaxe de promoción se sitúe na ESO arredor do 90% ; no Bacharelato, un 80%; e na FP Básica, o cen por cento.

  3. Reducir as diferenzas significativas de resultados entre rapaces e rapazas na ESO.

  4. Igualar e superar a media galega na porcentaxe xeral de aprobados nas probas de acceso á universidade.

Alén da representación nos órganos de goberno, as propostas do alumnado canalízanse por medio da acción titorial e, nos últimos anos, na xunta de delegados/as. Cara ao futuro inminente prevese a formulación de novas formas participativas a través de sondaxes de opinión ou enquisas dixitalizadas. Por exemplo, o informe diagnóstico da convivencia nos centros impulsadas pola consellaría.

Por último, o alumnado tamén debe recibir información sobre os procedementos que lle afectan. Cada vez existen maior número de asuntos protocolarizados desde a administración e, previsiblemente, tamén nos vindeiros anos desde o propio centro.

_________________________________

* Orde do 21 de abril de 2021 pola que se convoca concurso de méritos para a selección e o nomeamento da dirección dos centros docentes públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

OBXECTIVOS

  • Incentivar o estudo e a confianza no proceso de aprendizaxe en todo o proceso ensino-aprendizaxe.

  • Atender adecuadamente a diversidade do alumnado.

  • Reducir as diferenzas de resultados e expectativas académicas por sexos.

  • Fomentar a participación na vida do centro.


Liñas de actuación

  • Aplicar todas as medidas de organización e curriculares admitidas no sistema educativo na atención á diversidade: reforzos, adaptacións, diversificación curricular, seccións bilingües, optativas...

  • Conxugar criterios pedagóxicos e criterios de socialización na confección de grupos heteroxéneos.

  • Velar polas condicións que permitan rendabilizar o tempo de aprendizaxe na aula: puntualidade, silencio, concentración...

  • Impulso dun plan de mellora nas materias instrumentais.

  • Continuar co Programa-contrato na modalidade de Mellora para acadar o Éxito Escolar.

  • Orientar a xunta de delegados/as como instrumento de participación.

  • Realización de enquisas de satisfacción.


Indicadores de avaliación

  • Análise dos resultados trimestrais e finais.

  • Documentos internos: programacións, memorias...

  • Resultados anuais das Probas de Avaliación de Diagnóstico (4.º ESO).

  • Resultados das probas de acceso á universidade (2.º BAC).

  • Concesión de Matrículas de Honor (2.º BAC) e Premios Extraordinarios (ESO, BAC).

  • Participantes en proxectos, programas e concursos educativos.