1

O alfabeto

O alfabeto galego moderno componse das seguintes letras; xunto coa letra e co nome dáse a pronuncia máis representativa:

Na ortografía galega moderna utilízanse tamén os seguintes dígrafos que representan un único fonema:

Os nomes románicos das letras proceden, en xeral, do latín. Os elementos consonánticos do alfabeto romano soletreábanse, despois de Varrón, e en moitos casos xa antes, apoiando o son da letra nun e anterior (cando a consoante era fricativa ou líquida: ef, el, em, er, es) ou posterior (cando a consoante era oclusiva: be, ce [ke:], de, ge [ge:], pe, te). Para o son oclusivo velar xordo había tamén unha letra grega, k, que se chamaba ka porque así era a primeira sílaba do seu nome grego (kappa). Tamén había unha letra q, que aparecía sempre en combinación con u para indicar que se pronunciaba [kw], e de aí o seu nome latino ku e romance cu, que se mudou en que por razóns eufemísticas. Todos estes nomes mantéñense en galego con algunha adecuación ocasional: ef > efe, em > eme (porque o galego non tolera palabras rematadas en -f ou -m) e tamén ele, ene, erre, ese (por solidariedade).

O c latino pronunciábase [k] en calquera posición: COLLUM [kollum], CERAM [ke:ram]. Nas linguas románicas occidentais, incluída a galega, conservouse como [k] ante a, o, u, pero ante e, i transformouse en [ts] no galego antigo: cinco [tsiqko], cera [tsera]. No galego moderno resolveuse en [θ] (ou [s] nas áreas seseantes): cinco [0iqko], cera [θera] (ou [siŋko], [sera]). Por iso, aínda que non hai documentación ininterrompida do nome desta letra, é verosímil pensar que o nome latino [ke] fose cambiando sucesiva- mente a súa pronuncia en [tse] e máis tarde en [se] ou [θe] (por non citar outros estadios intermedios), segundo o C + e i ía transformándose en [ts] e [s] ou [θ].

Paralelamente, o g latino pronunciábase [g] ante calquera vogal: GALLUM [gallum], GELARE [gela:re]. Nas linguas románicas consérvase como [g] ante a, o, u, pero ante e, i transformouse en [ʤ] e despois en [ʒ] na época antiga: gear [ʤe’ar] > [ʒe' ar]. Na actualidade o [ʒ] medieval enxordeceu en [f], confluíndo, deste modo, co [f] procedente doutras orixes. Entón o nome da letra latina ge [ge], aínda que non está documentado de modo ininterrompido, debeu de pasar, entre outras etapas, polas de [ʤe] e [ʒe]. En galego moderno o esperado sería [ʃe], mais resulta incongruente nomear unha letra cun son consonántico que non representa nunca o g na grafía galega moderna. Por iso é preferible designala co nome gue, adecuándolle o soletreo á pronunciación.

O h latino chamábase ha, pronunciado [ha] mentres o latín tivo aspiración, e aha, pronunciado [aka] ou [akka] (cf. NIHIL > nichil > aniquilar); de acca resultou o italiano acca e o francés ache (máis tarde hache porque parecería incongruente que a letra non figurase no seu nome); do francés pasou o nome da letra a outras linguas, entre elas a nosa; o nome portugués agá formouse a partir de aha [a' ha], con substitución do son aspirado polo gutural máis próximo.

A letra z non existía no alfabeto romano; foi introducida no latín para representar o son [dz] dos préstamos gregos (baptizare) e máis tarde foi adoptada para o son románico [dz] procedente das sonorizacións e asibilacións de C + e i (fazer, juizo) e doutras similares; este son [dz] pasou a [s] ou [θ] no galego moderno.

Un caso especial é o do x. Esta letra chamábase en latín eks ou iks, pero ningunha lingua románica conserva derivados patrimoniais procedentes daquelas denominacións. No seu lugar aparece o cultismo (máis ou menos adecuado) ou ben unha denominación nova acorde coa pronuncia. Consecuentemente, en galego poderíamos chamarlle ex [eks] ou ix [iks] (adoptando o cultismo) ou ben xe [fe], segundo o modelo be, de etc., tomando para o soletreo o seu son máis común. Esta segunda solución é a máis axeitada, sen prexuízo de que o cultismo poida tamén ser usado para referirse á pronuncia [ks] dos cultismos.

En latín empregábase un mesmo grafema para o son vocálico [u] e o semiconsonántico [w]: sub [sub], auis [awis]. Posteriormente [w] converteuse en [β] ([' aβe]) e máis tarde en varias linguas en [v] (['ave]); pero non había ningunha letra específica que permitise distinguir este novo son do son vocálico [u]: tanto se escribía u en tua coma en uoluer; para diferenciar o u vocálico do consonántico chamóuselle ao último u ve e máis tarde uve. A partir do Renacemento difundiuse o hábito de representar o u consonántico por v e desa maneira quedou salvada a ambigüidade gráfica do u medieval.

Ademais destas letras úsanse tamén outros signos, como j (iota), ç (cedilla), k (ka), w (uve dobre) ou y (y grego), que aparecen tanto en palabras tomadas doutros idiomas (Jefferson, Eça de Queirós, Kant, kantiano, Darwin, darwinismo, wagneriano, byroniano etc.) coma, nalgúns casos, en textos galegos medievais.

1.1. A grafía b e v

O b e o v representan un son único. O galego non ten un son labiodental fricativo [v], distinto de [b] e [β], como teñen o francés ou o portugués. Nestas linguas a grafía actual depende da pronuncia: escríbese b cando é bilabial (port. bala, saber, receber, bico, besta, branco; fr. boire, bec, bête, blanc) e v cando é labiodental (port. vala, dever, vinho, viver, povo, cavalo; fr. voire, devoir, vin, vivre, cheval). No galego moderno, como non hai distinción fonolóxica, téndese á distinción gráfica confor­me á etimoloxía (saber, recibir, gabián, goberno, billa, marabilla, móbil, automóbil, bolboreta, bico, besta, branco, deber, pobo, cabalo, cantaba- mos, bidueiro, ribeira..., pero viño, vivir, avó, avoa, varrer, vasoira, verza, voda, vulto, covarde, esvelto, gravar, avogado...).

No galego medieval as grafías b e u (consonántico) non eran arbitrarias; a cada unha delas correspondíalle unha pronuncia e unha etimoloxía diferentes: b procede de -P-, B- e -BB- latinos (saber, boca, abade) e u de V-, -V-, -B-, -F- e -PH- latinos (uiño, leuar, caualo, devesa, Estevo). Estas grafías concordan máis ou menos coas que perviven aínda hoxe nalgúns idiomas como o francés e o portugués; pero nestas dúas linguas o v é labiodental e por iso practicaron sempre a distinción gráfica entre b/v; en galego, como en castelán, en catalán (en xeral), en gascón ou en vasco, parece que nunca houbo labiodental. Posiblemente houbo primeiro unha diferenza entre o fonema /b/, bilabial oclusivo (representa­do graficamente por b), e /β/, bilabial fricativo (representado graficamente por v); esta oposición medieval (calquera que fose o trazo pertinente da correlación) posteriormente desfonoloxizouse. Coa perda desta oposición as grafías b e v representaban un fonema único, que se realiza como [b] ou [β] segundo o con­texto, en distribución complementaria: bilabial oclusivo en posición inicial ou tras nasal e fricativo noutras posicións. Por esta circunstancia xa nos textos gale­gos medievais aparecen grafías erradas (b por v as máis das veces). Desde o século XV aumentan estas confusións; modernamente eliminouse a distinción gráfica medieval por ser irrelevante, restituíndose unha grafía etimolóxica: b cando a palabra latina tiña B, BB ou -P- e v cando tiña V, -F- e -PH-.

1.2. As grafías c, qu e z

As grafías c, qu e z presentan usos específicos. Úsase z para repre­sentar [θ] (ou [s] no galego seseante) ante a, o, u (zapato, cazar, zoco, cazo, zurrichar, azul), qu para representar [k] ante e, i (queixo, pequeno, quilo, máquina), c co valor de [k] ante a, o, u (caro, macaco, contra, pouco, cunca, bicudo) e de [θ] (ou [s] no galego seseante) ante e, i (cento, cocer, cinco, tecido). Polo tanto, as grafías son: ca, que, qui, co, cu e za, ce, ci, zo, zu.

1.3. A grafía g

As grafías g e gu son complementarias: ante e, i úsase gu (guerra, guiso); no resto dos casos úsase g (gando, gomo, gume, grolo, ignorar, glosa, tuareg).

Para explicitar a pronunciación con gheada utilízase o dígrafo gh (ghato, ghicho, amigho).

1.4. A grafía h

O h é un signo ortográfico sen valor fonético, pero mantense na grafía, tanto en posición inicial coma en interior ou final de palabra (horta, prohibir, oh, ah).

Na lingua medieval eliminábase o h en moitas palabras que na súa orixe o tiñan, e por iso atopamos grafías como ome, auer, orta, oje, ora, omildade etc. (ao lado de home, humildade etc.); noutras, en troques, aparece un h non etimolóxico (hermida, hermo, ao lado de ermida, ermo). Desde a época renacentista as linguas románicas de cultura reformaron as súas ortografías en dife­rentes etapas, sobre todo no século XVIII, con tendencia xeral a reproducir a situación latina; por causas coñecidas o galego non participou no seu momen­to da citada reforma, mais non parece conveniente apartalo neste punto da solución xeral nas outras linguas irmás.

Mantense o h en haber, home, horta, herba, harmonía e en cantas palabras o tivesen etimoloxicamente, coa excepción dalgúns casos de non reposición como España ou Xoán; en troques, escríbense sen h palabras como ermida, ermo, irmán, ola (interx.), ombro, orfo, óso ou ovo, que non o tiñan en latín. Esta fidelidade á etimoloxía mantense tanto co h inicial coma co medial.

En posición interior de palabra o portugués adoptou unha dobre solución: na maior parte dos casos eliminou o h intervocálico (coabitar, desonrar, inu­mano etc.); noutros manteno unindo os prefixos cun guión (pré-histórico, extra-humano, pan-helénico). Esta dobre solución, insolidaria coa seguida polas outras linguas, explícase pola relativa frecuencia con que se daría a secuencia nh, dígrafo que en portugués representa o son [p], co conseguinte erro de lectura en palabras como anhelar, inhóspito, inhumano etc. Por iso, o portugués eliminou o h tras n, e por extensión en todos os outros casos. Esta eliminación non ten razón de ser en galego, que non representa con nh o cita­do son; desta maneira pódese manter coherentemente unha grafía etimolóxica en todos os casos: humano e inhumano, hábil e inhábil, herdeiro e coherdeiro, honrar e deshonrar etc. Debe terse en conta ademais que a pronuncia da nasal de anhelar, inhóspito etc. é xeralmente velar [q], polo que a grafía é consecuente coa adoptada para este son (unha, algunha etc.).

1.5. As grafías ll e ñ

As consoantes palatais /ʎ/ e /ɲ/ represéntanse, respectivamente, por ll e ñ .

Tendo en conta que a grafía románica se forma a partir da latina e que moitas palabras románicas son de etimoloxía transparente, os escribas medie­vais, alfabetizados en latín, adoptaban as letras do alfabeto romano para a representación dos sons románicos correspondentes aos latinos. Pero as con­soantes palatais presentan un problema especial, porque o latín, mesmo o latín medieval, as ignoraba, e as que xorden nas linguas románicas teñen, en xeral, orixe múltipla. Isto é o que sucede co /ʎ/ e co /p/. O /ʎ/ galego resulta da palatalización de L nos grupos latinos li + vogal (filium > fillo), lli + vogal (allium > allo), lle + vogal (malleum > mallo), -LL- + I final de palabra (marcelli > Marcelle), e tamén dos grupos romances c'l, g'l, t'l e b'l (ocu- lum > oclu > ollo, tegulam > tegla > tella, situlam > sitla > sella, tribulum > triblu > trillo). O /p/ procede da palatalización de N nos seguintes grupos: ni+ vogal (seniorem > señor), NE + vogal (vineam > viña), mni + vogal (som- niare > soñar), lne + vogal (balneum > baño), -gn- (ligna > leña); tamén acaba reaparecendo como /p/ nas secuencias -inu, -ina > -iño, -iña (vinum > vio > viño, gallinam > galia > galiña). Isto é o que provoca na scripta arcai­ca (latinizante) certa vacilación de letras: l, ll (e ocasionalmente li) para /¥/ (filo, fillo, filio) e n, nn, ñ (e ocasionalmente ni, nni) para /p/ (senor, sennor etc.). Aínda así, esta vacilación sería tolerable se non houbese tamén fonemas non palatais que precisasen daquelas letras; pero estes fonemas tamén os había: eran o /l/ explosivo, procedente de ll, e o /n/ explosivo, procedente de nn, que se representaban tamén por l e por n (ela, pano) ou, conforme á eti­moloxía, por ll e por nn (ella, panno). Había ademais as secuencias [li], [ni], [lj] e [nj], romances ou en cultismos, grafadas normalmente como li e ni (valia, folia, capelania, animalia, armenio); e había tamén [ʎi] e [ɲi], grafados, nor­malmente, li ou lli, ni ou nni (collia, grunnia).

Esta scripta en que non se fai discriminación gráfica entre /l/ e /ʎ/ nin entre /n/ e /ɲ/, baseada na etimoloxía (con abundancia de solucións ultracorrectas), dura en territorio galego ata o século XIV. Isto significa que as grafías ll ~ l e nn ~ n tanto podían representar un son alveolar (coitello ~ coitelo, castello ~ castelo, fallar ~ falar, anno ~ ano, donna ~ dona, enganno ~ engano) coma palatal (fillo ~ filo, batalla ~ batala, consello ~ conselo, sanna ~ saña ~ sana, sennor ~ señor ~ senor). En territorio portugués sucedía o mesmo, mais aquí empezaron a usarse desde o reinado de Afonso III (1248-1279) lh e nh (tomadas da lingua de oc), co valor específico de /ʎ/ e /ɲ/; desta manei­ra quedaban reservados l e n (ou mesmo ll e nn) para /l/ e /n/. Esta reforma ortográfica debida a Afonso III de Portugal é case descoñecida nos docu­mentos medievais galegos, que a partir do século XIV tenden a especializar e n para os fonemas alveolares e ll e nn (ou a súa forma abreviada ñ) para os fonemas palatais. Xa queda advertido que ll e nn eran meros grafemas sen máis motivación ca a etimolóxica (e non sempre, porque había moitas palabras que se grafaban con ll e nn de modo ultracorrecto); deste xeito queda­ban dispoñibles para seren utilizados co valor especializado de /ʎ/ e /ɲ/. Estas grafías foron as utilizadas de forma practicamente unánime na tradición escrita galega ata hoxe.

Un caso paralelo ao do galego para a representación do /ʎ/ é o do francés, aínda que nesta lingua acabou triunfando a grafía ill (conseiller); con todo, hai tras i (fille).

1.6. O n e o m implosivos

Cando unha consoante nasal está en posición implosiva, gráfase como m se lle segue b ou p dentro da mesma palabra, e como n en todos os demais casos: camba, ambos, campo, tempo; pero non bebe, nin pode, convén, inverno, ensinar, condenada, inmigrante, comunmente, alguén etc. En cultismos e préstamos o m pode aparecer tamén en posición final e diante doutras consoantes: álbum, amnesia.

A excepción introducida en caso de seguir p ou b débese a unha reposición latinizante, que vén sendo aceptada de forma unánime por todas as linguas irmás.

Na lingua medieval, calquera consoante nasal implosiva, final de palabra ou non, podía aparecer representada por medio de n, m ou un til sobre a vogal precedente: non, nom ou nõ. A frecuencia de cada unha destas posibilidades varía duns textos a outros, aínda que a terceira parece que era a preferida; nótase tamén que non era totalmente indiferente para a grafía que a sílaba trabada por nasal fose final de palabra ou non, pois m é raro en sílaba medial. As tres posibilidades eran usadas indiferentemente, sen unha regra que condicionase o emprego dunha ou outra: tenpo, emsselado, cãpo.

En galego moderno, a realización fonética desta consoante en posición anteconsonántica, medial ou final, é velar, pero pode asimilar o seu punto de articulación ao da consoante seguinte. En final de palabra, en posición antevocálica, realízase como velar [q], de non ser cando seguen as formas o, a, os, as do pronome ou do artigo a unha forma verbal ou ás palabras quen, alguén, ninguén, ben, non, tamén, sen e nin; neste caso o -n realízase como alveolar (vide 14.1 e 17.2.2).

A grafía que se propón vén esixida polas razóns que se acaban de sinalar. Tamén a esixen as relacións morfofonéticas existentes dentro dunha familia léxica: león, leonino; san, santa; pan, panificar; irmán, irmandade; san, sani­dade, sanitario, sanatorio... Mesmo nos femininos reaparece o n alveolar: lacazán, lacazana. Esta é, ademais, a representación tradicional nas outras linguas románicas, que seguen neste punto un criterio etimolóxico. Destas apártase o portugués, que non ten unha consoante nasal en posición final, senón unha vogal nasal; esta nasalidade represéntase por un -m ou por un til: canta­ram [kɒn'tarɒw], cantarão [kɒn'tarɒw], [lɒ], assim [a'si], mãe [mɒj], bem [bɒj]; nas poucas palabras eruditas en que efectivamente se trata dunha conso­ante represéntana con -n: regímen [rə'zimən].

1.7. A grafía nh

O dígrafo nh representa a consoante nasal velar en posición interior antevocálica: unha, algunha, ningunha.

Este son non existía en posición intervocálica en latín nin na lingua medie­val; por iso carece de representación antiga. Os primeiros textos da época moder­na vacilan entre ua, umha, un a, un ha, unha etc., mais axiña se impuxo -nh- como forma única, mantida como tal pola tradición escrita moderna ata a actualidade.

1.8. As grafías r e rr

Escríbese sempre r en posición inicial de palabra, en posición final de sílaba e cando segue a outra consoante (rei, cortar, outro, tres, xenro, honra). En posición intervocálica hai oposición /r/ e /r/, que se traduce graficamente por r/rr (caro / carro, fero / ferro). Cando a unha palabra que comeza por r se lle antepón outra ou un prefixo rematados en vogal, non separados dela por guión, hai que duplicar a consoante: rítmico / monorrítmico, rogativa / prerrogativa, redor / arredor, rei / vicerrei, románico / iberorrománico.

1.9. A grafía x

O grafema x ten máis dun valor en galego moderno: nas palabras patri­moniais pronúnciase prepalatal fricativo xordo (eixe, madeixa, xente, xaneiro); nos cultismos conserva o valor latino de [ks] (sexo, taxativo). Pero a tendencia normal da lingua é pronunciar nestes casos [ş] (aproximar, exame, éxito etc.), especialmente cando vai en posición implosiva (exterior, externo). Para a adaptación gráfica de palabras cultas con x [kş], vide 8.7.


A grafía moderna non corresponde á medieval. O galego arcaico tiña un son prepalatal fricativo sonoro, [ʒ], representado por g ou j (gesta, geada, gente, janeiro, hoje, beijo), e un son prepalatal fricativo xordo [ʃ], representa­do por x (coxo, eixe, feixe, dixo, peixe, caixa, queixa, baixar). A diferenza do portugués, do catalán, do francés ou do italiano, que conservan os sons sono­ros e teñen que os diferenciar graficamente dos xordos á maneira medieval, o galego eliminou o son sonoro desde fins da Idade Media, polo que se fixo innecesaria a dobre grafía, pois a pronuncia é sempre [ʃ]. Por iso debemos escribir da mesma maneira xente, xaneiro, xesta, hoxe, xeada e coxo, eixe, feixe, dixo, peixe, caixa, queixa etc.

+ Maximiza/Descarga (Formato DOCS)

01-O alfabeto.docx

+ Maximiza/Descarga (Formato PDF)

01-O alfabeto.pdf