Limiar

Alén de propostas individuais mellor ou peor fundadas e que atinxiran maior ou menor circulación, a primeira tentativa institucional de dotar o galego dunha orientación normativa correspondeu ao Seminario de Estudos Galegos, que publicou “Algunhas normas pra a unificación do idioma galego” (1933) e “Engádega ás normas pra a unificazón do idioma galego” (1936). A proposta normativa do Seminario tiña como punto de partida e de chegada o propio galego e apuntaba cara á regularización da súa escrita, deixando unha certa marxe de flexibilidade. Mesmo así, pensada como estaba como guía provisoria que se iría desenvolvendo nunha Galicia que se prevía autogobernada, atendía só a uns poucos puntos de ortografía e morfoloxía. As circunstancias históricas fanaron a súa posta en práctica; non obstante, exerceu un papel inspirador na tendencia cara á simplificación que se foi impoñendo na escrita en galego a partir de 1950, protagonizada, basicamente, pola Editorial Galaxia.

Á vista do crecente sentimento de que cumpría dispor dunhas orientacións normativas para o galego, tal como viña reclamando un número cada vez maior de persoas comprometidas co idioma, a Real Academia Galega foi tomando conta ao longo da década de 1960 da súa responsabilidade neste asunto, recoñecida no seu programa fundacional e nos seus propios estatutos. Así, en 1970 a Academia publica unhas Normas ortográficas do idioma galego, integradas ao ano seguinte nunhas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (1971). Estas Normas, dentro das súas modestas proporcións, teñen un carácter máis amplo e sistemático ca as elaboradas décadas atrás polo Seminario, pero así e todo ofrecen un tratamento sumario dos aspectos que regulan e deixan sen tocar moitos puntos importantes. Paralelamente, o Instituto da Lingua Galega, creado na Universidade de Santiago de Compostela en 1971, publica os volumes Gallego 1 (1971), Gallego 2 (1972) e Gallego 3 (1974), os primeiros manuais de aprendizaxe da lingua. Pola súa propia natureza e tendo en conta a amplitude de aspectos que abranguen —fónicos e gráficos, morfosintácticos e léxicos—, estas obras implican numerosas escollas idiomáticas cara a un modelo de galego unificado.

Durante a década de 1970 a necesidade dunha normativa lingüística completa, sistemática e rigorosa déixase sentir con máis forza, consonte o incremento do uso do galego escrito, tanto en número de persoas canto en dominios e tipos de texto, e tamén consonte as expectativas levantadas verbo da súa oficialización. Froito desas inquedanzas son as Bases prá unificación das normas lingüísticas do galego (1977), resultado dunha serie de seminarios promovidos polo Instituto da Lingua Galega, que contaron coa participación de filólogos, profesores, escritores e intelectuais. As Bases constitúen, de feito, a primeira proposta solidamente fundada en que se consideran de xeito sistemático e na perspectiva normativa os puntos máis importantes de ortografía e morfoloxía do idioma. No seu ronsel, aínda que con matices significativos, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega elabora en 1979 a súa propia proposta: Orientacións para a escrita do noso idioma.

A partir dese ano comezou a introdución do galego no ensino regrado, polo que a Xunta de Galicia (aínda preautonómica) designou unha comisión para resolver a cuestión normativa, da que formaban parte, entre outros, membros da Academia, do Instituto da Lingua Galega e da Cátedra de Lingüística e Literatura Galega da Universidade. Esta comisión elaborou unhas Normas ortográficas do idioma galego (1980), que non chegaron a entrar en vigor.

Unha vez que o galego é recoñecido como lingua oficial no Estatuto de Autonomía (1981), a conveniencia xa antes sentida dunha normativa de referencia para os usos públicos, legais e educativos do idioma convértese nunha necesidade perentoria. Para afrontala, a Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega nomean unha comisión encargada de elaborar unha proposta á altura das esixencias daquel tempo. Formaban parte desa comisión, pola RAG, Ramón Piñeiro López, Carlos Casares Mouriño e Andrés Torres Queiruga, e polo ILG, Ramón Lorenzo Vázquez, Antón Santamarina Fernández e Rosario Álvarez Blanco. Así mesmo, foi fundamental a colaboración de Francisco Fernández Rei, Manuel González González e Xosé Xove Ferreiro. O texto elaborado por esta comisión, que por primeira vez daba corpo a un código normativo amplo e sistemático apoiado nunha demorada xustificación filolóxica das escollas, foi discutido e aprobado en sesión conxunta das dúas institucións o 3 de xullo de 1982. As Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego foron oficializadas pouco máis tarde pola Xunta de Galicia (Decreto 173/1982, de 17 de novembro), e deste xeito convertéronse na primeira codificación normativa da nosa lingua que contou con soporte académico, científico e legal.

O devandito decreto autorizaba o Instituto da Lingua Galega para a elaboración dun Vocabulario ortográfico con carácter de inventario das palabras máis usuais e prontuario ortográfico. Asemade, a Lei de Normalización Lingüística aprobada polo Parlamento de Galicia o ano seguinte (Lei 3/1983, do 15 de xuño) estipula que “nas cuestións relativas á normativa, actualización e uso correcto da lingua galega, estimarase como criterio de autoridade o establecido pola Real Academia Galega”. E engade: “Esta normativa será revisada en función do proceso de normalización do uso do galego”. En efecto, os estudos requiridos para a elaboración do Vocabulario ortográfico da lingua galega (1989), dirixido por Antón Santamarina e Manuel González, puxeron de manifesto a necesidade de axustar algunhas solucións recollidas nas Normas aos propios principios establecidos nelas, o que aconsellou a súa revisión puntual. Esta revisión foi aprobada pola Real Academia Galega en 1995.

Finalmente, en 2001, unha comisión promovida pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega e integrada polo Instituto da Lingua Galega e os departamentos de filoloxía galega das Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo acorda presentar á RAG unha proposta de actualización das Normas de 1982, con algunhas solucións que pretendían conseguir unha aceptación máis ampla e un maior consenso arredor da cuestión normativa. Esta proposta foi rexeitada polo plenario da RAG en novembro de 2001. Con todo, o mesmo plenario a finais de 2002 acordou constituír unha comisión, formada por catro académicos, un representante do ILG e un representante de cada un dos departamentos de filoloxía galega das tres universidades, para retomar a proposta do ano 2001 e chegar a un texto asumible por todas as partes. Este novo texto, aprobado polo plenario da RAG o 12 de xullo de 2003, é o que se recolle no presente volume.

INSTITUTO DA LINGUA GALEGA / REAL ACADEMIA GALEGA

Introdución

A elaboración das presentes Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego fíxose atendendo aos seguintes principios:

1. A lingua normativa ten que estar ao servizo da cultura dun pobo real e concreto, e por tanto ha de ser necesariamente continuadora da lingua falada pola comunidade e ha de achegarse canto sexa posible a ela, a fin de enraizar sobre bases seguras e vivas. Agora ben, para que estas bases sexan efectivamente sólidas, a norma debe acoller un galego fiel a si mesmo e limpo de canto de alleo innecesario hai incrustado na fala viva pola presión do castelán. É dicir, a lingua común debe ser o máis galega posible, establecida sen sometementos nin dependencias, con atención escrupulosa á estrutura e características lingüísticas do galego.

2. O galego normativo ten que ser o vehículo expresivo común e válido para todo o pobo galego, voz apta e dispoñible para as súas manifestacións tanto escritas coma orais, tanto artísticas coma utilitarias. Consecuentemente, o galego común non pode basearse nun único dialecto, senón que debe prestar atención preferentemente á extensión xeográfica e demográfica das formas para seleccionar as normativas. Ha de ser, pois, supradialectal e lograr que o maior número posible de falantes galegos se identifiquen coas solucións acordadas.

3. O galego común debe seguir as boas tradicións da antiga lingua galega que sexan compatibles coa maneira de ser moderna da lingua, de xeito que as formas tradicionais sexan preferidas ás máis innovadoras e evolucionadas. Debe recoñecer tamén a súa propia literatura e cultura máis recentes, emparentando así con todos os escritores anteriores e aceptando solucións xa consagradas polo uso.

4. As escollas normativas deben ser harmónicas coas das outras linguas, especialmente coas romances en xeral e coa portuguesa en particular, evitando que o galego adopte solucións insolidarias e unilaterais naqueles aspectos comúns a todas elas. Para o arrequecemento do léxico culto, nomeadamente no referido aos ámbitos científico e técnico, o portugués será considerado recurso fundamental, sempre que esta adopción non for contraria ás características estruturais do galego. As escollas deben decidirse de acordo cun criterio de coherencia interna, a fin de que o galego común non resulte arbitrario e incongruente.

Unha lingua común asentada na fala, mais depurada de castelanismos, supradialectal, enraizada na tradición, coherente e harmónica coas demais linguas de cultura, esixe:

1. Excluír o diferencialismo radical porque, aínda querendo ser unha postura de defensa fronte ao castelán, manifesta de feito unha posición dependente e dominada con respecto a esta lingua. Han de excluírse, con maior razón, solucións diferencialistas que só sexan falsas analoxías e vulgarismos.

2. Excluír tamén a evasión cara á lingua medieval: formas definitivamente mortas e arcaicas non deben suplantar outras vivas e galegas.

3. Valorar a contribución do portugués peninsular e brasileiro, mais excluír solucións que, aínda sendo apropiadas para esa lingua, sexan contrarias á estrutura lingüística do galego. O punto de partida e de chegada en calquera escolla normativa ha de ser sempre o galego.

******

Para aqueles casos en que se ofrecen varias posibilidades, independentemente de que estas estean na fala ou en usos escritos ou sexan xa de uso xeral, o texto destas Normas vai acompañado de notas, impresas en letra máis miúda. Estas notas tratan de explicar as razóns que motivan as propostas normativas, que se apoian, por outra parte, nos principios anteriormente expostos de maneira xerárquica. Nalgún caso moi concreto, debido á presenza forte e tradicional de certas solucións, ofrécese provisoriamente a posibilidade de optar entre unha ou outra proposta normativa, por máis que unha das alternativas apareza presentada como prioritaria. As propias Normas foron redactadas escollendo, de entre as dobres alternativas, aquelas opcións que pareceron máis recomendables.