17.2

Observacións

17.2.1 Alteracións gráficas

Hai algunhas alteracións gráficas reguladas polas leis de distribución de grafemas expostas en 1.2 e 1.3: c/qu, g/gu e z/c alternan na representación gráfica da raíz do verbo segundo que a vogal que siga sexa a, o ou e, i respectivamente:

(sacar) saco, sacas / saque,

(delinquir) delinco, delinca / delinque, delinquía,

(segar) sego, segas / segue,

(erguer) ergo, erga / ergue, erguía,

(cazar) cazo, cazas / cace,

(cocer) cozo, coza / coce, cocía.

17.2.2 Asimilacións

A primeira persoa de plural perde o -s cando leva enclítico o pronome nos: vémonos.

Cando unha forma verbal rematada en -s ou en -r vai seguida polos pronomes lo, la, los, las, elimínanse, por asimilación total, o -s e o -r: cantar lo > cantalo, cantas la > cántala.

Para o comportamento do alomorfo lo do artigo tras formas verbais en -r ou -s, vide 14.1.1.

Cando a forma verbal remata en -n, estas variantes convertéronse en no, na, nos, nas, e a secuencia nn simplificouse: comeron las > coméronnas > coméronas (cf. 14.1.1).

Esta última asimilación é tamén a que se dá cando o pronome lo, la, los, las vai detrás de quen, ben, nin, non, sen, tamén, alguén, ninguén, ou cando o artigo vai detrás dunha forma verbal acabada en -n: quen o quere?; non o quero; alívén o gaiteiro. A articulación alveolar do n manifesta isto claramente: [kɛno'kɛre /'nõno'kɛro / a'li'βenoɤaj'tejro]. A grafía habitual non dá conta da asimilación nestes casos, aínda que non faltan representacións espontáneas que mostran a pronuncia alveolar do n: non-o quero, no-no quero ou nono quero.

Grafías arbitrarias do tipo comeronno obrigan a unha pronuncia [ko'meroŋno], que representa unha fase da fala practicamente superada. A súa reintrodución na escritura só se explica por adopción do sistema fonético e morfolóxico do portugués, moi diferente neste punto ao do galego, xa que aquel idioma mantén a nasalidade vocálica.

17.2.3 Verbos en –CER e -CIR

Os verbos en -cer (menos facer e derivados) e en -cir (menos dicir e derivados) son completamente regulares (a menos que teñan algunha das alternancias vocálicas de que se falará máis adiante en 17.2.5). Por exemplo:

Traduce, traduz. É sabido que calquera -e final átono (<-E, -i) tras l, r, s, z, n desaparece, conforme ás leis fonéticas do galego (mal, cantar, portugués, cruz, can). Pero tras das outras consoantes o galego non enmudeceu o -e (golpe, sebe, pote, parede, duque, sangue etc.; mesmo r, l, agrupados, preservaron o -e: libre, simple). A lei da perda do -e, con todo, cancélase cando pode ter repercusións morfolóxicas; desta maneira evítase a anomalía de que o presente de subxuntivo de cantar sexa cante, cantes, cante e o de calar sexa *cal, cales, *cal. Nótese que no futuro de subxuntivo o -e, aínda sendo morfema, desaparece sempre porque non se dá a circunstancia de que vaia precedido unhas veces por consoantes tolerables en posición final e outras precedido por consoantes non tolerables; precede sempre -r, por iso a caída do -e é xeral, sen excepcións: souber, souberes, souber; tiver, tiveres, tiver; cantar, cantares, cantar.

En contra da lei morfolóxica da conservación de -e, que acabamos de mencionar, en galego antigo había algunhas formas verbais en que o -e desaparecía case por regra; ocorría isto tras z [dz], nos verbos acabados en -zer, zir (< vog. + cere, vog. + cere; vog. + cire): faz, jaz, praz, diz, aduz, nuz. Tamén pasaba isto con fiz (< feci) e fez (fecit). Carecemos de noticias de se se podía tamén dicir coz (de cozer) e luz (de luzir). En troques, tras c [ts] o -e non desa- parecía nunca (vence, torce, nace, coñoce), porque a súa falta daría lugar a un grupo consonántico insólito: *torç [torts], *naç [nats] (antes [nasts]). Desta maneira quedaba establecida unha distribución complementaria entre os verbos con raíz rematada en consoante africada alveolar: e tras [ts], -Ɵ tras [dz], debido a que se mantiña a correlación de sonoridade: coñoce / aduz. Esta distribución é a que aínda con carácter bastante sistemático se mantén en portugués (aínda que o [ts] pasase a [s] e o [dz] a [z]: agradece / faz; debe notarse o paralelismo con disse / quis). De todas as maneiras hai vacilacións mesmo no portugués normativo, pero sempre con tendencia a recuperar o -e: imperativo diz ou dize, faz ou faze, conduz ou conduze.

En galego, coa confluencia /ts/-/dz/ en /θ/ (ou /s/) desapareceu a condición que gobernaba aquela distribución complementaria e repúxose o -e de modo constante, cousa que non é casual, dado que a desfonoloxización se resolveu precisamente en favor da consoante xorda, é dicir, da que esixía constantemente -e.

Debe usarse, por tanto, prace, xace, aduce, conduce, reduce etc. Tan inxustificado resulta escribir conduz como resultaría escribir naz.

Para a sorte de diz, faz e fiz véxase máis abaixo dicir (17.3.5) e facer (17.3.8). Nuzir perdeuse.

No galego antigo había tamén outro caso de perda case sistemática de -e: a que se producía nos verbos rematados en -ler (valer) e -rer (querer): val, quer. De todas as maneiras, xa en textos antigos aparecen vale e quere co -e recuperado. Na fala actual, aínda que é posible documentar val e quer, son formas xa minoritarias; o propio portugués optou de modo definitivo por vale como forma normativa única; en canto á outra forma, mantén vacilación: quere cando leva enclítico un pronome de terceira persoa (quere-o), quer no resto dos casos. Normativamente as únicas formas aceptables en galego son vale e quere.

A forma antiga quer quedou fosilizada como conxunción disxuntiva.

17.2.4 Verbos con radical acabado en vogal

17.2.4.1 Verbos acabados en -ear, -oar:

Son completamente regulares:

17.2.4.2 Verbos acabados en -iar, -uar

Entre os acabados en -iar, -uar, aínda que regulares sempre, cómpre distinguir: a) aqueles en que ia, io, ie ou ua, uo, ue son sempre ditongo (cambio, cambia, cambie; minguo, mingua, mingüe), e b) os que teñen aquelas secuencias conservadas como hiato (afío, afía, afíe, e mesmo a-fi-ar, ou acentúo, acentúa, acentúe).

No resto do paradigma non hai diferenza acentual, pero foneticamente as secuencias -ia-, -ie- pronúncianse como ditongo nos verbos do primeiro tipo cam-bia-mos, cam-bia-des, cam-bia-ba, cam-bie-des, cam-bia-rei, cam-biar etc.) e como hiatos nos do segundo tipo (a-fi-a- mos, a-fi-a-ba, a-fi-a-rei, a-fi-ar).

Os do tipo a) constitúen o grupo maioritario; son, nomeadamente, os que se corresponden con substantivos en -io, -ia: cambiar, oficiar, viciar etc. (cf. os substantivos correspondentes: cambio, oficio, vicio etc.).

Os do tipo b) son menos abundantes; correspóndense case sempre cos substantivos en -ío, -ía: adiar, agoniar, arrefriar, asubiar, aviar, chiar, confiar, espiar, fiar, guiar, liar, miar, variar, vixiar, xunto con outros membros das mesmas familias léxicas (desafiar, desconfiar, porfiar etc.) (cf. os substantivos día, agonía, frío, asubío, avío, chío, espía, fío, guía, vixía etc.). Conxúganse tamén conforme este modelo ansiar e paliar.

Na lingua popular dáse algunha transferencia dos verbos en -iar (do tipo cambiar) para os verbos en -ear (vide 17.2.4.1); non é infrecuente oír cambeo, cambeas, cambea etc., ao lado de cambio, cambias, cambia etc. Desde un punto de vista normativo é preferible manter separados -iar/-ear, conforme á tradición. Advírtase que os verbos en -iar (do tipo cambiar) xeran substantivos en -io (cambio), e os verbos en -ear substantivos en -eo (troulear, trou- leo). A inexistencia dun substantivo * cambeo é suficiente para facer menos aceptables cambeo, cambeas, cambea etc. do que cambio, cambias, cambia etc.

17.2.4.3 Verbos acabados en -aer, -oer, -aír, -oír

Caer (decaer, recaer), choer, doer (condoer), moer (remoer), proer, roer (corroer), oír (desoír, entreoír), saír (sobresaír), os derivados de traer (atraer, distraer...) etc., son regulares, pero intercalan un -i- sen valor morfolóxico entre a raíz e a desinencia, cando esta empeza por o ou por a.

Traer, pero non os seus derivados, ten outras irregularidades que se verán en 17.3.25.

Caer, caír. Na lingua moderna dise caer nas provincias da Coruña e Lugo, en boa parte das de Pontevedra e Ourense e nas falas galegas de Asturias e Zamora. Din caír o resto de Pontevedra e Ourense, puntos illados de Lugo e gran parte do galego de León. No galego medieval practicamente era descoñecida outra forma que non fose caer. Os verbos en -aer e -aír tiñan en común algunhas formas: caía = saía, caí(n) = saí(n), caio = saio, caia = saia etc. Destas formas comúns resultou a nivelación analóxica caír = saír. Pero tendo en conta a maior tradición de caer e a maior extensión na fala actual, débese escoller esta forma como normativa.

Caes, cae, caen. En xeral, as formas do tipo caes, cae, caen mantéñense como [‘kaes], [‘kae], [‘kaeŋ], aínda que exista unha tendencia, segundo as zonas, a pronunciacións ou [kajs], [kaj], [kajŋ] (zona oriental), ou [kas], [kaj], [kaŋ] (noutras zonas); de todos os modos, estas pronunciacións [kajs], [kas] etc. conviven sempre coas formas plenas (caes, cae, caen).

Foneticamente cabería esperar unicamente pronunciacións do tipo [kajs] (zona oriental) / [kas] (resto do dominio lingüístico galego), paralelas a animais / animás, ladrois / ladrós, ladróns. Pero contra esta tendencia fonética disgregadora hai o freo reconstrutor da morfoloxía. Se -es, -e, -en son a marca de número e persoa non é económico morfoloxicamente facer deles dous tipos de alomorfos [e], [es], [eŋ] tras consoante (bebes, bebe, beben) e [js], [j], [jŋ] ou [s], [j], [ŋ] tras vogal ([mͻjs], [mͻj], [mͻjŋ] ou [mͻs], [mͻj], [mͻŋ]).

Advírtase tamén que esta mesma explicación xustifica a persistencia do -e tanto en portugués coma en galego no presente de subxuntivo dos verbos en -oar: amontoe, amontoes, amontoen; neste caso o o é pechado, pero isto é irrelevante. Podemos observar que o -e se interpreta como [e] e non como [j] porque a énclise do pronome non esixe o alomorfo no, na, nos, nas como ocorre cando a terminación do verbo é realmente un ditongo: seino, hainas, leveinos, moeunas etc., pero el móeo, el remóea.

Estas mesmas consideracións referentes a -es, -e, -en son aplicables aos verbos en -aír, oír e -uír (vide 17.2.4.4).

Moio, moia etc. Presentan tamén unha mostra de solidariedade morfolóxica. De molo e cadam esperaríamos (cf. faseolum > *freixoo > freixó) e *cá (cf. Triavada > Triabá). Para manter regulares as formas conservouse o hiato (moo, *caa) e mesmo se reforzou cun -i-, que axuda a marcar a fronteira silábica: moio, caia. Este -i- estendeuse despois a outras persoas, mesmo cando non separaba vogais idénticas, para evitar irregularizar novamente o verbo; así, conforme a caia fíxose caio e conforme a moio fíxose moia. (No caso de caia, caio o -i- podería xustificarse tamén mediante un hipotético *cadeam, *cadeo, se temos en conta que cadĔre pasou a *cadĒre en época moi antiga). Hoxe caio, caia etc. son formas únicas en todo o galego; moio e moia (fronte a moo, moa) son maioritarias. Esta é a razón pola que se escollen as formas con -i-.

Sairei (vide 17.3.1, nota caberei). Oír (vide 17.3.13).

17.2.4.4 Verbos en -uír

Verbos en -uír: argüír, -cluír (concluír, recluír...), diluír, estatuír, fluír e derivados, imbuír, -stituír (destituír, restituír...), -struír (construír, destruír...), -tribuír (atribuír, contribuír...). Son regulares:

Inclúes, inclúe, inclúen. Para a xustificación de -es, -e, -en véxanse os argumentos expostos en 17.2.4.3 a propósito de caes, cae, caen. Obviamente, nestes verbos non ten por que aparecer ningún -i- antihiático coma o de moio ou caia, porque a distancia entre u (última vogal do radical) e as vogais da desinencia -o, -e e -a é tan grande que non hai crase posible e a fronteira silábica está perfectamente marcada pola diferente articulación dos dous fonemas u/o, u/e, u/a.

Estes verbos en -uír, igual ca os que veremos máis adiante en 17.2.5.2, non admiten en galego alternancia do timbre vocálico na raíz (non se coñecen en galego formas como *constroes, *constroe, *constroen nin *constrois, *constroi, *constroin).

17.2.4.5 Verbos en -er (< -eer) e -ir (< -iir)

Os verbos en -er (< -eer) e -ir (< -iir), como crer, descrer; ler, reler, trasler; sobreser e rir, sorrir, son parcialmente irregulares. De todas as maneiras, cómpre ter en conta algúns encontros vocálicos que na fala e na escrita (xa desde a época medieval) se resolven en contracción. Estes encontros son os seguintes: -- > é (ex.: leer > ler), -ée- > -é- (lees > les), -eí- > -í- (leía > lía), -ei'- > -i- (leiamos > liamos), -íe- > -í- (ríes > ris), -ií- > -í- (riíches > riches), -ii'- > -i- (riiamos > riamos).

Para ver e derivados, que en parte da súa conxugación habería que incluír nesta epígrafe, vide 17.3.27.

As secuencias -eo, -ea, -eas, -ean nos verbos non xeran un iode antihiático polas mesmas razóns vistas para os substantivos e adxectivos en 9.8 e 9.9.

17.2.5 Alternancias vocálicas no radical do verbo

17.2.5.1 Verbos en -er

Os verbos en -er que teñen -e-, -o- como últimas vogais do lexema presentan unha alternancia [ɛ]/['e], [ͻ]/[o], cando son tónicas, segundo a seguinte distribución: ['ɛ], ['ͻ] na 2a e 3a persoas de singular e na 3a de plural do presente de indicativo; ['e], ['o] no resto. En posición átona son sempre pechadas

Queda excluída desta alternancia no presente de indicativo outra serie de verbos que por razóns históricas teñen vocalismo radical tónico, ou sempre aberto ([ɛ]: querer, quecer, esquecer; [ͻ]: poder), ou sempre pechado ([e]: deber, crer, ler, e sobreser, así como os derivados de todos eles; e, en boa parte do territorio lingüístico galego, tamén os verbos rematados en -cer: parecer etc.).

Esta alternancia non ten repercusións gráficas. Unicamente as pode ter cando, por razóns de clareza, queiramos diferenciar parellas homógrafas: (el) cóme / come (ti). Neste caso acentuarase graficamente a palabra en que apareza a vogal aberta.

17.2.5.2 Alternancias vocálicas nos verbos en -ir

A maioría dos verbos da terceira conxugación manteñen inalterada a última vogal do radical ao longo de todo o paradigma. Ocorre isto, sen excepción ningunha, cando é a (partir, invadir, sobresaír, persuadir etc.) ou cando é i (finxir, incidir, dividir, transmitir, vivir, corrixir etc.). Para o modelo de paradigma véxase partir en 17.1.

a) verbos con e como vogal final do lexema no infinitivo

Estes verbos (advertir, servir etc.) poden presentar dous tipos de alternancia:

  • Hai un grupo que troca o e en i nas formas do presente de indicativo e imperativo en que a raíz é tónica e, ademais, en todo o presente de subxuntivo:

Conforme ao modelo anterior conxúganse os seguintes verbos: adherir; advertir, divertir; agredir, transgredir; conferir, diferir, inferir, preferir, proferir, referir, transferir; competir, repetir; concernir, discernir; espelir; espir; dixerir, inxerir, suxerir; inserir; medir; pedir e derivados; reflectir; vestir, investir, revestir.

  • Hai outro grupo que presenta unha variación tripla no vocalismo da raíz: en posición átona sempre e [e] (agás no presente de subxuntivo); en posición tónica hai e [ɛ] nas persoas 2ª, 3ª de singular e 3ª de plural do presente de indicativo e i na persoa 1ª de singular do presente de indicativo, na 2ª de singular do imperativo e en todo o presente de subxuntivo.

O mesmo paradigma é o dos verbos ferir, mentir, sentir, seguir e dos seus derivados e compostos: malferir; desmentir; asentir, consentir, resentir; conseguir, perseguir e proseguir (advírtase que conferir, inferir etc. non son derivados de ferir, senón que se remontan á base latina -FERRE).

Sirve ti. O portugués ten nesta persoa do imperativo o mesmo vocalismo radical ca as formas rizotónicas do presente de indicativo; ao contrario do galego, usa serve tu [ɛ], con solución análoga á que segue nos verbos da segunda: bebe tu [ɛ]. Tanto para un tipo de verbos coma para o outro, o galego e o portugués son coherentes, aínda que con solucións específicas en cada lingua: se o portugués ten no imperativo, como se dixo, o mesmo vocalismo ca no presente de indicativo (ele corre [ͻ], corre tu [ͻ]; ele segue [ɛ], segue tu [ɛ]), o galego en troques ten no imperativo o mesmo vocalismo ca no presente de subxuntivo (corra vostede ['o], corre ti ['o]; siga vostede, sigue ti).

Seguir, advertir e repeler. Os verbos do tipo seguir tenden a eliminar a tripla alternancia e a incorporarse ao modelo do grupo anterior (advirto), máis regular morfoloxicamente. En realidade, o paradigma dado para servir e similares é o histórico, pero ten xa moi escaso apoio na fala popular, en que se tende a utilizar sirvo, sirves, sirve etc., segundo o modelo de advertir. Estas regularizacións non están motivadas por castelanismo, senón xeradas polo propio galego; malamente o castelán mientes pode xerar un galego mintes. Digamos de camiño que variantes do tipo segues / sigues, serves / sirves etc. (o mesmo ca dormes / durmes etc., que veremos despois) tamén as houbo en portugués desde finais do século XIV, pero na lingua estándar foron posteriormente reducidas a segues, serves (dormes) etc. No portugués trasmontano evítase a alternancia: firo, fires; sigo, sigues etc.

Adóptase como normativa a variante con alternancia por ser a tradicional e porque está en harmonía cos verbos da segunda en -e...er, -o...er (17.2.5), que a manteñen constantemente, e mesmo cos verbos da terceira en -u...ir, que conservan moito máis viva na fala a alternancia tradicional (17.2.5.2.2).

Cómpre ter en conta que os verbos en -e...ir non patrimoniais (do tipo advertir) presentan problemas de adecuación a un modelo de paradigma. Realmente, o modelo tradicional destes verbos era o que practicaba a alternancia de tres membros (['i]/[e]/['ɛ]: sirvo / servimos / serves), con todo posterior xa a unha fase medieval en que a alternancia era só de dous membros (['e]/['ɛ]: servio / serves); pero os verbos cultos (agredir, divertir, inferir, dixerir, competir etc.) encaixaban mal neste tipo de paradigma. Por esta razón se acudiu á creación dun paradigma novo que os tolerase mellor, cunha alternancia de dous membros só ([‘i]/[e]: advirto, advirtes, advertimos...). Pero aínda así a solución non é plenamente satisfactoria para todos os verbos, de maneira que algúns deles tenden a manter o e constantemente (somerxo, somerxes, somerxe; somerxa etc.); desta forma resultaría que os verbos deste tipo terían unha conxugación mixta: serían da segunda as formas rizotónicas do presente de indicativo e do imperativo (somerxo, somerxes, somerxe, somerxen; somerxe ti) e o presente de subxuntivo (somerxa, somerxas etc.) e da terceira as formas arrizotónicas (somerxir; somerximos, somerxides; etc.), pero isto é anómalo tamén; e desta anormalidade téndese a saír por dous camiños: ou ben incorporando o verbo integramente á segunda (compeler, expeler, impeler, propeler, repeler; emerxer, somerxer; converxer, diverxer) en contra da solución habitual, porque a segunda conxugación é improdutiva desde hai séculos; ou ben conxugando este tipo de verbos pola terceira, o que daría lugar a formas rizotónicas pouco aceptables. Recoméndase, fundamentalmente para facilitar a conxugación regular, seguir para estes verbos o modelo da segunda (vide 17.1).

b) verbos con u como vogal final do lexema no infinitivo

Os verbos que teñen u como vogal final do lexema no infinitivo (discutir, fuxir etc.) poden presentar dúas posibilidades de conxugación:

  • verbos do tipo discutir

Hai verbos en -u...ir (discutir, conducir etc.) que son completamente regulares e seguen o modelo de partir (vide 17.1).

Son os seguintes (a maioría deles de procedencia culta): argüír, asumir, atuír, -cluír (concluir, excluír, incluír, recluír), -cumbir (incumbir, sucumbir...), cumprir ‘completar’, -cutir (discutir, percutir, repercutir...), curtir, derruír, diluír, diminuír, -ducir (aducir, conducir, deducir, inducir, reducir, seducir, traducir...), embutir, escapulir, esculpir, estatuír, gruñir, fluír e derivados (afluír, confluír, influír, refluír...), fulxir (e refulxir), -fundir (fundir ‘derreter’, afundir, confundir, difundir, infundir, refundir), imbuír, insurxir, -ludir (aludir, eludir), nutrir, presumir, resumir, rustrir, -stituír (constituír, destituír, instituír, prostituír, reconstituír, restituír, substi- tuír...), -struír (construír, destruír, instruír, obstruír, reconstruír...), suplir, -tribuír (atribuír, contribuír, distribuír, retribuír...), tupir e derivados (entupir, desentupir), unir e derivados (desunir, reunir), unxir, urxir, zurcir.

  • verbos do tipo fuxir

Hai outro grupo de verbos en -u...ir, menos numeroso, que presenta unha alternancia tradicional u/o: [ͻ] nas persoas 2a e 3a de singular e 3a de plural do presente de indicativo, [u] no resto do paradigma:

Conforme a este modelo, conxúganse tamén os seguintes verbos: acudir, bulir (e rebulir), cubrir e derivados (descubrir, encubrir, recubrir), cumprir ‘ser mester’, cuspir, durmir, engulir, fundir ‘render’, fuxir, lucir e derivados (deslucir, entrelucir, relucir, translucir, tremelucir), mulir, muxir, pulir, ruxir, sacudir, subir, sufrir, sumir (e os seus derivados consumir e ensumir), tusir, ulir, urdir, xunguir, xurdir.

Cumprir, fundir. Advírtase que estes verbos teñen cada un dúas acepcións ben diferenciadas: cumprir ‘completar’ e ‘ser mester’; fundir ‘derreter’ e ‘render’. Só coas respectivas segundas acepcións teñen alternancia.

Fuxe ti. Para o timbre vocálico desta persoa do imperativo, tanto en galego coma en portugués, véxase o dito en 17.2.5.2.1 a propósito de sirve ti.

Fuxo, foxes. O sistema galego medieval separaba mellor ca o actual os verbos sen alternancia dos que a tiñan. En xeral, presentábana os que en latín tiñan -O- (dormire); despois incorporáronse os que tiñan -O- ou -U- (-CUTERE, BULLIRE, COPERIRE, CONSPUERE, *INGULLIRE, RUGIRE, SUFERRE, TUSSI- RE, surgere); carecían normalmente de alternancia os que en latín tiñan -U- (lucere, -ducere etc.). Modernamente, nos verbos patrimoniais mantense a situación medieval, coa excepción de lucir, que se incorpora ao grupo dos verbos con alternancia. Os verbos que entraron por vía culta adheríronse en bloque ao grupo dos que non tiñan alternancia, tanto se tiñan -U- (-cumbere, fundere, urgere etc.) coma se tiñan -U- (-ludere, nutrire etc.).

Actualmente hai unha tendencia a regularizar o paradigma dos verbos do tipo fuxir, mantendo como vocalismo radical sempre u (fuxo, fuxes, fuxe etc.); esta tendencia é paralela á que tamén opera nos verbos do tipo servir (sirvo, sirves etc.); con todo, a alternancia nos verbos do tipo fuxir mantén maior vitalidade ca nos do tipo servir. Para a escolla como normativo do paradigma con alternancia véxase o dito en 17.2.5.2.1, nota seguir, advertir e repeler.

Durmir, dormir. Advírtase a seguinte falta de paralelismo: os verbos que teñen vogal palatal como última vogal do radical nas formas arrizotónicas manteñen aínda o timbre etimolóxico, sexa e (advertir, servir) ou i (dividir). Polo contrario, os verbos que no galego antigo tiñan o no radical mudárono en u nas formas arrizotónicas. Desta maneira os antigos acodir, bolir, cospir, dormir, foxir, polir, roxir, sobir, somir, sortir, tosir etc. (igual que moitas palabras que tiñan a secuencia o...i: sotil, Loís, moíño, resocitar, roindade...), harmonizáronse en u...i: bulir, -cudir etc. Este cambio (e ás veces o inverso: lucir > locir, fundir > fondir) é xa antigo no idioma e hoxe está practicamente concluído. En portugués, en posición pretónica as vogais da serie velar neutralízanse en [u], de maneira que se pronuncia igual o u de bulir ca o o de dormir. Escribir acudir, bulir, cuspir, fugir, subir etc., fronte a cobrir, dormir, engolir, tossir etc., é unha incoherencia gráfica sen ningún apoio fonético nin etimolóxico.

Sufrir, sofrer; tusir, toser. A alternancia axuda a acentuar as interferencias entre a segunda e terceira conxugacións (dormes, dorme, dormen [o], comes, come, comen [o]). Estas formas comúns provocan ás veces intercambios nas dúas direccións: os orixinarios sofrer e tusir admiten tamén as variantes alternativas sufrir e toser. Tusir e sufrir son hoxe as formas máis estendidas; por esta razón deben ser preferidas ás outras.

17.2.6 Produtividade da 2ª e 3ª conxugacións

Mantéñense como verbos da segunda: converxer, emerxer, encher, erguer, esparexer, fender, ferver, premer, render, repeler, rexer, toller, xemer. Tamén se conservan como verbos da segunda os derivados de bater (abater, combater, debater, rebater), correr (concorrer, decorrer, discorrer, escorrer, incorrer, ocorrer, percorrer, recorrer, socorrer, transcorrer), romper (corromper, interromper, irromper, prorromper) e verter (converter, inverter, perverter, reverter, subverter; pero advertir e divertir). Para caer e traer véxase 17.2.4.3 e 17.3.25, respectivamente.

Pasaron á terceira concibir, escribir, vivir, dicir, elixir e derivados, así como aducir, recibir e os restantes membros da familia léxica (véxase unha explicación máis detallada en dicir, 17.3.5).

As vacilacións entre a segunda e terceira conxugación e mesmo a fuga xa consumada de verbos da segunda para a terceira explícanse pola existencia de forzas niveladoras que operan en favor dunha ou doutra. Actúan a favor da terceira: a) a maior produtividade deste modelo, que é o que recibe (coma no por- tugués e no castelán) a maioría dos verbos cultos procedentes da 2ª, 3ª e 4ª conxugacións latinas; b) que nos tempos en que hai coalescencia morfolóxica entre a 2ª e 3ª prevalecen as desinencias propias da 3ª (vogal temática í ou ausencia de vogal temática): comín, comiches, partía, partías etc. = partín, partiches, partía, partías etc.; coma etc. = parta etc. Actúa en favor da segunda a existencia dun verbo patrimonial próximo, pola forma e polo significado, á base latina de que proceden os derivados cultos (combater = bater, recorrer = correr).