17.1

Paradigmas regulares

17.1. Paradigmas regulares.

No verbo regular o lexema permanece invariable (para as alternancias fonéticas dos verbos da segunda e da terceira, vide 17.2.); no irregular está sometido a variacións explicables só historicamente. Tanto nun coma noutro caso os morfemas que poñen de manifesto as diferentes categorías (modo, tempo, número e persoa) son, en xeral, coincidentes.

Andabamos, andabades; andaramos, andarades; andaríamos, andariades; andásemos, andásedes, e as formas correspondentes da segunda e terceira conxugacións. Nas persoas 1a e 2a de plural do copretérito, pospretérito e antepretérito de indicativo, e do pretérito de subxuntivo coexisten na fala viva as acentuacións paroxítonas (cantabamos, cantabades etc.) coas proparoxítonas (cantábamos etc.), se ben a vitalidade das formas graves cantasemos e cantasedes é moito menor ca nos outros tempos.

A acentuación paroxítona representa a orixinaria e a esdrúxula unha innovación analóxica que non se acabou de consumar. A primeira correspóndese coa latina -abamus, -abatis etc., conservada tamén en sardo (cantavámus, cantavádes etc.), en italiano (cantavamo, cantavate), en occitano (cantavám, cantavátz etc.), e mesmo, aínda que hoxe estea moi disfrazada, en francés (chantions, chantiez etc. < ant. chantiiéns, chantiiéz etc.). Concorda, logo, o galego, e os dialectos portugueses limítrofes, con outras linguas irmás; é un trazo conservador que se debe preservar na lingua normativa, dado que non se trata de ningunha reliquia, senón dunha pronuncia moi común aínda, que ocupa máis da metade sur de Galicia, e mesmo non é allea á parte norte. A regresión das formas cantabamos, cantabades etc. débese en boa parte a que se toma como modelo de corrección o castelán e, en consecuencia, estas reprímense como vulgares.

En consecuencia, óptase polas formas cantabamos, cantaramos e cantariamos (e cantabades, cantarades e cantariades) por seren as formas tradicionais e manteren unha gran vitalidade no galego actual. Pola contra, no pretérito de subxuntivo prefírense as formas proparoxítonas cantásemos e cantásedes, maioritarias xa no uso moderno. A asimetría cantabamos, cantabades / cantásemos, cantásedes dáse tamén en linguas como a italiana, onde cantavámo, cantaváte manteñen a acentuación etimolóxica, mentres que en cantássimo, cantáste houbo desprazamento acentual á vogal temática.

Andei, andaches etc. Dáse intencionadamente andar como modelo de paradigma dos verbos da primeira conxugación. Espallados irregularmente, sen formaren áreas compactas (convivindo ás veces nunha mesma localidade e mesmo nun individuo), ao lado das formas regulares (andei, andaches..., andara..., andase...) aparecen paradigmas irregulares no tema de perfecto: andiven, andiveches..., andivera..., andivese... (analóxico de estiven etc.), ou anduven, anduveches..., anduvera..., anduvese... (analóxico de estuven, estuveches etc.). Andei... andara... andase... son as únicas que se documentan no galego medieval; aínda que non hai por que descartar unha contaminación analóxica con estar, paralela e independente da ocorrida en castelán, é preferible favorecer a forma tradicional, fortemente representada aínda na fala viva, fronte ás formas innovadoras andiven, anduven etc.

Andaches, varriches, partiches. A desinencia da segunda persoa de perfecto era en latín -sti. En galego consérvase como -ste (cantaste, varreste, partiste) nunha pequena zona nos concellos da Guarda e Tomiño; como -stes (ti cantastes, varrestes, partistes) nunha franxa estreita entre Camariñas e Sanxenxo ao longo das Rías Baixas; como -ches (cantaches, varriches, partiches) en case todo o resto da Coruña e Pontevedra, así como na parte occidental de Ourense e SO de Lugo; e como -che no resto de Lugo, Ourense e na maior parte do galego exterior. Estas formas con -sti palatalizado xa aparecen documentadas no século XIII, aínda co s sen asimilar ao ch: fezische, quisische etc.

Aínda que todas elas son formas xeradas polo propio galego, a escolla (feita xa realmente por toda a tradición literaria moderna) non ofrece dúbidas en favor das maioritarias -che e -ches. Postos aínda a seleccionar unha forma única, debemos inclinarnos en favor de -ches, porque é (polo menos demográfica e literariamente) a maioritaria. Outro argumento, aínda, en favor da forma -ches é o seguinte: na área de -che (cantache etc.) a énclise dos pronomes de terceira persoa non é, normalmente, a esperada (cantácheo ou cantacho), senón a que supón unha forma verbal acabada en -s (cantáchelo). Isto indica que a área de cantaches (apoiada pola analoxía con cántalo, cantábalo, cantáralo, cantaralo, cántelo, cantáselo) está gañando terreo a expensas da outra.

Varriches. Como vogal tónica na segunda persoa dos perfectos fracos dos verbos da terceira conxugación hai sempre -í- (partiches). Nos da segunda pode aparecer -í- (varriches) ou -é- (varreches). Xeograficamente aparece varriches, e variantes, nunha extensa área que abarca a metade oriental das provincias da Coruña e Pontevedra, a totalidade de Lugo e Ourense, e as falas galegas de Asturias, León e Zamora. A pequena área restante usa varreches e variantes.

Na lingua antiga estas formas tiñan -í-: concebiste, prometiste, cometiste, falecische, rompischi, tollische etc. Mesmo os perfectos fortes, que hoxe teñen -é- [e] en case todo o territorio lingüístico galego, tamén se rexistran no galego medieval moi frecuentemente con -í-: creviste ‘criches’, diste, dissisti, feziste ou fezische etc. No galego de Asturias a vogal temática é i mesmo nos perfectos fortes: dixiche, faíche ‘fixeches’.

Con estes datos de carácter cronolóxico resulta claro que as formas mino- ritarias con -e- (varreste(s) ou varreche(s)) son as innovadoras fronte ás que tiñan -i- (varriste(s) e varriche(s)). Estas son, xa que logo, lexitimamente galegas: a desinencia latina -ISTI resólvese conforme ás leis fonéticas do galego en -iste e -iche. A presenza de -e- ['e] (comeste(s), comeche(s)) xustifícase por unha extensión analóxica a partir de comemos, comestes, comeron, comera, comese..., que teñen -e- etimolóxico.

O ser unha forma tradicional e ocupar unha área máis extensa determina a escolla a favor de comiches fronte a comeches.

Varreu, partiu. A desinencia da terceira persoa dos perfectos fracos da segunda conxugación é (varr)-eu ou (varr)-iu, con variantes a que se fará referencia máis abaixo; -iu aparece ao N dunha liña que una A Laracha con Muros; -eu aparece no resto do territorio lingüístico galego.

Na terceira conxugación danse as mesmas desinencias, pero coa seguinte distribución xeográfica: partiu aparece na mesma área da provincia da Coruña en que se di varriu, e volve aparecer, con solución de continuidade, en todo o L e S de Lugo, case todo Ourense, metade S de Pontevedra e todo o galego da franxa exterior. Entremedias das dúas áreas de partiu, en sentido transversal de NL a SO, hai unha franxa de parteu.

Resumindo, a metade NO de Galicia unifica as conxugacións 2a e 3a nesta persoa dos perfectos fracos, unhas veces a expensas da 2a (varriu = partiu) e outras veces a expensas da 3a (parteu = varreu). A outra metade mantén etimoloxicamente diferentes os dous paradigmas: varreu / partiu.

Aínda que ambos os procesos son xa antigos (hai exemplos de parteu e de comiu no galego medieval), débese dar preferencia ás formas conservadoras, que, ademais de seren maioritarias na tradición escrita moderna, están representadas na fala actual en territorios compactos e extensos. A estas razóns debe sumarse o feito de que este paradigma permite diferenciar as desinencias de varreu e partiu.

Outro problema é o referido ao -u final. Nos verbos da primeira non aparece senón -u (cantou), pronunciado como semivogal. Mais nos verbos da segunda e da terceira, tanto nas zonas onde se produciu a unificación coma nas outras, pode aparecer -o na fala actual (varreo, partío), pronunciado como sílaba. Estas formas acabadas en -o rexístranse xa en textos do século XIII (dormío, meteo), pero son raras fronte ás acabadas en -u, que son as etimolóxicas. A innovación de substituír -u (asilábico) por -o (silábico) debe ter orixe nunha propagación analóxica que parte dos perfectos fortes (ant. disso, estevo, fezo, podo etc.) onde o -o, por ir precedido de consoante, é núcleo de sílaba.

Tendo en conta que -o é innovación e que aínda hoxe non abarca senón áreas xeográficas moi restrinxidas, adóptase como normativa a forma que ten a desinencia u, que xa vén sendo usual na tradición literaria. Desta maneira mantense, ademais, un sistema simétrico: comeu e partiu = cantou.

Andastes, varrestes, partistes. Na segunda persoa do plural dos perfectos a desinencia máis común en todo o galego actual é -stes (cantastes, varrestes, partistes). Ao lado desta, en zonas compactas pero descontinuas, aparece unha forma hipercaracterizada con dous morfemas de segunda persoa de plural: -stes (do perfecto) e -des (dos outros tempos): cantástedes, varréstedes, partístedes. Estes resultados aparecen sobre todo arredor da ría da Arousa, na zona de Fisterra e entre Pontedeume e Ortigueira. Noutra zona, tamén compacta, arredor de Laxe, aparece unha forma (vos cantaches etc.), con sincretismo da 2ª de singular e de plural (como en cantaras etc.). Esporadicamente aparece tamén cantáchedes etc. (que é unha suma de cantaches con cantades). Todas son formas xeradas espontaneamente polo propio galego. Neste caso o criterio de área maior é suficiente para a escolla a favor de cantastes etc.; é ademais a forma que se corresponde co galego antigo e a que deriva directamente da latina -stis.

Andase, andara. As formas en -ra funcionan tamén como pretérito de subxuntivo; nalgunhas construcións mesmo son as únicas posibles: Se non o fixeches, fixéralo. Non obstante, agás nestes últimos casos, recoméndase manter ben discriminados os usos dos dous tempos (-ra coma antepretérito de indicativo e -se coma pretérito de subxuntivo).

Futuro de subxuntivo. É un tempo desaparecido da fala viva, onde só se mantén fosilizado en refráns e fórmulas. Porén, tivo un amplo uso na época medieval e aínda a súa presenza é significativa na literatura decimonónica, con continuidade, ás veces con usos incorrectos, na lingua literaria do século XX. Así pois, dada a súa lexitimidade histórica e a súa rendibilidade en certos rexistros lingüísticos, como por exemplo a linguaxe xurídica, cómpre restaurar o seu uso, sempre dentro dos límites da corrección establecidos pola gramática.