10

Outras particularidades

10.1. Alternancia cua-/ca-/co-; gua-/ga-/go-

Nas palabras patrimoniais o galego mostrou sempre tendencia a eliminar o elemento labiovelar u dos grupos orixinarios qua-, gua-, a semellanza do francés e en contra do que sucede en portugués e en castelán, que tenderon a conservalo. En galego hai tamén zonas que manteñen o grupo orixinario; pero demográfica e literariamente é moito máis usada a solución que perdeu o u, de aí que a escolla se resolva a favor deste resultado tanto nas palabras patrimoniais coma nas cultas máis popularizadas.

Aparece ca- en caderna, caderno, cadrado, cadrar, cadrelo, cadril, cadro, cal, calidade, calquera, cando, cantidade, canto, cartos ‘diñeiro’, case, casemente, catorce, catro, catrocentos.

Aparece cua- nos cultismos e, en xeral, nas palabras derivadas cultas. Así, cuadr- (cuadrangular, cuadrante, cuadratura, cuadraxesimal, cuadraxésimo, cuadrícula, cuadrienal, cuadrienio, cuadriforme, cuadriga, cuadrilátero, cuadrilla, cuadrilleiro, cuadrimestre, cuadrimotor, cuadriplicar, cuadrisílabo, cuadrivio, cuadrúpede, cuádruplo, escuadra), cual- (cualificar, cualitativo), cuant- (cuantia —ao lado de contía—, cuantificación, cuantificar, cuantioso, cuantitativo), cuart- (cuarta, cuartear, cuarteirón, cuartel, cuarteleiro, cuarteto, cuartilla, cuartillo, cuarto ‘1/4 parte’ ‘dependencia’) e cuater- (cuaternario). Tamén as palabras cuáquero, cuarzo, cuasia e cuasina.

Un caso especial de evolución témolo nas formas corenta, corentena, corentón e coresma, onde o ditongo ua se reduciu a o; o mesmo ocorre en corta feira (ou cuarta feira) ‘mércores’.

Hai outras formas que tiñan orixinariamente o grupo coa-, que se reduciu a ca-, como no grupo cua- xa citado: callada, callado, callar, calleira, calleiro, callo ‘presoiro’. O grupo coa- mantense nos cultismos: coagulable, coagulante, coagulación, coagular, coágulo.

Aparece ga- en gadaña, gadaño, galardón, galdrapo, garda, gardar, gardián. Tamén en préstamos como garantía, garantir, garita etc.

Noutras palabras aparece gua-: guante, guapo, guata.

E, finalmente, a solución go- aparece en gorir (tamén guarir), gorecer (tamén guarecer), gornecer (tamén guarnecer).

Os derivados e compostos manteñen a evolución da palabra primitiva sobre a que se forman. Por tanto, agardar, gadañar, gadañeiro, gardabarreira, gardalama, gardarríos, gardarroupa etc.; garda civil, garda forestal, garda mariña etc.; gornición (tamén guarnición); gorida (tamén guarida) etc.


Son dialectalismos cuando (e condo), cuanto (e conto), cuase, cuasemente etc.; guadaña, guardar etc.; coallar etc.

10.2. Ditongo oi

O ditongo resultante das secuencias latinas a) Ŏct b) Ōct, Ŭct, Ūct, Ŭlt; c) ori + vogal, uri + vogal na maior parte do territorio galego é oi: a)noite, oito; b) troita, loita, froita, loito, moito; c) coiro, lavadoiro, vasoira, agoiro.

Con todo, existen zonas reducidas en que se dan outros resultados: unha zona do occidente da Coruña presenta sempre ui (nuite; luita, muito; lavaduiro, varreduiro etc.); o sur de Pontevedra presenta tres resultados, segundo os casos: a) oi: noite; b) ui: luitar, muito; c) ou: vasoura; na franxa máis oriental do dominio lingüístico galego alternan dúas solucións: a) oi: noite; b) ui: luitar, muito —con puntos de u, muto e mutio, escutar e escutiar—; c) oi: vasoira, coiro.

Adóptase como normativa a solución oi en todos os casos por ser maioritaria demográfica e xeograficamente e por ser a máis difundida na tradición literaria moderna: coitelo, enxoito, froita, loita, moi, moito, troita, varredoiro, vasoira etc. E así tamén en coidar, coita, coitado etc.

10.3. Ditongos ou/oi

O galego mantén diferenciados os ditongos ou e oi, de acordo coas súas diferentes orixes: ou < au, al + cons. etc. (cousa, louro, ouro, pouco, tesouro, touro; couce, fouce, outro, souto; dous), oi < oct, uct, Ŭlt, ori + vogal, uri + vogal (oito, noite; troita, loita; moito, voitre; coiro, lavadoiro, tesoira, vasoira; agoiro etc. vide 10.2).

Unicamente en palabras concretas e en zonas e lugares illados houbo algunha confusión de ou e oi: oitro por outro, noute por noite, vasoura por vasoira etc. Normativamente hai que aterse á solución fonética regular.

10.4. Ditongos ie, ue

As secuencias latinas -ie- e -ue- en palabras cultas mantéñense en galego como ie e ue, respectivamente: aliciente, ambiente, ciencia, cliente, coeficiente, conciencia, conveniencia, conveniente, deficiencia, deficiente, eficiencia, eficiente, estupefaciente, expediente, experiencia, incipiente, inconveniente, obediencia, obediente, omnisciencia, paciencia, sapiencia, sobresaliente, suficiente etc.; afluencia, afluente, anuencia, anuente, congruencia, congruente, delincuencia, delincuente, elocuencia, elocuente, secuela, secuestro etc. (cf. 9.1 e 9.3).

Algunhas veces, por disimilación ou por ultracorrección, as secuencias ie, ue substitúense por e, o (*concencia, *ambente, *freconte); estas substitucións deben evitarse. Con todo, hai formas aceptables como comenencia ‘interese’, diferente xa do cultismo novamente reintroducido conveniencia. Nótese que tamén hai casos como aparencia, beneficencia etc., que carecen de ie xa en latín.

10.5. Disimilación, metátese e epéntese de R

O r mantén, en xeral, a súa posición etimolóxica dentro da palabra, independentemente das síncopes vocálicas: prado (< pratum), cabra (< capram), disfrazar, labrar (< laborare), Carlos (< carolus), merla (< merulam), tenro (< tenerum), xenro (< generum), venres (< veneris). Hai, con todo, casos de metáteses xa consumadas: bradar (< balatrare), prebe (< piper), preguiza (< pigritiam), burgo (< BRUCHUM).

Preguntar é a forma máis documentada na Idade Media e maioritaria no galego moderno; correspóndese ademais co étimo *praecunctare. Debe ser, por tanto, a normativa.

Esporadicamente algunhas palabras perderon o r interno por disimilación con outro r dentro da mesma palabra (arado, frade, madrasta, padrasto, rodo, e mesmo o semicultismo propio, do lat. proprium, e derivados, documentado maioritariamente sen o segundo r xa na época medieval). Fronte a estes casos de perda por disimilación, en xeral houbo unha tendencia á conservación da consoante, e por iso temos hoxe arrastrar, rastro, rexistrar, rexistro, rostro etc.

A maioría destas palabras conservan tamén o - r- nos textos galegos medievais. En troques, nos textos portugueses medievais vense xa casos de perda xunto a outros de conservación; pouco a pouco foise impoñendo a forma sen -r-, que hoxe é máis usual, chegándose ás veces a diferenzas de significado, como rosto ‘cara dunha persoa’ / rostro ‘bico das aves’.

A forza da disimilación de r nunca chegou a ser operativa no galego, que mesmo nalgúns casos favoreceu o fenómeno contrario: restra, restreba, restrollo.

Ademais destes casos de repercusións de r, a epéntese desta consoante afecta a un número grande de palabras, especialmente no contexto st + vogal: estrela, estropallo, estralar, estraloque, mastro, congostra...; croque, faldra... Nalgunhas destas palabras xa non existe a variante sen r, mentres que noutras as dúas variantes se reparten dialectalmente.

10.6. Encontros vocálicos

Na lingua escrita do século XIX e da primeira metade do XX era frecuente o uso do apóstrofo para representar certas elisións vocálicas que se producen ao se encontraren a vogal final dunha palabra e a inicial da seguinte, cando pertencen ao mesmo grupo fónico. Na ortografía actual non se utiliza o apóstrofo, e nos casos de elisión optouse ou ben pola amálgama das dúas palabras (do, no, deste, naquel etc.) ou ben pola grafía plena de cada unha delas (entre as árbores). Aínda que non se represente graficamente este fenómeno, as palabras que acaban en -e, especialmente as gramaticais, perden na fala a vogal final cando van seguidas doutra palabra que comeza por vogal (vide 6): desde América ['dezõa'mɛrika], dixo que andara moito ['diʃokan'dara'mojto], este amigo [esta'miɤo], preguntou se había traballo [preɤun' towsa'βiatra'βaʎo], sempre anda con contos ['sɛm'prandakoŋ' kontos], deixoume alí [dej'ʃowma'li].

+ Maximiza/Descarga (Formato DOCS)

10-Outras particularidades.docx

+ Maximiza/Descarga (Formato PDF)

10-Outras particularidades.pdf