15

Pronomes

15.1. Persoais

O paradigma dos pronomes persoais establécese como segue:

15.1.1. Serie tónica

Como forma de suxeito para a segunda persoa de singular existe tamén na fala o pronome tu. A escolla a favor de ti non fai senón reflectir unha elección feita xa no galego escrito; ademais, ti está desprazando a forma tu de maneira espontánea no galego falado.

Para o masculino da terceira persoa existen tamén dúas variantes: el e il (eles e iles). A escolla a favor da primeira, maioritaria xeográfica e demograficamente, vén sendo aceptada nos últimos tempos de forma practicamente unánime (vide 15.3.1).

A forma el tamén se utiliza como neutro en construcións coma el é certo que chegaron ricos de Australia; el é verdade que fostes andando aos Ancares?

Para a terceira persoa había ademais unha forma neutra elo, inusual en galego moderno. Cómpre indicar que é unha forma xenuinamente galega, paralela das correspondentes formas neutras do demostrativo, aínda que o uso que ás veces se fai dela na lingua escrita sexa calco do castelán ello. A posibilidade de funcionar como suxeito probablemente non a desenvolveu nunca; hoxe só aparece formando parte dalgunhas expresións fixas, como estar a elo. É preciso ter isto en conta ao usala, así como que os seus usos primitivos foron asumidos polo pronome persoal masculino e polos demostrativos neutros.

Na primeira e segunda persoas de plural utilízanse como formas non marcadas, polo tanto válidas en todos os contextos, nós e vós. Ao lado delas existen tamén nosoutros, nosoutras e vosoutros, vosoutras, aínda que cun significado específico oposto ao das outras, que desde a orixe se mantén aínda en grandes zonas do territorio lingüístico galego. Nosoutros e vosoutros delimitan un grupo, establecido no contexto ou coñecido polo interlocutor, deixando fóra dese plural (“eu e mais estoutros”, “ti e mais esoutros”) todos os que non pertenzan a el; nós e vós, en troques, non establecen ningunha delimitación con respecto aos demais (imos repartir o traballo: vosoutros tallades o papel e vosoutros preparades o debuxo; nosoutras non pensamos coma el). Esta diferenza tradicional nalgunhas zonas de Galicia eliminouse a favor dun dos dous pronomes concorrentes (nós e vós ou nosoutros e vosoutros). Nós e vós son demográfica e xeograficamente maioritarias, e por iso deben ser preferidas en caso de renunciar á distinción mencionada.

As formas de cortesía son vostede e vostedes, que esixen verbo en terceira persoa de singular ou plural, respectivamente.

A escolla a favor destas formas vén dada xa pola tradición escrita desde o século XIX. As formas tradicionais, hoxe dificilmente recuperables, eran vós e el (ela, eles, elas), aínda vivas en certas zonas.

As preposicións en e de contraen co pronome persoal de terceira persoa, segundo se indica no cadro seguinte:

Estas contraccións non teñen lugar cando a preposición non rexe directamente o pronome: De eles chegaren en tempo, imos xuntos.

15.1.2. Serie átona

As formas o, lo e no (cos correspondentes femininos e plurais) son variantes combinatorias, de maneira que cada unha delas aparece nuns contextos fonéticos específicos en que non poden aparecer as outras: lo úsase cando o pronome é enclítico dunha forma verbal (excluído o participio) ou pronominal rematada en -s ou -r (coller - collelo, colles - cóllelo) e tras o adverbio u (antes *ub: ulo?); no úsase tras as formas verbais que acaban en ditongo (fai - faino; dei - deina; comeu - comeuna; feriu - feriuno; deixou - deixouna); o, en fin, úsase en todos os outros casos (collo - cólloo, collín - collino, fan - fano, non vexo - non o vexo, mal vexo - mal o vexo etc.).

Para a xustificación histórica destas formas véxase o dito a propósito do artigo en 14.1.1 e tamén o dito en 17.2.2.

A lingua medieval tras ditongo presenta uniformemente o (a, os, as), que con frecuencia alteraba considerablemente as vogais do ditongo ao se unir a el (colleo “colleuno”, cantoo “cantouno”). Posteriormente en galego, tras as formas verbais rematadas en ditongo, aparece usado un alomorfo no, que se impón de tal xeito que hoxe esta solución é case xeral. Unicamente pequenas áreas periféricas manteñen a solución tradicional; cómpre dicir que a localización e a extensión destas áreas dependen do ditongo de que se trate (p. ex. deixouo e deixoa, pero saudeino; deixouno e saudeino, saudeina, pero haias). O uso deste alomorfo tras ditongo é un trazo innovador propio do galego, con implantación case total na lingua moderna, que vén sendo unanimemente aceptado como normativo na lingua escrita xa desde os primeiros textos da época moderna.

Cómpre chamar a atención sobre o dativo de plural lles, xa que en gran parte do dominio lingüístico existe unha única forma lle, sen distinción de número. Escóllese o sistema con oposición numérica por ser máis completo e claro, ao non presentar a mencionada neutralización.

A concorrencia dos pronomes en dativo co acusativo de terceira persoa resólvese como segue:

15.2. Posesivos

O paradigma dos pronomes posesivos presenta en galego moderno unha única serie:

As formas do masculino singular meu, teu, seu, noso, voso, seu, pódense usar precedidas de de, sen variación de xénero e número: temos tres casas de noso (‘da nosa propiedade’), é boa de seu (‘en por si’).

Existe tamén un posesivo de respecto, mi, que acompaña a madre, padre, ocasionalmente a tío e aínda a outros substantivos de tratamento (amo, señor).

Hai ademais unhas formas de posesivo ligadas a un distributivo, que non presentan variación de forma en relación coa categoría de persoa: cadanseu, cadansúa, cadanseus, cadansúas: déronnos (a) cadanseu libro; foron miña nai e mais ela, e colleron (a) cadansúa peza de pan; compraron (a) cadanseus zapatos.

Entre as variantes existentes na fala (cadanseu, cadaseu, cadaunseu), escóllese cadanseu como normativa por ser a de maior extensión xeográfica e a máis empregada.

15.3. Demostrativos

15.3.1. Paradigma dos pronomes demostrativos

O paradigma dos pronomes demostrativos establécese como segue:

No galego moderno coexisten tres paradigmas de demostrativos, con distribución xeográfica propia cada un deles, ademais dalgún paradigma mixto resultado do cruzamento dos anteriores e con vixencia só en puntos illados. Estes paradigmas son os seguintes:

a) Este, esta, esto etc. É o que ocupa maior extensión xeográfica e o máis documentado nos textos galegos medievais. Aínda así, foi mirado con reticencia por coincidir en gran parte co do castelán. Na maior parte do galego de Asturias o plural do masculino é o etimolóxico: estos, esos, aquelos.

b) Iste, esta, esto etc. As formas masculinas con i- (iste, ise, aquil e il) forman unha zona compacta que comprende a maior parte da provincia de Ouren se e o sur de Lugo.

c) Este, esta, isto etc. Este sistema con hipercaracterización da forma neutra, resultado dun fenómeno fonético nada estraño ao galego, aparece en dúas áreas descontinuas moi poboadas (unha que comprende a metade sur da provincia de Pontevedra e outra o nordés da Coruña).

Tense adoptado un sistema de demostrativos con i- en todos os casos, tratando de fuxir do que se consideraba castelán ou pouco diferencial; pero o uso das formas ista, isa, aquila (e ila) é abusivo, pois non existen máis ca nalgún punto illado, e mesmo alí esporadicamente, por extensión analóxica do demostrativo masculino ou neutro. Este mesmo criterio diferencialista levou a escoller como normativo o paradigma c), coas formas neutras isto, iso, aquilo.

15.3.2. Combinación co indefinido outro

O demostrativo combínase co indefinido outro, dando lugar en cada caso á formación dunha nova palabra, xa que só o segundo elemento admite morfemas de xénero e número:

Aínda que estas son as formas habituais para o masculino e o feminino, existen tamén as formas plenas, que son as únicas posibles para o neutro: estes outros, aquilo outro.

15.3.3. Contraccións coas preposicións en e de

O mesmo ca o pronome persoal tónico de terceira persoa, o pronome demostrativo contrae coas preposicións en e de: deste, neste, destoutra, nesoutra, daquilo, daqueloutros, naquela etc.

Estas contraccións non teñen lugar cando a preposición non rexe o substantivo modificado polo demostrativo: de estas razóns seren admitidas.

15.4. Cuantificadores e identificadores

15.4.1. Formas dos cuantificadores

Calquera é a forma de case todo o territorio lingüístico galego, coa variante calqueira rexistrada nalgún punto illado e motivada polo presente de subxuntivo moderno do verbo querer. Recórdese que actualmente é sempre invariable (pode facelo calquera, faicho calquera nena; colle un libro calquera, colle uns libros calquera).

Para as razóns da escolla a favor de propio véxase 10.6.

As formas o máis, a máis, os máis e as máis son variantes tradicionais de o demais, a demais, os demais, as demais: Vin eu só porque os máis (ou os demais) tiñan outras cousas que facer. Fóra disto, teñen tamén o valor propio cuantitativo de ‘a maior parte’: A máis da xente pronunciouse en contra.

+ Maximiza/Descarga (Formato DOCS)

15-Pronomes.docx

+ Maximiza/Descarga (Formato PDF)

15-Pronomes.pdf
No galego moderno as formas ninguén e ningún rexístranse sempre con i na primeira sílaba (o mesmo que o adverbio ningures); as variantes que se rexistran con respecto a estas formas non afectan ao vocalismo da sílaba inicial (niñún, ningúa etc.). Por outra parte, aínda que no galego medieval coexisten as formas con ne- e con ni-, as segundas son as únicas documentadas nalgúns textos (cf. 18.6). Esta solución é congruente coa de lingua, minguar etc. En portugués a situación é diferente, pois a carón de ninguém hai nenhum (e nenhures).
Para as razóns da escolla a favor de moito e canto, véxase respectivamente 10.2. e 10.1.

15.4.2. Formas dos identificadores

outro, outra, outros, outras

calquera; quenquera tal, tales

mesmo, mesma, mesmos, mesmas

propio, propia, propios, propias

o demais, a demais, os demais, as demais

o máis, a máis, os máis, as máis

certo, certa, certos, certas

determinado, determinada, determinados, determinadas

15.4.3. Contraccións

Algún e outro, cos seus femininos e plurais, contraen coas preposicións en e de: nalgún, nalgunha...; dalgún, dalgunha...; noutro, noutra...; doutro, doutra... Con alguén e algo non se marca contracción na escrita.

Se o cuantificador ou o identificador está iniciado por un(s), unha(s) ou por o(s), a(s) (uns cantos, un pouco, o demais, o máis, ...), as contraccións son as indicadas para os artigos (vide 14.1.2. e 14.2.2.).

O indefinido un(s), unha(s), cando actúa como adxectivo, presenta as mesmas contraccións ca o artigo indeterminado (vide 14.2.2): falounos duns problemas que non demos entendido; cuns veciños podemos falar, con outros é imposible. Cando se usa como pronominal xeralmente represéntase a contracción coas preposicións de e en, dando lugar ás formas dun(s), dunha(s), nun(s), nunha(s): están sempre a falar mal dun; a resposta hai que buscala nun mesmo; por contra, non se representa na escrita a contracción coa preposición con: tanto se comprometía con un coma con outro; cada domingo ía ao teatro con unha, nunca o viamos coa mesma rapaza.


15.5. Relativos, interrogativos e exclamativos

Para o relativo e interrogativo ou exclamativo o galego ten catro formas: dúas sen variación de xénero e número, que e quen; outra que admite morfema de plural, cal (pl. cales); e outra que pode ter morfemas de xénero e número, canto (canta, cantos, cantas). Existe ademais un relativo posesivo cuxo, que presenta flexión de xénero e número (cuxa, cuxos, cuxas).

Aínda que na lingua popular o relativo cuxo non ten uso, a lingua culta moderna recuperouno a partir da forma medieval cujo.