9

Sufixos e terminacións

No referente a sufixos e terminacións, o galego adopta solucións propias, que unhas veces son específicas e outras veces coinciden, en xeral, co portugués e, parcialmente, co castelán e con outras linguas románicas. A continuación faise referencia aos sufixos e terminacións que poden presentar algún problema.

9.1. ancia, -encia, -iencia, -uencia, -cia, -cio, -za, -zo

Nas palabras cultas, en xeral as de entrada máis recente, coincide o galego co castelán e co portugués, pois nos tres idiomas se conservan estas terminacións sen alteración na forma.

Así, teñen -ancia, entre outros, os substantivos abundancia, alternancia, arrogancia, circunstancia, constancia, discordancia, distancia, elegancia, extravagancia, exuberancia, ganancia, ignorancia, importancia, infancia, petulancia, redundancia, repugnancia, resonancia, substancia, tolerancia, vixilancia etc.

Teñen terminación -encia, -iencia ou -uencia, entre outros, adolescencia, aparencia, ascendencia, descendencia, diverxencia, esixencia, incidencia, independencia, indulxencia, inocencia, intelixencia, presidencia, procedencia, referencia, residencia, reticencia, urxencia, virulencia, vixencia; audiencia, ciencia, conciencia, consciencia, conveniencia, deficiencia, desobediencia, eficiencia, experiencia, impaciencia, inconsciencia, inconveniencia, inexperiencia, insuficiencia, obediencia, omnisciencia, paciencia, proveniencia, sapiencia, subconsciencia, suficiencia; afluencia, altilocuencia, anuencia, confluencia, consecuencia, delincuencia, efluencia, elocuencia, fluencia, frecuencia, grandilocuencia, incongruencia, inconsecuencia, influencia, secuencia etc.

Teñen terminación -cia, entre outros, acacia, audacia, avaricia, contumacia, delicia, eficacia, falacia, farmacia, ictericia, impericia, inmundicia, malicia, milicia, noticia, pericia, perspicacia, pertinacia, suspicacia etc. Entre estas palabras está Galicia, voz lexítima galega, denominación oficial do país e maioritaria na expresión oral e escrita moderna. Galiza é tamén unha forma lexitimamente galega, amplamente documentada na época medieval, que foi recuperada no galego contemporáneo.

Teñen terminación -cio formas coma anuncio, artificio, beneficio, bulicio, cartapacio, cilicio, comercio, consorcio, desperdicio, divorcio, edificio, exercicio, ficticio, hospicio, maleficio, necio, negocio, nuncio, oficio, orificio, palacio, patricio, precipicio, prefacio, propicio, sacerdocio, sacrificio, silencio, socio, vicio, xentilicio etc.

Noutras palabras o galego conserva as formas con solución patrimonial -zo, -za: andazo, avinza, cansazo, cobiza (cobizar, cobizoso etc.), crenza (descrenza), diferenza (indiferenza), doenza, espazo (espazar, espazoso), estanza ('estrofa'), finanza (financeiro), graza (desgraza), habenza, licenza, nacenza (renacenza), novizo, perseveranza, pertenza (xunto ao cultismo pertinencia, con significado diferente), postizo, preguiza (preguiceiro, preguizoso), presenza, prezo (desprezo, menosprezo, prezar, desprezar), querenza (benquerenza, malquerenza), sentenza, servizo (servizal), tenza (mantenza), terzo (terza, terzá, terzar), xuízo (axuizar, prexuízo), xustiza (axustizar, inxustiza, xusticeiro). A maioría delas son formas xa amplamente documentadas desde antigo na nosa lingua, e algunhas son préstamos que se incorporaron con esta solución (estanza, finanza...).

9.2. -ción, -sión

Mantéñense os dous sufixos nas palabras cultas: acción, admiración, aliteración, atención, bendición (ao lado da forma patrimonial beizón), canción, codificación, composición, condenación, disolución, edición, educación, emigración, emoción, indicación, lección, manipulación, nación, perturbación, restauración, vacación etc.; admisión, concesión, confesión, división, evasión, excursión, expansión, invasión, lesión, ocasión, previsión, revisión, televisión, versión etc.

Levan -zón palabras patrimoniais como doazón, razón, sazón, torzón, traizón etc.

A historia destes sufixos e terminacións é diferente en galego e en portugués. En galego existe hoxe a variante tradicional -zón e as cultas -ción, -sión; o portugués ten -çao, -zao e -sao. Na época medieval as formas máis estendidas eran -zon, -çon, -son e -sson; pero posteriormente a historia de cada un dos dous idiomas seguiu rumbos diferentes. O portugués (á parte de conservar a sibilante sonora fronte á xorda) mudou esta terminación en -zao, -çao, -sao e -ssao e acomodou a este resultado todas as palabras cultas que foi introducindo, obrando así cun criterio diferente ao usado para a terminación -cio, -cia. O galego incorporou todas estas palabras cultas, coa acomodación fonética indispensable da terminación latina (fractionem > fracción), seguindo un criterio similar ao adoptado coa terminación -cio, -cia e cos cultismos en xeral.

9.3. -nte

Esta terminación permite formar adxectivos ou substantivos sobre a base dun verbo. Os que o fan sobre verbos da primeira e da segunda conxugacións manteñen inalterada a vogal temática correspondente: cantante, cammante; valente, crente, nacente, crecente.

Os relacionados con verbos da terceira conxugación, pola contra, non presentan un resultado uniforme. Os máis deles son cultismos que se remontan á correspondente forma latina, no canto de se formaren sobre o verbo romance, polo que presentan como vogal temática e ou ie: maldicente, maledicente; producente, contraproducente; incidente, reincidente; transixente, intransixente; lucente, relucente; escribente; constrinxente; insurxente; influente, confluente, afluente; vivente, supervivente; consecuente, subsecuente etc.; ou expediente, conveniente, proveniente, interveniente, nutriente, recipiente, saliente, sobresaliente etc. Só uns poucos verbos da terceira conxugación presentan unha forma nominal con vogal temática i: concluínte; contribuínte; saínte; seguinte, conseguinte; oínte ou ouvinte; constituínte, reconstituínte..

Sobre os verbos durmir e servir os derivados esperados deberían presentar -ie- (como cultismos) ou -i- (como derivados romances). En lugar destas formas rexístranse como patrimoniais dormente (adx. e subst.) e servente (subst.).

9.4. -mento

Os substantivos formados con este sufixo manteñen en todos os casos a vogal temática do verbo que lles serve de base: acabamento, regulamento; esquecemento, coñecemento; revestimento, resentimento, seguimento, sentimento.

Son unicamente os derivados de verbos da segunda os que presentan algún problema, posto que non é infrecuente ver escrito coñecimento, padecimento etc., con -i- (coma en castelán e portugués). Tanto no galego actual coma no medieval son absolutamente maioritarias as formas en -emento (atrevemento, entendemento, nacemento...); por teren apoio na fala e seren patrimoniais, estas son as escollidas como normativas.

9.5. -se

As voces cultas con orixe nos nomes gregos en -sis adoptan a terminación -se e son todas do xénero feminino: análise, antítese, apoteose, arteriosclerose, base, catálise, catequese, crase, crise, diagnose, diátese, diérese, diocese, dose, eclipse, electrólise, elipse, énfase, cirrose, esclerose, esexese, éxtase, fase, fotosíntese, frase, hemoptise, hidrólise, hipnose, hipótese, metamorfose, metástase, narcose, neurose, osmose, paráfrase, paréntese, perifrase, prolepse, prótase, prótese, psicose, simbiose, sindérese, sinopse, síntese, tese, tuberculose, xénese.

Non pertencen a este grupo as palabras oasis e chasis.

9.6. -ite e -te

En correspondencia coas palabras do grupo anterior, e por razóns similares, esta é tamén a adaptación das palabras coas terminacións gregas -itis e -tis, todas elas femininas: amigdalite, apendicite, artrite, bronquite, cardite, colite, conxuntivite, diabete, encefalite, endocardite, enterite, estomatite, farinxite, gastrite, glote, hepatite, larinxite, meninxite, miocardite, nefrite, neurite, otite, pancreatite, peritonite, pleurite, tendinite etc. Nótese que gratis non pertence a este grupo.

De maneira similar, teñen -e palabras como acrópole, cute, epiderme, metrópole, necrópole, paralaxe, praxe, psique e sintaxe, tamén femininas.

9.7. -ble / -bel

A solución moderna para as palabras cultas que teñen o sufixo latino -bílis é -ble ou -bel (pl. -bles ou -beis). Así, amable, apetecible, bebible, estable, indeleble, indisoluble, infalible, perdurable, preferible, realizable, soluble, terrible, variable, xeneralizable etc.; ou amábel, apetecíbel, bebíbel, estábel, indelébel, indisolúbel, infalíbel, perdurábel, preferíbel, realizábel, solúbel, terríbel, variábel, xeneralizábel etc.

Consecuentemente, débese escribir establecer, establecemento, restablecer e restablecemento, ou ben estabelecer, estabelecemento, restabelecer e restabelecemento.

A historia do sufixo -bílis é complexa e diferente no galego e no portugués. En textos portugueses medievais aparecen -vel e -vil (plural -viis); máis tarde impúxose como única forma -vel (plural -veis). En textos galegos antigos danse as seguintes solucións (con alternancia gráfica b/v): para o singular, -vele ~ -bele (estavele ~ estabele), -vel ~ -bel (estavel ~ estabel), -vil ~ -bil (estavil ~ estabil), -vle ~ -ble (estavle ~ estable); para o plural, as formas rexistradas son -vi(i)s ~ -bi(i)s (semellavi(i)s ~ semellabi(i)s), -viles ~ -biles (con- venaviles ~ convenabiles) e -veles ~ -beles (semellaveles ~ semellabeles). Esta última solución é con moito a máis frecuente.

A terminación -ble (pl. -bles) impúxose como solución xeral en todo o territorio galego, e mesmo se documenta no norte de Portugal. Esta é ademais a solución adoptada por outras linguas (francés, catalán, castelán...). De por parte, -bel, -beis (amábel, amábeis) ten tamén unha importante presenza na lingua escrita xa desde o século XIX.

A solución -bre usouse moito na literatura desde o século XIX (*posibre, *amabre), debido á tendencia popular a mudar en r o l agrupado con consoante (vide 8.1). Esta, en troques, é a única solución correcta para nobre, palabra coñecida así desde a Idade Media.

A secuencia -bil (pl. -biles) aparece en palabras como débil, hábil, lábil, móbil, núbil.

9.8. -eo, -eu e -ao, -au

Cómpre distinguir na escrita as terminacións -eo e -eu, que se corresponden cunha diferenza fonética real. Rematan en -eo as palabras populares procedentes das latinas rematadas en -aelum, -elum, -oedum, -enum (calquera que sexa o timbre da vogal tónica) e as formadas co sufixo -eo a partir de verbos en -ear: ceo, receo, veo, feo, cheo, freo, arqueo, bloqueo etc. Esta secuencia tradicional en galego facilita que os cultismos procedentes de palabras rematadas en -eum, esdrúxulas ou graves, se acomoden en -eo; téñase en conta que, en xeral, a todo -U latino lle corresponde en galego -o, e as palabras deste grupo non fan excepción: aéreo, arbóreo, arxénteo, áureo, cetáceo, ciclópeo, coetáneo, consanguíneo, contemporáneo, córneo, corpóreo, crustáceo, curvilíneo, cutáneo, erróneo, espontáneo, larínxeo, linóleo, marmóreo, mediterráneo, momentáneo, núcleo, óleo, óseo, pétreo, petróleo, purpúreo, rectilíneo, róseo, sanguíneo, terráqueo, térreo, venéreo, violáceo, vítreo; apoxeo, arameo, ateo, camafeo, corifeo, europeo, fariseo, filisteo, hebreo, himeneo, liceo, mausoleo, museo, peritoneo, pigmeo, plebeo, reo, trofeo, xacobeo. Tamén os galicismos ou catalanismos fideo e manteo.

Rematan en -eu as seguintes palabras patrimoniais, ou xa antigas: eu, meu, teu, seu, chapeu, romeu, sandeu (fem. sandía), xubileu, xudeu (fem. xudía). Tamén ten esta terminación a voz leu (pl. lei) ‘unidade monetaria de Romanía’.

O portugués compórtase de modo en parte diferente debido a unha evolución fonética particular: mantén a secuencia -eo nos cultismos esdrúxulos (pétreo), mentres que os cultismos graves os acomoda en -eu (ateu, pigmeu), debido a que nas palabras populares non ten senón as terminacións -éu (céu, réu, véu) ou -eio (receio, feio, cheio, freio, arqueio, bloqueio), segundo as súas propias leis de evolución fonética, diferentes das do galego común. O galego mantén -eo patrimonial e, aínda que en certas zonas poida xerar un iode sempre que haxa un hiato (a i-auga, ceio, cantaraia, deia), trátase dun fenómeno asistemático: nun mesmo lugar poden darse feio e ceio, fronte a cheo e veo, e aínda un mesmo falante pode usar indistintamente unha palabra con iode ou sen el. Por esta razón, este fenómeno non debe reflectirse na escrita. Habendo, por tanto, -eo, a acomodación dos cultismos pode ser regular, tanto no masculino coma no feminino (europeo, europea; cf. port. europeu, europeia).

Rematan en -ao: arao, cacao, callao, grao, nicolao, pardao, peirao, pronao, tao, vao. Rematan en -au: bacallau e pau.

9.9. -ea

O feminino correspondente ás palabras que acaban en -eo, tónico ou átono, é -ea: allea, chea, fea; aérea, arbórea, arxéntea; atea, europea, hebrea, rea. Esta mesma terminación figura en substantivos femininos, de orixe popular ou culta: aldea, avea, azotea, balea, cadea, candea, cea, correa, diarrea, idea, lamprea, manchea, melopea, morea, panacea, prea, rea, serea, tea, urea, vea, verborrea. Tamén nos galicismos cheminea, librea, marea, platea, polea, ralea.


O galego adapta regularmente en -a o -e mudo final dos substantivos femininos franceses: malla, vianda, dama, franxa, carabina. A acomodación da terminación francesa -ée (cheminée) en -ea (cheminea) é, por tanto, a normal.

9.10. -oa

O galego coñece unha terminación -oa, pronunciada [’oa] ou [’oa] segundo a súa procedencia (boa, lagoa; avoa, filloa). Mentres que no caso de boa, lagoa se manteñen sempre as dúas vogais en todo o territorio galego, en avoa, filloa etc. prodúcese redución a [ o] en zonas da Galicia suroccidental (avó, filló etc.). Mesmo nestes casos debe ser escollida a solución tradicional e absolutamente maioritaria -oa (avoa, filloa, moa, soa -e soamente-, teiroa etc.).

9.11. -us, -um, -o

Hai algunhas palabras que escapan á regra xeral de acomodación de cultismos e manteñen as terminacións latinas -us, -um: campus, corpus, humus, ómnibus, Venus, virus; álbum, factótum; médium, presídium, parabéllum, súmmum, contínuum, cinefórum, quórum, desiderátum. En xeral son palabras que aínda se senten como non plenamente incorporadas ao idioma.

Escríbense con -o as voces currículo, espírito, ímpeto, memorando, referendo e tribo.

9.12. -iño/-iña e -ino/-ina

Nas palabras patrimoniais a terminación latina -inum/-inam deu en galego -iño/-iña, que é tamén a forma xeral do diminutivo. Así: andoriña, campiña, casiña, campesiño, comiño, mariña, mariño, menciña, pequeniño, veciño etc. Remata tamén en -iño mesquiño e pergamiño.

Os préstamos, latinos ou non, adoptan a terminación -ino/-ina: albino, anilina, anxina, aquilino, asasino, aspirina, bencina, bizantino, bobina, bovino, brillantina, buguina, canino, cantina, capuchino, carabina, cartolina, casino, clandestino, cocaína, codeína, coralino, cortina, cristalino, destino, disciplina, divino, doutrina, ensino, escarlatina, esquina, estricnina, estudantina, felino, feminino, gabardina, gasolina, glicerina, granadino, guillotina, heroína, interino, intestino, ladino, latino, mandolina, margarina, masculino, matutino, medicina, morfina, muselina, nicotina, nitroglicerina, oficina, ondina, palatino, parafina, penicilina, peregrino, piscina, plastilina, porcino, propina, proteína, rabino, repentino, resina, retina, ruína, sacarina, sibilino, sonatina, supino, taurino, toxina, turbina, ultramarino, vaselina, vespertino, vitamina, vitrina, xacobino, xelatina, xenuíno etc.

9.13. -e

Rematan en -e as palabras patrimoniais procedentes de étimos latinos en -INEM (home, virxe, orde, imaxe, chantaxe 'planta', feluxe), os continuadores dos neutros en -men (crime, exame, lume, costume etc.) e os galicismos en -axe (chantaxe 'extorsión', homenaxe, lmaxe, viaxe etc.).

De maneira análoga, adóptanse tamén sen nasal final os cultismos: abdome, ditame, exame, nume, réxime, vexame, xerme... Deben mesmo escribirse sen -n as palabras glute, lique, pole, seme, pois non hai razón filolóxica ningunha para separalas das anteriores. Exceptúanse o latinismo lumen (unidade da física do sistema internacional) e o bretonismo dolmen.

O portugués mantivo a nasalidade primitiva (homem, virgem, ordem, imagem etc.) e aínda a estendeu analoxicamente a algunhas outras palabras (nuvem, ontem) e de modo sistemático ás palabras formadas co sufixo galorrománico -age (homenagem, linhagem, viagem etc.). Como xa se indicou, as palabras tradicionais procedentes dos neutros latinos en -men resolvéronse en -e tanto en galego coma en portugués (lume etc.). Pero os cultismos son tratados polo portugués de modo vacilante: en xeral, suprime -n (ditame, exame, vexame etc.), algunhas veces manteno (sémen, líquen, pólen, glúten) e en bastantes casos admite as dúas solucións (ligame / ligâ men, abdome / abdômen, germe / gérmen etc.).

Advírtase que a evolución da nasalidade da terminación medieval -e é paralela tanto en galego coma en portugués á doutras vogais finais átonas nasalizadas. Compárense as formas medievais órfão, Estévão, órgão, orégão..., que se manteñen en portugués en órfão, Estévão, órgão, orégão e que en galego se resolven en orfo, Estevo, orgo, ourego.

9.14. masc. -án / fem. -á, masc. -ano / fem. -ana

Nas palabras populares, a terminación latina -anum presenta tres solucións distintas no dominio lingüístico galego: -ao/-án/-á (irmao / irmán / irmá). En troques, a correspondente forma feminina -anam só ten dous resultados: -á/-án (irmá / irmán).

Estas formas pódense atopar na fala con distintas combinacións, pero desde o século XIX os escritores veñen mostrando unha preferencia polo seguinte esquema, hoxe unanimemente aceptado na lingua escrita:

(meu) irmán (miña) irmá

(meus) irmáns (miñas) irmás

A este esquema incorpóranse tamén outras palabras co masculino acabado en -án, aínda que este -án non proceda etimoloxicamente dun sufixo -anu. Teremos, xa que logo: alazán, alazá; aldeán, aldeá; ancián, anciá; artesán, artesá; barregán, barregá; bosquimán, bosquimá; capitán, capitá; chan, chá; cidadán, cidadá; cirurxián, cirurxiá; comarcán, comarcá; concidadán, concidadá; cortesán, cortesá; cotián, cotiá; cristián, cristiá; curmán, curmá; ermitán, ermitá; escribán, escribá; gardián, gardiá; gran e gra; insán, insá; irmán, irmá; livián, liviá; louzán, louzá; malsán, malsá; marrán, marrá; musulmán, musulmá; nugallán, nugallá; pagán, pagá; rufián, rufiá; san, sa; sancristán, sancristá; sultán, sultá; tecelán, tecelá; temperán, temperá; temporán, temporá; truán, truá; van, va; verán; vilán, vilá.

Este é un dos sufixos produtivos con que conta o galego para a formación de xentilicios. Seguen este modelo afgán, afgá; alemán, alemá; castelán, castelá; catalán, catalá; coimbrán, coimbrá, e, especialmente, os referidos a entidades de poboación galegas: aresán, aresá; arousán, arousá; arzuán, arzuá; bergantiñán, bergantiñá; caldelán, caldelá; carnotán, carnotá; compostelán, compostelá; ferrolán, ferrolá; fisterrán, fisterrá; mariñán, mariñá; muradán, muradá; muxián, muxiá; ourensán, ourensá; ponteareán, ponteareá; pontecaldelán, pontecaldelá; redondelán, redondelá; ribeirán, ribeirá; salnesán, salnesá; ullán, ullá; vilagarcián, vilagarciá.

Algúns xentilicios galegos poden conservar a súa forma local -ao / -á: arnoiao, arnoiá; burelao, burelá; courelao, courelá; caldelao, caldelá (do Castro Caldelas); dezao, dezá; lancarao, lancará; limiao, limiá; mariñao, mariñá (da Mariña luguesa); masidao, masidá; meirao, meirá; melidao, melidá; ribeirao, ribeirá (do Ribeiro) etc. Pola mesma razón, admitirase tamén a forma feminina local -án en casos como unha carnotán, unha fisterrán, unha muradán etc.

Nas palabras cultas incorporadas con posterioridade á época en que deixou de operar a lei da caída do -n- intervocálico, a terminación latina -ANUM, -ANAM foi adaptada conforme á norma xeral de acomodación de cultismos. Levan esta terminación -ano (fem. -ana): africano, americano, anglicano, arcano, artesiano, asturiano, australiano, bacteriano, boliviano, colombiano, cubano, decano, diluviano, franciscano, fulano, gregoriano, hispano, humano, inhumano, italiano, lusitano, luterano, mahometano, meridiano, metropolitano, miliciano, mundano, oufano, paisano, peruano, pondaliano, profano, provinciano, puritano, republicano, romano, rosaliano, semana, soberano, tirano, transmontano, ultramontano, urbano, valenciano, veterano, vexetariano, xermano etc.

Como xa foi indicado (cf. 9.13), cando esta terminación latina era átona, a evolución en palabras patrimoniais foi diferente e o resultado final en galego é -o/-a: Estevo, orfo / orfa, orgo, ourego, ravo (planta), saba. Relacionadas con estas, aínda que doutra orixe, están as terminacións en -o de Cristovo e soto.

As palabras cultas conservan o sufixo latino sen cambiar; isto afecta tamén os vocábulos que teñen esta terminación, aínda que a súa orixe non sexa latina. Así, bibliómano, bímano, cleptómano, cocainómano, diáfano, ébano, melómano, mitómano, morfinómano, órgano, pínfano, plátano, tétano, tímpano.

9.15. masc. -án / fem. -ana

A terminación -án / -ana aparece nunha serie de nomes, substantivos e adxectivos, que xeralmente actúan como caracterizadores pexorativos: balandrán, balandrana; baleigán, baleigana; barbuzán, barbuzana; barrigán, barrigana; barullán, barullana; bocalán, bocalana; brután, brutana; buleirán, buleirana; burrán, burrana; burricán, burricana; cabezán, cabezana; cachamoulán, cachamoulana; cachán, cachana; cacholán, cacholana; cagán, cagana; canelán, canelana; cangallán, cangallana; carallán, carallana; carcamán, carcamana; carneirán, carneirana; carroulán, carroulana; chalán, chalana; charlatán, charlatana; cornelán, cornelana; farfallán, farfallana; folán, folana; folgazán, folga- zana; galbán, galbana; guedellán, guedellana; lacazán, lacazana; langrán, langrana; larpán, larpana; leilán, leilana; lerchán, lerchana; lorán, lorana; lordán, lordana; loubán, loubana; mentirán, mentirana; orellán, orellana; paduán, paduana; pailán, pailana; palafustrán, palafustrana; papán, papana; parvallán, parvallana; paspán, paspana; pastrán, pastrana; pelandrán, pelandrana; pertegán, pertegana; pillabán, pillabana; porcallán, porcallana; ruán, ruana; tangueleirán, tangueleirana; testalán, testalana; testán, testana; toleirán, toleirana; vergallán, vergallana; zalapastrán, zalapastrana; zampallán, zampallana.

9.16. masc. -ón / fem. -oa, -ona

Forman o feminino en -oa unha serie de adxectivos e substantivos en que -ón non pode analizarse como sufixo: anfitrión, anfitrioa; bretón, bretoa; campión, campioa; ladrón, ladroa (que tamén ten un feminino ladra); león, leoa;patrón, patroa; saxón, saxoa; teutón, teutoa.

Rematan en -ón / -ona as palabras en que esta terminación é un sufixo aumentativo ou deverbal pexorativo: homón, mullerona, zapatón, casona; abusón, abusona; acusón, acusona; faltón, faltona; preguntón, preguntona etc.

Existe ademais un grupo de palabras cultas coa terminación -on átona: canon, colon, corion, décathlon, épsilon, ípsilon, micron, epíploon, cripton, isquion, necton, neon, newton, ómicron, párkinson, radon, taxon, telson. O anglicismo nylon adáptase ao galego como nailon.

9.17. -de

A terminación latina vogal + tem resólvese en galego, tanto en palabras cultas coma populares, en vogal + -de: almude, alude, ataúde, calamidade, céspede, hóspede, laúde, parede, rede, saúde, sede, soidade, verdade, virtude etc.

9.18. -dade, -tade

O sufixo latino -tatem resolveuse en -tade en posición posconsonántica (dificultade, facultade, maxestade, potestade, tempestade, vontade) e en -dade en posición posvocálica (enfermidade, novidade, puridade, realidade). Ás veces unha síncope vocálica antiga provocou que -dade poida aparecer en posición posconsonántica (bonitatem > bondade, crudelitatem > crueldade, hereditatem > herdade, legalitatem > lealdade, mortalitatem > mortaldade, trinitatem > trindade, veritatem > verdade, virginitatem > virxindade etc.). A partir destas formas, -dade estendeuse a bases non sincopadas rematadas en r: liberdade, puberdade.

9.19. -dade / -edade / -idade

No galego actual, -dade presenta tres alomorfos: -dade, -edade e -idade. O primeiro aparece só nunha relación pechada de palabras populares que sufriron, segundo se indicou en 9.18, a síncope da vogal precedente (verdade, herdade, bondade, trindade etc.). As outras dúas variantes, as únicas produtivas no galego actual, presentan distribución complementaria e aparecen en palabras introducidas por vía culta e mais en derivados romances: -edade combínase con bases adxectivas en -io (notoriedade, solidariedade, variedade...) e -idade nos casos restantes (capacidade, probabilidade, soidade, novidade...). As únicas excepcións a esta regra son necidade e sucidade.

9.20. -aría /-ería

Os substantivos formados con este sufixo referíanse orixinariamente a cousas e indicaban o lugar onde se fabricaban, onde se vendían ou onde había abundancia delas. A forma -aría, maioritaria no galego medieval, era o resultado fonético regular da correspondente latina -aría. Por iso debe dárselle preferencia a esta solución: armaría, artillaría, bruxaría, camisaría, carnizaría, carpintaría, cervexaría, cestaría, chancelaría, charlatanaría, chocolataría, enfermaría, enxeñaría, ferraría, gandaría, infantaría, lavandaría, leprosaría, libraría, moblaría, panadaría, papelaría, pedraría, peixaría, perfumaría, pradaría, refinaría, reloxaría, tesouraría, tinturaría, zapataría...

Con esta solución conflúen tamén aqueloutros vocábulos derivados co sufixo -ía sobre bases en -ario: comisaría, notaría, secretaría, testamentaría etc., derivados a partir de comisario, notario, secretario e testamentario, respectivamente.

A solución -ería, documentada tamén no galego medieval, fíxose case xeral no galego moderno, polo que se admite así mesmo como normativa.

En calquera caso, téñase en conta que algúns galicismos modernos, como batería, galantería, galería ou mercería presentan unicamente a terminación -ería.

Á forma iberorrománica -aría correspondía a francesa -erie, que, coma outros sufixos galorrománicos, se documenta na Península desde época moi temperá. Desta maneira entran as dúas en conflito; e en castelán e catalán impúxose doadamente -ería, unha vez que o sufixo latino -arius terminou dando cast. -ero e cat. -er (caballero-caballería, cavaller-cavalleria). Pero esta non foi a única causa do triunfo de -ería, pois en italiano, onde non hai -ero, tamén se impuxo -ería (libraio- libreria). En portugués tamén penetrou moito o novo sufixo (Livro de Montería, século XV) e aínda hoxe hai moitas palabras con el (carroceria, parceria, cristaleria, correria, grosseria, bateria, bilheteria, sorveteria, loteria, bijuteria).

Por ultracorrección úsase ás veces un falso sufixo *-eiría, creado a partir dos substantivos derivados en -eiro e non dos primitivos. Así, de ferreiro fíxose *ferreiría ou de leiteiro, *leiteiría etc. Estas formas deben evitarse.

+ Maximiza/Descarga (Formato DOCS)

09-Sufixos e terminacións.docx

+ Maximiza/Descarga (Formato PDF)

09-Sufixos e terminacións.pdf