7

Os signos

de interrogación

e de admitación

7. Os signos de interrogación e de admiración ? !

A entoación interrogativa ou exclamativa márcase ao final do enunciado por medio dos signos ? e !, respectivamente: Por que non llelo preguntas ti?; Miraches ben?; Vaia, Tomé, por que non calas?; Vaiche boa!; Mira que non o fagas! Para facilitar a lectura e evitar ambigüidades poderase indicar o inicio destas entoacións cos signos ¿ e ¡, respectivamente.


Na orixe o signo de interrogación situábase só ao remate, e esta segue sendo a práctica máis frecuente entre as linguas do noso ámbito. Mais hai que ter en conta que en moitas delas a frase interrogativa contén marcas gramaticais que sinalan claramente o inicio da interrogación, sexa un elemento oracional específico (fr. est-ce que, ing. do ou did etc.), sexa a inversión entre o suxeito e o verbo (fr. As-tu mangé?, ing. Are you Galician?, al. Hast du das Buch?). Outras linguas, pola contra, carecen destas marcas gramaticais, de xeito que, se non se sinala graficamente o inicio da entoación interrogativa, esta queda en moitos casos sen marcar. Entre estas linguas están o portugués e o italiano (que seguen mantendo o signo de interrogación só ao final, a pesar das dificultades de lectura que isto supón), o castelán (que, pola contra, optou por situar un signo invertido ao inicio), o catalán (que segue unha vía intermedia, sen que haxa acordo total ao respecto, aconsellando o uso do signo inicial cando a súa ausencia poida supoñer un atranco á lectura correcta: se o signo final coincide noutra liña, se a entoación interrogativa non comprende todo o texto, se non hai un adverbio ou pronome interrogativo etc.) e o galego. Na nosa lingua, o único que diferencia unha oración interrogativa doutra enunciativa é a distinta entoación xa desde o inicio; para advertir o lector desta diferenza, é conveniente marcar cun signo de interrogación o punto en que se produce o cambio cando houber calquera dúbida de interpretación: vou contigo ao teatro, ¿ou queres que quede?; ¿vou contigo ao cine, ou queres que quede?

En todas as linguas as normas de uso do signo de admiración seguen as dadas para o de interrogación.

+ Maximiza/Descarga (Formato DOCS)

07-Os signos de interrogación e de admiración.docx

+ Maximiza/Descarga (Formato PDF)

07-Os signos de interrogación e de admiración.pdf