8

Grupos consonánticos

As palabras patrimoniais establecen cal é a estrutura silábica normal do noso idioma. Pero os préstamos e mais as palabras cultas con frecuencia teñen unha estrutura silábica diferente, e de aí que presenten problemas de adaptación. Debe terse en conta, con todo, que hai préstamos sen apenas acomodación e con pronuncias particulares, mesmo de grafías existentes con outro valor en galego: allegro [a'lɛɤɾo], hippy ['hipi].

En galego, coma noutras linguas románicas, cómpre distinguir tres clases de palabras, conforme ao momento histórico da súa entrada no idioma e á súa evolución fonética: palabras patrimoniais, semicultas e cultas.

As palabras patrimoniais son as que tiveron continuidade na lingua desde o latín falado e sufriron transformacións de acordo coas leis fonéticas: saltum >souto, *manuculo > monllo, tenebram > tebra, NOCTEM > noite, VETULUM >vello, clamare > chamar, aperire > abrir etc.

Xunto a elas existen outras palabras tamén patrimoniais, ou tomadas do latín nos primeiros tempos do idioma, que non evolucionaron de igual forma. Unhas veces a evolución esperable viuse obstaculizada pola influencia da lingua da Igrexa ou doutros ámbitos cultos, e outras por entraren nunha época en que xa deixaran de actuar algunhas leis fonéticas. Son os semicultismos. Así: *eclesiam > igrexa, capitulum > cabido, doctorem > doutor, clavum > cravo etc.

Ao longo da historia da lingua, o galego incorporou moitas palabras latinas (e tamén gregas) para designar obxectos ou conceptos novos ou para substituír outras xa existentes. Estes vocábulos son os cultismos, que entran no galego coa estrutura que tiñan na lingua de orixe, sufrindo só mínimos cambios para se acomodaren ao sistema da nosa lingua. Así: pelliculam > película, dormitorium > dormitorio, experientiam > experiencia etc.

Debido a este triplo resultado, pódese dar a posibilidade en galego de que teñamos unha mesma palabra latina con tres formas romances ou, máis habitualmente, con dúas. Así: planum deu chan ‘superfície da terra que pisamos’ (pop.), o medieval de pran ‘certamente, realmente’ (semic.) e plano ‘liso’, ‘deseño’ (culta); plenum deu cheo (pop.), prea(mar) (semic.) e pleno (culta); claviculam deu chavella ‘peza do carro’ (pop.), caravilla ‘tipo de fecho’ (semic.) e clavícula ‘óso do ombro’ (culta). Tamén se poden citar formas alotrópicas coma artello (pop.) e artigo (semic.), cabido (semic.) e capítulo (culta), chave (pop.) e clave (culta), chamar (pop.) e clamar (culta), chantar (pop.) e plantar (culta) etc.

No tocante ás agrupacións de consoantes, a adaptación gráfica dos cultismos e dos préstamos faise de acordo cos criterios xerais seguintes:

a) Mantense a grafía -cc- nos cultismos cando corresponde á pronuncia [kƟ], coma en acceso, acción, micción etc.

b) Mantéñense os grupos formados por dúas consoantes que pertencen a sílabas distintas, isto é, que forman grupo heterosilábico, sempre que non se trate dunha consoante dobre: obxecto, apto, administrar, atmosfera, máximo [ks], magma, nafta, himno; acusativo (< accusativum), cominar (< comminare), gama ‘serie’, ‘abano’ (< gamma), casete (< cassette). Deste comportamento exceptúanse algunhas palabras de circulación restrinxida ou aínda non plenamente adaptadas, coma súmmum, gamma ‘letra grega’, enneasílabo, kappa, razzia, pizza, así coma os derivados formados por un prefixo rematado en -n e unha base produtiva iniciada por n-: circunnavegar; connatural, connotar; ennobrecer; innato, innecesario, innegable, innervar, innobre, innomeable, innovar, innumerable. Téñase en conta que existen formas populares como connosco, ennegrecer, ennobelar, ademais das secuencias verbo + pronome persoal átono do tipo chámannos, víronnos, collerannos, sempre coa pronuncia [ŋn].

c) Tamén se manteñen en xeral os grupos de dúas consoantes explosivas: ctenóforos, gnomo, mnemotécnico, pneuma, psicópata, pterodáctilo, atlas, ínclito, perplexo etc.

d) En posición implosiva normalmente non se admiten grupos de dúas consoantes, salvo cando a segunda é s: obsceno, adscribir, externo [kş], construír, circunstancia, perspectiva, bíceps, relax [kş]. Nos demais casos normalmente pérdese a segunda consoante do grupo: ártico (lat. articum), punción (lat. punctionem), tintura (lat. tincturam).

Con todo, algúns préstamos estranxeiros manteñen excepcionalmente as dúas consoantes en final de sílaba, polo menos graficamente: zinc, hínterland, round, lord, golf, windsurf, búmerang, cámping, iceberg, kirsch, sketch, folk, sprint, test. Da mesma maneira, escríbense con consoante dobre final palabras como full ou jazz.

8.1. Grupos bl, cl, fl, gl, pl, tl

Estes grupos mantéñense inalterados nos cultismos e nos préstamos ou formacións recentes: ablativo, ablegado, ablución, aclarar, atlántico, atlas, atleta, blasfemar, blindar, bloque, bloquear, bloqueo, clamar, clan, claridade, clarificar, clarín, clarividente, claro, clase, clasificar, cláusula, clemencia, clero, clima, cloro, club, exemplo, explicar, flamante, flan, flexión, flor, fluxo, glaciar, gladiador, glándula, glicerina, globo, gloria, glosa, incluir, influir, oblación, oblata, oblicuo, oblongo, obliterar, placa, plano, planta, plasma, plástico, plátano, platino, plaxio, plenario, pluma, plumaxe, plural, problema, proclamar, proclítico, publicar, público, reflexión, subliminar, sublingual, subliñar, templo, troglodita.

Para a partición de palabras a fin de liña, téñase en conta que nalgún dos exemplos citados bl é heterosilábico (ablegado, obliterar, subliminar, sublingual, subliñar).

As palabras latinas semicultas e algúns préstamos antigos doutros idiomas mudaron o l en r: aprazar, branco, brancura, brando, brasón, compracer, cravar, cravo, cravuñar, cumprir, dobrar, emprazar, empregar, escravo, fraco, fraqueza, frauta, frecha, fretar, frota, frouxo, igrexa, nobre, obrigar, pracer, praga, praia, prata, prato, praza, prazo, preamar, pregar, preito, recruta, singradura, etc

8.2. Grupos bc, bd, bm, bn, bs, bt, bv, bx

Mantéñense sempre sen alteración: abdicación, abdicar, abdome, abdominal, abnegación, abnegar, absentismo, ábsida, absolutismo, absoluto, absolver, absorber, absorción, absorto, absurdo, abxurar, insubmisión, obcecar, obnubilar, obsequiar, obsequio, observar, obsesión, obsoleto, obter, obturar, obtuso, obviar, obvio, obxección, obxectividade, obxectivo, obxecto, subcomisión, subconsciente, subdirector, súbdito, submersión, subministrar, subsección, subsidio, subsistir, subsumir, subtítulo, subxectivo, subxugar.

Sutil e a súa familia léxica (sutileza, sutilidade, sutilmente, sutilizar) perderon o b desde as orixes do idioma.

8.3. Grupo bs + consoante

Aínda que existe a tendencia popular a eliminar a primeira consoante nas palabras con moito uso, na escrita débese manter a solución culta con conservación do grupo: abstemio, abstención, absterse, absterxente, abstinencia, abstracción, abstracto, abstraer, obsceno, obstáculo, obstinado, obstruir, subscrición, subscrito, subscritor, substancia, substancial, substantivación, substantivar, substantivo, substitución, substituir, substituto, substrato.

Deben evitarse as formas *substraer, *substracción, *substraendo, tomadas do castelán. O verbo latino de que derivan era subtrahere, polo que, se se adopta o cultismo latino, débese utilizar subtraer, subtracción e subtraendo.

8.4. Grupos ct, cc

Os grupos ct e cc mantéñense nos vocábulos cultos cando os preceden as vogais a, e, o: abstracción, abstracto, abxección, abxecto, acción, accionar, acta, activo, acto, actor, actual, actualidade, actuar, adxectivo, afección, afectar, afectivo, afecto, arquitecto, arquitectura, artefacto, aspecto, atracción, autóctono, cacto, calefacción, calefactor, carácter, caracterizar, circunspección, circunspecto, coacción, cocción, colección, colecta, colectivo, compacto, confección, contacto, contracción, conxectura, conxecturar, corrección, corrector, defectivo, desinfección, desinfectar, detección, detectar, detractor, dialecto, didáctico, dilección, dilecto, dirección, directo, director, distracción, ecléctico, eclecticismo, elección, electricidade, electricista, equinoccial, equinoccio, estupefacción, estupefacto, exacción, exactitude, exacto, extracción, extracto, facción, fracción, impacto, imperfección, incorrección, incorrecto, indirecto, infección, infectar, insecticida, insecto, inspección, inspector, insurrección, insurrecto, intacto, intelecto, intersección, inxección, inxectar, lactante, lácteo, lección, lectivo, lector, lectura, manufactura, néctar, noctámbulo, nocturno, obxección, obxectivo, obxecto, occidente, octaedro, octosílabo, olfactivo, olfacto, pacto, perfección, perfecto, perspectiva, práctica, practicar, predilecto, prospecto, protección, protector, proxectar, proxecto, proxector, putrefacción, putrefacto, reacción, reactivo, recto, rectitude, redacción, redactor, reflector, refracción, respectar, respecto, resurrección, retrospección, satisfacción, sección, sector, selección, selectivo, sintáctico, táctica, táctil, tacto, tracción, tractor, traxecto, traxectoria, tumefacto, vector.

Perderon o c as palabras catarata, contratación, contratar, contrato, tratado, tratamento, tratar, trato.

Suprímese a primeira consoante nos dous grupos cando os preceden as vogais i e u: abdución, abdutor, adución, adutor, aflición, aflito, condución, conduta, conduto, condutor, conflito, constrición, constritivo, construción, construtivo, construtor, contradición, contrición, dedución, dedutivo, delito, destrución, destrutor, dicionario, distrito, ditado, ditadura, ditame, ditar, estrito, estrutura, flutuación, flutuar, frutífero, frutificar, frutuoso, indución, indutor, introdutor, introdutorio, lutuoso, obstrución, obstrucionismo, obstrucionista, obstrutivo, produción, produtivo, produto, produtor, reconstrución, redución, reduto, redutor, reprodución, reprodutor, restrición, restritivo, tradutor, vítima, Vítor, vitoria, vitorioso, xurisdición.

Porén, convén manter esta primeira consoante nalgunhas palabras pertencentes a linguaxes especializadas, de escasa presenza na fala ou para evitar homonimias. Son voces como adicción, adicto, amicto, anfictión, anfictionia, apodíctico, convicción, convicto, deíctico, dicción, dicterio, dúctil, ductilidade, ducto, edicto, evicción, ficción, ficticio, flictena, fricción, friccionar, ictericia, ictérico, ictiografia, ictioloxia, ictiomancia (e outras formas con ictio-), indicción, invicto, lictor, micción, nictalope, nictalopia, pictografia, pictórico (e outras formas con picto-), ricto, succión, succionar, veredicto, vindicta.

Perderon sistematicamente o c as palabras que tiñan en latín cons. + ct, como acupuntura, adxunción, adxunto, antártico, Antártida, Ártico, coartada, coartar, conxunción, conxuntivo, conxunto, conxuntura, defunto, distinto, esfinter, extinto, función, funcionar, instinto, punción, xuntura etc. A mesma redución afectou tamén a autor e aos seus derivados (autoridade, autorizar etc.).

Con respecto a estes grupos cultos, non se debe esquecer que hai algúns semicultismos con vocalización da consoante implosiva en u ou en i: doutor, doutoramento, doutrina; reitor, reitorado, reitoral, reitoria; seita (pero sectario, sectarismo); suxeitar e suxeito. Ás veces, ao lado destas formas existe a culta correspondente, cun significado menos restrinxido, como ocorre, por exemplo, en pauto / pacto.

8.5. Grupo -cn-

Consérvase en todos os casos: acne, arácnido, cnidarios, cnitosporídeos, pícnico, picnómetro, picnose, pirotécnico, politécnico, radiotécnico, técnica, tecnicismo, tecnocracia, tecnoloxía, zootécnico.

8.6. Grupo -cd-

Mantense o grupo en todos os casos: anécdota, anecdotario, anecdótico, sinécdoque.

8.7. Grupo [ks] (grafía -x-)

Mantense sempre na grafía como x: aproximar, asfixia, axila, axilar, axioma, bórax, convexo, elixir, exacto, exame, exceder, excelente, exceso, exclamar, exilio, eximir, éxodo, exótico, explosión, extra, galaxia, hexágono, laxo, léxico, maxilar, nexo, reflexionar, sexo, sexto, silex, sintaxe, téxtil, texto, tórax, tóxico.

Na lingua escrita doutros períodos era frecuente representar o x latino nas palabras cultas por s, debido á tendencia usual a pronuncialo desta maneira, especialmente en posición implosiva (*testo, *misto, *esame, *esilio etc.). Convén escribir x para non romper a coherencia cos outros grupos que manteñen a consoante oclusiva: exame, exacto conforme a acto, lección, técnica, obsequio, cápsula etc. Escribindo s romperíase a coherencia na mesma familia léxica: de conexión / conectar, reflexión / reflectir, galaxia / galáctico, profilaxe / profiláctico, sintaxe / sintáctico etc.

Por todas estas razóns é preferible usar x, aínda que esta grafía teña o dobre valor de [kş] e [ʃ] e poida haber algúns casos de lectura equívoca. Na maioría deles pódese facer ben a distinción, tendo en conta que no galego común [ʃ] non pode aparecer nunca en posición implosiva (extensión, excepto, expugnar, excelente) e que na maioría das palabras en que aparece x co valor de [kş] se trata de elementos ben coñecidos: ex-, exo-, extra-, taxi-, xeno-, xilo- etc. En moi poucos casos a grafía pode levar a unha dobre lectura, sen que, por outra parte, isto afecte á identificación e ao significado da palabra.

Con todo, algunhas voces moi populares, documentadas xa deste modo en textos medievais, así como os seus derivados, deben escribirse con s: escava, escavar, escavación, escavadora; estender (pero extensión, extensivo, extenso, extensor); estrañar, estrañamento, estraño, estrañeza; estranxeiro, estranxeiría, estranxeirismo; estremar ‘derregar’, estrema, estremo ‘linde’ (pero extremar, extremidade, extremismo, extremo, extremoso).

Un caso especial dáse cando na mesma palabra, non composta, aparece dúas veces x en posición intervocálica, a primeira vez co valor de [kş] e a segunda co de [ʃ]. Nestas palabras pódese optar por substituír o primeiro x por s (esaxeración, esaxerar, esaxero, esexese, esexético, esixencia, esixente, esixir etc.) ou ben por manter inalterado o grupo etimolóxico (exaxeración, exaxerar, exaxero, exexese, exexético, exixencia, exixente, exixir etc.). Esta posibilidade de elección non afecta aos prefixos do tipo ex- seguidos de consoante nin ás palabras compostas, en que só cabe manter o grupo: expunxir, lexicoloxía, toxicoloxía etc.

8.8. Grupos -gm-, gn-, -gn-

Mantéñense sempre nos cultismos: agnosticismo, agnóstico, apotegma, benignidade, benigno, bregma, cognitivo, cognoscitivo, consignación, consignar, consignatario, designar, diafragma, diagnosticar, diagnóstico, dignar, dignidade, digno, dogma, dogmático, dogmatismo, estigma, expugnar, flegmón, fragmento, gnómico, gnomo, gnomoloxía, gnomólogo, gnose, gnoseoloxía, gnosticismo, gnóstico, ígneo, ignominia, ignorante, ignorar, ignoto, impregnar, impugnar, incógnito, indignar, indigno, insignificante, lignito, magnesio, magnífico, magnolia, persignar, pigmentar, pigmento, pigmeo, pragmática, prognose, prognóstico, pugna, repugnante, repugnar, resignar, segmento, sigma, significado, significar, signo.

Por seren semicultismos presentan só -n- asinar, ensinanza, ensinar, ensino, sinalar, sinatura, sino ‘campá’ e outras palabras da mesma familia léxica.

O grupo gn nas palabras patrimoniais dá como resultado ñ [ɲ] (agnum > año), en semicultismos elimina o g implosivo (signum > sino) e nos cultismos mantense conforme á regra xeral (dignidade, benigno etc.). Advírtase que a pronuncia do grupo gn segue sendo popularmente [n], con simplificación do grupo, ou, nunha pronuncia máis coidada, [ɲn] ou [gn].

8.9. Grupos mn-, -mn-, -nm-

Mantéñense as dúas consoantes nos cultismos: alumnado, alumno, amnesia, amnistía, anamnese, autumnal, calumnia, columna, columnata, damnificar, himno, indemne, indemnizar, inmaculado, inmanencia, inmanente, inmaterial, inmaturo, inmediato, inmemorial, inmensidade, inmenso, inmensurable, inmerecido, inmersión, inmerso, inmigración, inmigrante, inmigrar, inminente, inmiscirse, inmóbil, inmobilizar, inmoderado, inmodestia, inmodificable, inmolar, inmoral, inmorredoiro, inmortal, inmune, mnemónica, mnemónico, mnemonizar, mnemotécnica, ómnibus, omnímodo, omnipotente, omnipresente, omnívoro, solemne, solemnidade, ximnasio, ximnasta, ximnástico, ximnocarpo, ximnospermas.

A secuencia nm é habitual dentro da fonética do galego (víronme, enmagrecer, enmudecer, conmover etc.), de tal maneira que a súa pronunciación non resulta insólita. O portugués continental compórtase de maneira inconsecuente no tratamento destes grupos, aínda que en xeral os simplifica en favor da segunda consoante: hino, solene, coluna, pero calumnia, indemne, amnesia. O portugués do Brasil é máis radical na simplificación destes grupos: calunia, indene, pero amnesia, mnemotécnica.

8.10. Grupos -mm-, -nn-

O grupo -mm- simplificouse historicamente en -m-: coma, comendatario, cominación, cominar, cominatorio, comisario, gama, xema, xemación, xemíparo etc.

Con todo, o nome da letra grega gamma debe escribirse con -mm-, por ser unha voz fixada na terminoloxía internacional da física e da astronomía.

O grupo latino -NN- simplificouse en -n- nas voces patrimoniais do galego (lat. cannam > cana). Tamén se adaptaron ao galego con -n- as palabras cultas que tiñan -nn- etimolóxico: bienio, trienio, cuadrienio, quinquenio, sexenio, decenio, milenio, aniversario, conectar, conexión etc.

Con todo, convén escribir con -nn- algúns vocábulos cultos de circulación moi restrinxida: connubio, enneágono, perenne etc.

Un tratamento á parte merecen as palabras derivadas mediante un prefixo rematado en -n, que se une a unha base que comeza tamén por n-. Neste caso, cando existe no galego a palabra base, consérvase o grupo -nn-: circunnavegar (circun + navegar), connatural (con + natural), innobre (in + nobre) etc. O mesmo sucede cando, aínda non estando viva a forma primitiva, esta sexa transparente por existiren outras palabras da mesma familia ou ben por haber derivados con outros prefixos sobre a mesma base: innovar (non existe *novar, pero si novo, e ademais hai outros derivados como anovar, renovar etc.).

Cando non é transparente a base sobre a que se formou o derivado, prodúcese a simplificación en -n-: inocuo, inocencia.

8.11. Grupo -ns- anteconsonántico

Nas palabras cultas mantense sen reducir: circunscrición, circunspección, circunspecto, circunstancia, circunstancial, consciente, conspicuo, conspiración, conspirador, conspirar, constancia, constante, constar, constelación, consternar, constipado, constitución, constituír, construción, construír, construtor, inconsciente, inspección, inspector, inspiración, inspirar, instalación, instalar, instancia, instante, instar, instaurar, institución, instituír, instituto, instrución, instruír, instrumento, instrutor.

O prefixo trans- mantén o grupo ns cando a base é un cultismo: transbordar, transcendental, transcendente, transcender, transcribir, transcrición, transferencia, transferir, transformación, transformar, translación, transmisor, transmitir, transpirar, transporte, transvasar, transvasamento. Cando se une trans- a unha palabra que comeza por s- hai simplificación das dúas consoantes sibilantes: transecular, transiberiano, transubstanciación.

Este sufixo reduciuse a tras- en palabras populares como: trasfegar, trasladar, trasler, trasnoitar, traspasar, traspoñer, trastornar.

8.12. Grupos -pc-, -pn-, -ps-, -pt-

Como norma xeral mantéñense estes grupos nos cultismos: abrupto, acepción, aceptar, adaptar, adepto, adopción, adoptar, adoptivo, anticonceptivo, aptitude, apto, baptista, cápsula, captar, captura, catalepsia, cataléptico, coleóptero, concepción, concepto, conceptual, copto, corrupción, corruptivo, corrupto, corruptor, cripta, críptico, decepción, eclipse, elipse, epiléptico, erupción, eruptivo, escepticismo, estreptomicina, eucalipto, excepción, excepto, exceptuar, exipcíaco, exipcio, Exipto, exiptoloxía, hemoptise, hepta-, hipnose, hipnoterapia, hipnotismo, hipnotizar, imperceptible, inepcia, inepto, interceptar, interrupción, interruptor, irrupción, Neptuno, nupcial, nupcias, opción, optar, optativo, óptica, optimismo, optimista, óptimo, percepción, precepto, preceptor, rapsodia, rapto, raptor, recepción, receptor, réptil, ruptura, sinopse, susceptible, tríptico, voluptuosidade, voluptuoso.

Hai, así e todo, unha serie de palabras que perden o primeiro elemento do grupo -pc- ou -pt-, algunhas por seren xa antigas no idioma, outras por teren hoxe un uso frecuente; e o mesmo ocorre cos derivados cultos da familia do latín scriptus. Así: adscrición, adscrito, cativar, catividade, cativo, cetro, circunscrición, circunscrito, descrición, descritivo, descrito, descritor, ditongar, ditongo, escrito, escritor, escritorio, escritura, indescritible, inscrición, inscrito, manuscrito, prescrición, prescrito, proscrición, proscrito, setembro, setentrión, setentrional, subscrición, subscrito, subscritor, transcrición, transcrito, tritongo.

Amais disto, existen no galego varios casos de vocalización da consoante implosiva: receita e receitar; adoitar (‘acostumar’, diferente do cultismo adoptar); bautismo e bautizar.

Diferéncianse pola presenza ou ausencia dun p as familias de retar (‘desafiar, culpar etc.’, que procede do lat. reputare, a través do francés) e de reptar (do lat. reptare ‘andar a rastro’).

8.13. Consoante + pc, consoante + pt

Cando se trata dos grupos latinos cons. + pc ou cons. + pt pérdese sempre a consoante intermedia -p- en galego: absorción, aprontar, asunción, asunto, escultor, escultura, exento, inscultura, irredento, perención, perentoriamente, perentorio, presunción, prontuario, redención, redentor, redentorista, suntuosidade, suntuoso.

8.14. Grupos pn-, ps- e pt-

Aparecen en posición inicial en palabras cultas e, segundo a regra xeral, consérvanse na lingua escrita, a pesar de que na fala existe a tendencia a non pronunciar a primeira consoante: pneuma, pneumático, pneumonía, pneumopatía, pneumoscopio, pneumoterapia, pneumotórax etc.; pseudo-, pseudociencia, pseudónimo etc.; psicanálise, psicanalista, psicodiagnóstico, psicofísica, psicoloxía, psicolóxico, psicometría, psicopatoloxia, psique, psiquiatra, psiquiatria, psíquico etc.; pterobranquiado, pterodáctilo, pterópodo etc.

Xa non se escriben con p-: salterio, salmista, salmo e salmodiar.

8.15. Grupo -sc- medial

Nas palabras cultas consérvase o grupo: adolescencia, adolescente, ascender, ascensor, condescendencia, condescender, consciencia (ao lado de conciencia), delicuescencia, delicuescente, descendencia, descender, discente, discernir, disciplina, discípulo, escindir, fluorescente, imprescindible, incandescente, inflorescencia, piscina, plebiscito, prescindir, proscenio, rescindir, rescisión, suscitar etc.

Nas palabras patrimoniais houbo redución do grupo a -c-: apacentar, nacer, necio, pacer. sucede isto sempre nos verbos en -ecer, sexan de formación latina ou romance: coñecer, crecer, florecer, parecer etc.

8.16. Grupo sc- inicial

O grupo latino sc + e, i simplificouse en c- en palabras de entrada antiga: ciencia (e familia léxica), cetro, ciática, cirro, cirrose, cisma (e cismar, cismático etc.). Nas de entrada máis recente o grupo mantense apoiado nun e protético: escena, escenario, escenografía, escepticismo, escéptico, escindir, escintilar, escisión, esciúrido etc. O mesmo ocorre sempre que ao grupo consonántico sigan a, o, u ou consoante: escándalo, escola, escorpión, escribir, escrúpulo, escultura etc.

O grupo inicial sc-, igual ca calquera grupo iniciado por s (+ cons.), toma un e protético. Así, conforme a espírito, estrutura, esquema, esmalte, esmeralda, específico, espectáculo, esfera etc., tamén escándalo, escama etc. Ante e, i, o c- en galego antigo pronunciábase [ts]; desta maneira resultaba un grupo sc- de dúas consoantes co mesmo punto de articulación (isto é, [sts]), que se resolveu en [ts]. Unha vez que c ante e, i adquiriu unha pronuncia interdental [Ɵ], distanciada da de s [ş], as palabras incorporadas modernamente ao idioma deben seguir a norma xeral: mantemento das dúas consoantes e adopción dun e- protético. En portugués sc- ante e, i pronúnciase modernamente [s], e isto explica que siga sendo de regra a simplificación do grupo nas palabras cultas (cena, cenario etc.). A solución galega é, ademais, congruente coa dada arriba para palabras do tipo discípulo, descender etc.

8.17. Grupo -st-

Este grupo consonántico é frecuente nas palabras patrimoniais, e non adoita presentar problemas na escrita do galego. un caso especial é a alternancia de formas do prefixo post-/pos-: escríbese post- cando vai seguido dunha base que comeza por vogal (postelectoral, postoperatorio); úsase pos- cando vai seguido dunha base que comeza por consoante (posclásico, posguerra, pospoñer).

8.18. Algunhas observacións sobre a pronuncia dos grupos cultos

A consoante implosiva dos grupos cultos consonánticos, do tipo cc, cd, cn, x [kş], ct, bc, bm, bs, bt, bv, bx, ps, pt, pn, mn, gm etc. pronúnciase xeralmente relaxada, e mesmo pode desaparecer. Cando estes grupos consonánticos van precedidos das vogais e ou o, estas realízanse sempre con timbre aberto [ɛ], [ͻ]: obxecto [oβ'ʃɛkto].

Nos grupos cc, cd, cn, ct, dm, dn o primeiro elemento pronúnciase [k] ou [d], con maior ou menor grao de relaxación, e mesmo pode desaparecer. Pero é incorrecta a pronunciación deste elemento como interdental [Ɵ].

O primeiro elemento dos grupos cultos gm e gn pronúnciase como velar sonoro (un g relaxado) ou mesmo como un ene velar [ŋ], mais nunca como aspirado.

+ Maximiza/Descarga (Formato DOCS)

08-Grupos consonánticos.docx

+ Maximiza/Descarga (Formato PDF)

08-Grupos consonánticos.pdf