14

O artigo

14.1. O artigo determinado

14.1.1. Formas

O artigo determinado presenta en galego as seguintes formas:

Estas son as formas do galego común. Na maior parte do galego de Asturias, no canto de o úsase para o masculino el ou a forma elidida l.

Existe tamén unha variante alomórfica lo, la, los, las, que é de uso obrigatorio tras da preposición por (vai polo carreiro) e do adverbio u (ant. *ub) (u-lo libro?).

A forma do artigo primitivo era lo, la, los, las, pero o l en posición intervocálica desapareceu, tanto en interior de palabra coma dentro de grupos fónicos de palabras, co conseguinte resultado o, a, os, as (para lo campo > para o campo); esta forma estendeuse analoxicamente a outros contextos en que o l non fose precedido dentro do mesmo grupo fónico por -s, -r, -b ou -n. Se estaba precedido por -n (son las tres), tras unha fase -nn- (son nas tres), o resultado foi -n- (son as tres, con pronuncia ['şonaş'treş]), que se interpreta como a consoante final da palabra precedente e non como a inicial do artigo; o artigo, por tanto, segue sendo o, pero os efectos desa asimilación e posterior redución perduran aínda no feito de que ese n poida ser alveolar e non velar (compárese, como exemplo, o -n de non había ['noŋããβia] e o de non o vexo ['nõno'βeʃo], o de tocan ['tͻkaŋ] e os de tócana ['tͻkaŋa] e tocan a muiñeira ['tͻkaŋa mui'ɲejra]). Cando a consoante anterior era -r, -s ou -b (dar las tres, dás las tres, ub lo gato?), a asimilación foi regresiva e nun primeiro momento deu como resultado -ll- (dal las tres, ul lo gato?), posteriormente -l- (da-las tres, u-lo gato?); deste modo o artigo seguiu mantendo a forma primitiva, pero o verbo ou a palabra anterior viron modificada a súa consoante final.

Non sempre houbo acordo no tocante ao tratamento destes alomorfos na lingua escrita. Os textos medievais galegos e portugueses mostran unha clara preferencia pola representación das dúas formas do artigo na distribución indicada, marcadas en portugués ata o século XVIII. O galego do Rexurdimento vacila entre a representación e a non representación, vacilación que continúa ata hoxe. Con todo, téñase en conta que o alomorfo lo(s), la(s) é un trazo morfolóxico que ademais é xeral a todo o territorio, se exceptuamos unha pequena zona dentro da provincia de Ourense que non as conserva xa en ningún caso (facer o viño, por o camiño etc.).


Ademais de nos casos mencionados, pódense representar na escrita as variantes lo, la, los las nos seguintes contextos:

a) Despois de infinitivo, das formas verbais conxugadas que rematen en -r ou -s e dos pronomes enclíticos nos, vos e lles: vou colle-las laranxas, perdíche-los cartos, collémo-lo saco, ti e-lo demo, xa sábe-lo que pasou, tomóuno-lo pelo, dóuvo-la boneca, quitóulle-las ganas de rir.

b) Despois dos pronomes tónicos nós e vós cando van seguidos dunha precisión numérica: nó-los dous, vó-los sete.

c) Despois de ambos, entrambos e todos, cos seus femininos, da preposición tras, da conxunción copulativa (e) mais: ámbalas dúas, fixérono entrámbolos dous, tódolos días e tódalas noites, estalle tralos montes de acolá, fomos eu e mailo fillo do señor Miguel.

A asimilación indicada en a) e b) pode non darse se despois da palabra rematada en -r ou en -s hai unha pausa.

Na fala pode haber outros casos de asimilación, mesmo co -s do plural; ao non seren xerais a todo o galego e aínda producírense esporadicamente nunha fala local ou individual, levalos a unha normativa esixiría unha casuística demasiado complexa e pouco económica (a doce peséta-lo quilo, tocádolos extremos). É este un fenómeno que se presenta tamén, e de xeito máis acentuado, nas formas do pronome persoal (cando ménolo penses, vin polo ver, os nosos pecados ben purgádolos temos xa). Nin no caso do artigo nin no do pronome se levan á grafía estas asimilacións.

Aínda que non se represente graficamente, a única pronunciación recomendable é a que reproduce a segunda forma nos contextos sinalados: vender a casa [ben'dela'kasa].

14.1.2. Contraccións

14.1.2.1. Contraccións coas preposicións

As preposicións a, con, de e en contraen co artigo:

O encontro da preposición a co artigo masculino o(s) resólvese graficamente como ao(s) ou ó(s). A pronuncia correcta, sexa cal for a súa representación, é [ͻ], que é a única que se rexistra en practicamente todo o dominio lingüístico galego.

Para a concorrencia da preposición por cos artigos determinados, vide 14.1.1.

Con máis a resólvese na fala en coa ou en ca. Establécese como normativa coa e non ca porque, estando as dúas formas vivas na fala de hoxe con vitalidade semellante e alternando nun mesmo lugar e aínda nun mesmo falante, a forma plena coa debe ser favorecida sobre a forma reducida e innovadora ca. Desta maneira mantéñense tamén diferentes a contracción de con + a e a conxunción comparativa ca.

A adopción da preposición para como forma estándar (vide 19, nota) impide a súa contracción gráfica co artigo. En caso de necesitar usar a forma reducida pra, esta contrae co artigo en pró, prá, prós, prás: cantan os galos pró día.

Estas contraccións realízanse tamén cando o artigo dos topónimos vai precedido dunha destas preposicións: veño da Coruña, estou na Pobra do Caramiñal, vou ao/ó Carballiño.

Mais non se realizan cando a preposición non rexe o substantivo determinado polo artigo: antes de os galos cantaren.

14.1.2.2. Encontro do artigo coa conxunción comparativa ca

O encontro da conxunción comparativa ca co artigo determinado represéntase ca o(s), ca a(s) ou có(s), cá(s) (é máis ruín ca o / có demo, Betanzos é máis pequeno ca A / cá Coruña), aínda que a pronuncia xeral é [kͻ], [ka:].

De adoptárense as formas contractas, escríbense con acento para marcar a diferenza de articulación entre co (con + o) e có (ca + o), cos e cós, ca (conxunción) e cá (ca + a), cás. Así, debemos escribir dálle co meu, pero é máis grande có meu; é máis vello ca min, pero é máis vello cá miña etc.

Cando a conxunción vai seguida da preposición a nunca se representa a contracción na lingua escrita, aínda que de feito se realice na fala: quéreme máis a min ca a ti. Consecuentemente, tampouco se representa a contracción cando a preposición vai contraída co artigo: quérolle ao meu fillo máis ca ao de ninguén, caeulle máis auga á nosa ca á deles.

Cómpre sinalar que se está facendo referencia só ás contraccións da conxunción comparativa ca, non ás de que, que non se representan nunca na lingua escrita, nin cando ten valor comparativo nin con calquera outro: sábeme mellor a laranxa que o limón, deilles aos meus nenos máis que aos de Felisa, díxome que o teu é peor, é máis novo do que o meu.

14.2. O artigo indeterminado

14.2.1. Formas

O artigo indeterminado presenta as seguintes formas:

14.2.2. Contraccións

As preposicións con, de e en contraen co artigo indeterminado:

Se a preposición non forma parte da mesma frase ca o artigo, non se realiza a contracción: de un médico estar alí, salvarialle a vida (= de estar alí un médico, salvaríalle a vida).

Para a resolución dos encontros das preposicións con, de e en co numeral e indefinido un, véxase 15.4.3 e 16.1.

+ Maximiza/Descarga (Formato DOCS)

14-O artigo.docx

+ Maximiza/Descarga (Formato PDF)

14-O artigo.pdf