19

Preposicións e

locucións prepositivas

19. Preposicións e locucións prepositivas

Ata, até. Trátase dunha preposición común a case todas as linguas iberorrománicas, frecuente en todas as épocas e con múltiplas variantes en cada unha das linguas, non sempre doadas de explicar. O punto de partida é, sen dúbida, o arabismo háttà.

Na lingua medieval a forma máis usada era ata; séguelle en frecuencia atra e moitas outras variantes minoritarias co mesmo significado, mais non sempre da mesma orixe (aata, ataa, ta, taa, ate, até, atés, atee, atees, atees, ateen, ateena, ateinas, te, tee, tee), atro, atroen, atroes, atroena, tro, trões e mesmo os castelanismos fasta e fata. Posteriormente introduciuse asta, modificado con fre­cuencia en astra. Estes castelanismos tiveron moita expansión, ata o punto de que case eliminaron a forma tradicional, hoxe escasamente documentada; en portugués triunfou a forma até, propia do territorio que está ao sur da Beira.

Normativamente admítese a forma tradicional galega, ata, e tamén a forma até, con tradición na lingua literaria do século XX.

Desde, dende, des. A forma máis usada na lingua medieval é des (< de ex), aínda viva hoxe tanto como preposición (moi minoritaria) como parte da locución conxuntiva des que. Dende (< de inde) aparece usada tamén na Idade Media, aínda que daquela non se empregaba como sinónima da anterior. Desde é máis moderna, formada sobre des (como dendes de e outras formacións simi­lares), e practicamente substituíu na lingua actual a forma primitiva. Normativamente calquera das tres é aceptable, se ben debe terse en conta o escaso uso de des no galego actual.

Entre. Na lingua medieval documéntanse tres variantes (ontre, antre, entre), de uso desigual: delas, a máis frecuente en galego era ontre, desapare­cida no paso ao galego moderno; antre era máis usual no portugués arcaico do que en textos galegos, e aínda é popular tanto en Portugal coma en Galicia; entre tamén está amplamente documentada desde as orixes do idioma. Delas, sendo todas tradicionais, é preferible escoller como normativa entre, maiorita­ria hoxe e máis acorde coa etimoloxía.

Para. Na lingua antiga as formas máis documentadas eran para e pera; no galego moderno, en troques, a máis estendida é pra, de que xa hai exem­plos medievais. Normativamente debe optarse por para, pois, aínda que hoxe é minoritaria, é congruente co criterio de darlles preferencia ás formas plenas sobre as reducidas.

Segundo. Esta é a forma tradicional, aínda viva no galego moderno. Hoxe documéntanse tamén as variantes asegún e según, conforme á evolución tradicio­nal do castelán. Normativamente debe dárselle preferencia á forma galega e tradi­cional segundo, fronte a formas dubidosamente galegas como según e asegún.

Sen. Na lingua medieval unicamente se documenta a forma sen, que segue sendo a do portugués e que en galego moderno se rexistra moi escasamente. A forma sin, hoxe maioritaria, explícase máis facilmente por castelanismo do que por unha evolución interna do galego. Normativamente debe dárselle preferencia á forma galega e tradicional sen.

So. Esta preposición coñécese hoxe só en pequenas zonas do territorio galego, pero o seu uso na lingua antiga era moito maior. O portugués, por un criterio cultista, recuperou, cando menos na escrita, a consoante final latina; non hai razón ningunha para proceder do mesmo xeito en galego.

Sobre (de). Na fala moderna existen algunhas variantes minoritarias (sóbor, sober), continuación doutras medievais. En todas as épocas do idioma sobre foi a forma maioritaria. Por esta razón é adoptada como normativa.

+ Maximiza/Descarga (Formato DOCS)

19-Preposicións e locucións prepositivas.docx

+ Maximiza/Descarga (Formato PDF)

19-Preposicións e locucións prepositivas.pdf