2

A acentuación

2.1. O acento gráfico (ʹ)

Unhas regras de acentuación deben permitir recoñecer a sílaba tónica en todos os casos, ser facilmente memorizables e esixir un uso mínimo de acentos gráficos.

No galego só se usa un tipo de acento gráfico, o agudo (ʹ).

Noutras linguas úsanse outros tipos de acento gráfico (,^) para marcar a tonicidade e ao mesmo tempo indicar o timbre das vogais e, o. seguindo esta práctica, tamén se podería marcar en galego a diferenza entre vogal aberta e pechada por medio dun acento naqueles casos en que conforme ás regras de acentuación debesen levalo (revés con e aberto e burguês con e pechado, á portuguesa, ou ben revès/burgués, como en catalán e francés). Pero isto non nos traería a solución para a indicación das vogais abertas e pechadas, porque a maioría das palabras con e, o aberto non levan acento gráfico segundo as regras de acentuación propostas, e por iso só unha cantidade mínima destas palabras se beneficiaría da distinción entre dúas clases de acento. Por outra banda, en galego non son raras as palabras que non presentan vogal aberta ou pechada de maneira uniforme en todo o territorio.

Tense tamén usado o acento circunflexo ou o grave para marcar a contracción de a + a(s), a + o(s): â, ô; à, ò; desta maneira, segundo os partidarios desta práctica, o acento agudo quedaría reservado para indicar tonicidade, e os outros para indicar contraccións de a + a, a + o. Pero dado que a función do acento é diacrítica, é dicir, vale para axudar a distinguir dúas palabras que se escriben igual, esta misión realízaa perfectamente o acento agudo tamén nos casos de con- tracción: á, ó (fronte a a, preposición ou artigo, e o, artigo); isto sen contar con que as contraccións ó, á en galego se realizan foneticamente como tónicas.

2.2. Palabras agudas

As palabras agudas ou oxítonas acentúanse graficamente cando son polisílabas e rematan en vogal, en vogal + n, en vogal + s ou en vogal + ns: mazá, café, alí, tirizó, calacú, irmán, alguén, ninguén, latín, corazón, algún, ningún, mazás, cafés, cadrís, tirizós, calacús, irmáns, reféns, latíns, corazóns, algúns, comúns.


Segundo o criterio de máxima economía de acentos gráficos, podería pensarse en prescindir de acento en palabras rematadas en -í, -ú, -ón, -ún, -ín e - ns, por seren moito máis abundantes ca as graves, pero o criterio da simplicidade das regras aconsella non introducir excepcións.

Non se acentúan cando son monosílabas nin cando acaban en ditongo decrecente (seguido ou non de n ou s) ou noutra consoante que non sexa -n ou -s. Así: xa, la, fe, di, si, cu, Xan, can, len, din, don, fun, tres, amei, amou, seguiu, recibiu, colleu, ademais, capitais, papeis, españois, azuis, capital, papel, cantar, nariz, arroz.

Para a acentuación de i, u en hiato, véxase 2.5.

2.3. Palabras graves

Levan acento gráfico as palabras graves ou paroxítonas cando rematan en consoante distinta de -n ou -s e en grupos consonánticos distintos de -ns. Así: móbil, carácter, alférez, fórceps, bíceps, Félix, clímax. Tamén se acentúan as palabras graves con ditongo decrecente na última sílaba: amábeis.

En consecuencia, non se acentúan as palabras graves rematadas en vogal, vogal + n, vogal + s ou vogal + ns. Así: canta, cantara; cantan, cantaran; cantas, cantaras, lapis; canons, colons, dolmens.

Para a acentuación de i, u en hiato, véxase 2.5

2.4. Palabras esdrúxulas

As palabras esdrúxulas ou proparoxítonas levan sempre acento gráfico: bárbaro, mágoa, tépedo, tónico, túnica.

2.5. Acentuación de I, U en hiato

Con independencia do establecido nas epígrafes precedentes, as vogais i, u tónicas acentúanse graficamente cando van inmediatamente antes ou despois dunha vogal átona, para indicar que ambas as vogais pertencen a sílabas distintas e que, polo tanto, non forman ditongo. Así: acentúo, aínda, baúl, caída, Coímbra, constituíu, egoísmo, miúdo, moía, prexuizo, raina, raiz, roía, ruído, saia, sain, sair, sua, traia, tua, xuizo etc. Para os efectos de indicar que non forman ditongo coa anterior, as vogais i, u tónicas non se acentúan graficamente cando entre estas e a átona aparece o grafema h: prohibo.

Tamén cabería pensar en adoptar para estes casos o sistema de acentuación do portugués, que nos levaría a non marcar a vogal tónica en recua ‘recúa’ ou en sabia ‘sabía’ (en troques, si en país), e, consecuentemente, a acentuar récua ‘recua’ ou sábia ‘sabia’ (mais non saia).

Esa regra presenta, porén, algúns inconvenientes. Acentuar sábia supón considerar proparoxítonas as palabras deste tipo, cousa que resulta discutible, pois tan grave é sabia como saia, independentemente de que a secuencia -ia vaia nun caso precedida de consoante e no outro precedida de vogal. Así pois, se tanto saia como sabia son palabras paroxítonas, non semella xustificable dispensarlles un tratamento distinto, sobre todo tendo en conta que isto nos levaría a incorrer nunha nova incoherencia, a de acentuar caía mais non valia ‘valía’.

Polo demais, sendo necesario, conforme se dixo antes, acentuar graficamente Araúxo, cafeína, egoísmo, país etc., empregando o acento para indicar que a vogal con el marcada é silábica, non hai razón ningunha que aconselle non facelo tamén nos casos de había, María, río etc.

Quere isto dicir que, se non levan acento gráfico, as vogais i, u tónicas forman ditongo crecente ou decrecente coa vogal que as segue ou que as precede: bilingüismo, lingüista, puido, partiu, seguiu.

2.6. Acentuación dos estranxeirismos

As palabras estranxeiras de circulación corrente, aínda que non estean plenamente adaptadas ao galego, seguen as regras de acentuación enunciadas anteriormente. Así:

Palabras agudas: autobús, iglú, obús, organdí, popurrí, puré, ralentí, tabú, vermú, xampú, iglús, purés, xampús; aerosol, anorak, argot, autocar, autostop, ballet, boicot, coñac, fagot, iceberg, leitmotiv, neceser, relax, voleibol.

Palabras graves: accésit, béisbol, cénit, ídem, karaoke, líder, álbum, médium, macádam, quórum, réquiem, smóking, superávit, tándem, télex, tótem; harakiri, ioga, lapilli, mitin, pelotari, penalti, pizza, quimono, ravioli, zombi.

Palabras esdrúxulas: bádminton, búmerang, cárdigan, déficit, hábitat, hándicap, ínterim, magníficat, párkinson.

As palabras rematadas graficamente en -y teñen o mesmo tratamento ca as rematadas en -i: playboy, spray (coma convoi, samurai), hóckey, hippy, hobby, rugby, whisky.

Neste tipo de palabras pódese prescindir do acento gráfico correspondente e manter integramente a grafía propia da lingua de que proceden cando exista conciencia clara de que son estranxeirismos.

2.7. Casos especiais de acentuación

2.7.1. O acento diacrítico

Utilízase o acento gráfico con función diacrítica para distinguir dúas palabras que teñen a mesma forma na escrita, pero que se diferencian porque a vogal tónica ten distinto timbre ou porque unha palabra é tónica e a outra átona (póla/pola, dá/da). En moitos casos non é necesario facer diferenzas gráficas, porque o significado das palabras resulta claro ao apareceren en contextos diferentes: el colle (o aberto), colle ti (o pechado), el mete (e aberto), mete ti (e pechado) etc. Outras veces pode haber confusións e por iso cómpre poñerlle acento a unha das dúas formas homógrafas; neste caso pónselle sempre acento gráfico á palabra que ten vogal aberta ou á que é tónica. Así:

Noutros casos o acento só se utilizará en contextos ambiguos e marcando sempre graficamente a palabra con vogal aberta: (el) tén / ten (ti). Para os interrogativos e exclamativos véxase 2.7.4.

2.7.2. O verbo con pronome enclítico e cos alomorfos do artigo LO(S), LA(S)

Cando os verbos levan pronomes enclíticos, no tocante á acentuación gráfica compórtanse coma se fosen unha soa palabra. Por iso escribimos cantará / cantara, cantaraa / cantáraa; beberá / bebera, beberaa / bebéraa; recibirá / recibira, recibiraa / recibíraa; bebérala / beberala; cantárana / cantarana; métese; méteseche; meteuse; metéusenos; tómao; fixéronllelo etc.

Se se utiliza a combinación verbo + variante alomórfica -lo do artigo, acentúase tamén coma se fose unha única palabra: cóme-lo caldo / come-lo caldo, bebéra-la auga / bebera-la auga etc.

As formas verbais que levan acento diacrítico mantéñeno cando van seguidas dunha forma átona do pronome: é / élle / éa; dáo / dáme / dálle; ti dálo á forza / dáslle; vélo comprar?

2.7.3. Os adverbios en -MENTE. Palabras compostas

Por se tratar de palabras graves rematadas en vogal, resulta innecesario o acento gráfico nos adverbios en -mente. Por iso debemos escribir comicamente, comunmente, dificilmente, friamente, habilmente, rapidamente, rexamente, finxidamente, utilmente... No caso de apareceren varios adverbios en -mente coordinados, esta terminación só aparece no derradeiro, e os anteriores manteñen o seu acento: cómoda e facilmente.

Tampouco mantén o acento gráfico o primeiro termo das palabras compostas xa soldadas: Riotorto, fervellasverzas, vichelocrego etc.

2.7.4. Outros casos

A utilización de recursos gráficos para distinguir entre as funcións gramaticais que pode ter unha mesma palabra debe reducirse a aqueles casos que poidan causar problemas de interpretación do texto escrito. Por outra parte, o acento diacrítico utilízase unicamente para diferenciar palabras en principio homógrafas mais non homófonas, polo que o seu uso para diferenciar, por exemplo, este, ese, aquel etc. en función substantiva, de este, ese, aquel etc. en función adxectiva, supoñería a introdución dun novo criterio non xustificado. De acordo con isto, non se acentúan en ningún caso nin os demostrativos nin o indefinido e numeral un: esta mesa, quero esta, mira esa, colle aquela, un can, un deles, dáme un.

Cal, cando, canto, como, onde, que e quen non se acentúan en interrogativas e exclamativas directas: cal queres?, cando vés?, canto queres?, como che vai?, onde está?, que queres?, quen cho deu?, que desgraza!

Tampouco se acentúan as formas do interrogativo e exclamativo cando introducen interrogativas indirectas (pregúntalle cando volve, pregúntalle onde está, preguntoulle cal quería), agás cando for preciso para evitar posibles anfiboloxías: dille qué queres, / dille que queres, xa sabes qué hai? / xa sabes que hai?, xa sabes cánto lle custou / xa sabes canto lle custou etc.

+ Maximiza/Descarga (Formato DOCS)

02-A acentuación.docx

+ Maximiza/Descarga (Formato PDF)

02-A acentuación.pdf