Actividades

Complementarias

Extraescolares

Existen unhas pautas claras, establecidas ao longo dos últimos cursos, para a realización de actividades e que son coñecidas por todos os órganos de goberno do centro. A programación intenta ser equilibrada en canto ao tipo de actividades (deportivas, científicas, artísticas...) e, asemade, compensada en canto á carga horaria por grupos e trimestres.


O profesorado ten demostrado a súa implicación no desenvolvemento desas actividades, algunhas das cales consolidáronse antes da situación de continxencia do último curso e deben continuar a ser un dos sinais de identidade do centro. Referímonos, por exemplo, aos concursos matemáticos, a Semana das Profesións, Edusolidariedade á mugardesa, o acto cultural de fin de curso co premio Estudo e Deporte... Ademais, nos últimos tempos, a biblioteca en colaboración co Equipo de Dinamización Lingüística e os Clubs de Lectura están a achegar intesantes propostas de dinamización cultural.


OBXECTIVOS

  • Coordinar as saídas e excursións con obxectivos formativos e fixar uns criterios aceptables en canto á súa temporización, duración e avaliación.

  • Facer o posible para que exista unha vía cultural, deportiva e informativa que axude a neutralizar a rutina do curso académico.


Liñas de actuación

  • Analizar na Comisión de Coordinación Pedagóxica as actividades, especialmente as saídas e excursións.

  • Alentar a participación de todos os grupos nalgún proxecto, programa ou concurso comezando polos Plan Proxecta e outros.

  • Apoiar a realización de actividades incluídas nas programacións anuais dos departamentos. Algunhas delas fortemente consolidadas como, por exemplo, a asistencia a obras de teatro, clubs de lectura e ciencia, educación socioafectiva, concursos matemáticos, etcétera.

  • Organizar entre o alumnado actividades variadas tanto no formato (campañas, charlas, obradoiros) coma no contido (limpeza e reciclado; autoprotección e seguridade; hixiene, saúde e prevención; orientación académica e laboral; encontros deportivos; solidariedade e concienciación social).

  • Deseñar actividades coa ANPA.

  • Revitalizar a xunta de delegados/as para canalizar as propostas do alumnado e involucralos na organización de actividades.

Indicadores de avaliación

  • Rexistro de actividades.

  • Documentos internos: programacións e memorias.

  • Participación en proxectos.