17.3

Paradigmas

dos verbos irregulares

17.3.1 Caber

Caibo, caiba, caibas etc. Na lingua moderna rexístranse as seguintes solucións, entre outras que son irrelevantes para o que agora interesa: caibo, caiba en puntos illados escasos, máis densos no NL da Coruña, no NO de Lugo, no SO de Ourense e no de Pontevedra; cabio, cabia nunha franxa oriental do dominio galego e na parte central de Ourense; cabo, caba por todas as partes, pero con maior densidade, formando case unha área compacta, na metade occidental de Galicia; queipo, queipa aparecen de modo esporádico só no N.

No galego medieval non temos documentacións para a primeira persoa do presente de indicativo; hainas, en troques, para o presente de subxuntivo: cabia e caiba, e mesmo caibia.

As formas antigas cabio e caibo, cabia e caiba (e mesmo caibio e caibia con anticipación de iode) son as esperadas historicamente do lat. capio, capiam (obsérvese o paralelismo con agua, auga, augua). Estas formas continúan no galego actual. Cabo, caba etc. (igual que chova, como, durmo etc., ant. chovia, comio ~ coimo, dormio etc.) son formas analóxicas innovadoras. As variantes híbridas queipo, queipa son castelanismos, motivados quizais polo escaso arraigamento do verbo caber, que está sendo suplantado polo semanticamente afín coller.

Normativamente non cabe escoller senón entre as formas galegas e de entre elas debe descartarse cabo, caba por ser unha innovación aínda non consumada; entre cabio/caibo, cabia/caiba etc. débese dar preferencia á segunda por ser, das dúas, a maioritaria, e por ser a solución congruente con poida e queira.

O dito neste comentario vale tamén para as formas correspondentes de saber, coa excepción da primeira persoa do presente de indicativo, que é sei. Tamén cómpre advertir que na maioría dos casos hai coincidencia caiba/saiba, pero non necesariamente.

Couben, coubera, coubese, couber. Para o tema de perfecto no galego actual rexístranse as seguintes raíces: coub-, dispersa por todo o dominio galego, pero formando unha rede bastante densa na parte occidental (case compacta na provincia da Coruña); coup-, dispersa tamén por todo o galego, pero predominantemente na zona oriental; cab- (fraca), tamén esporadicamente ao longo das Rías Baixas. No galego histórico unicamente se documentan formas coa raíz coub-.

Coub- ten xustificación satisfactoria dentro das leis da fonética histórica galega: sonoriza a consoante oclusiva intervocálica (capuit > coubo e, paralelamente, sapuit > soubo), de modo idéntico a outros casos (placuit > prougo, potuit >puido). Non se dispón de datos suficientes para saber se coup- é galega tamén; a falta de documentación antiga e que coub- e soub- se rexistren na actualidade mesmo máis alá do río Navia (nos concellos de Allande e Cangas de Narcea) é un dato negativo. Seguramente coup-, o mesmo que no tema de presente queip-, é unha forma híbrida, resultante do cruzamento do galego coub- co castelán cup-. Finalmente cab- (cabín, cabiches...) é o resultado da propagación analóxica do tema de presente ao tema de perfecto, ou sexa, a substitución do perfecto forte tradicional por un perfecto fraco regular.

Normativamente non se pode favorecer ningunha forma senón a tradicional coub-.

O dito neste comentario é totalmente aplicable a souben, soubera, soube- se, souber.

Coubeches, coubera, couberas, couberamos, coubese, coubésemos etc. A vogal temática de perfecto dos verbos irregulares é un [e] nas formas arrizotónicas, tanto en posición tónica (dixeches, dixera, dixese, dixer) como átona (dixeramos), mentres que nas rizotónicas do pretérito de indicativo a vogal temática é un e pechado na 1a persoa de singular (dixen) e 0 na 3a persoa de singular (dixo).

Caberei, cabería. É ocioso lembrar que o futuro é totalmente regular; formas sincopadas do tipo cabrei, sabrei son castelanismos. O galego antigo coñecía tamén futuros sincopados paralelos aos do castelán, pero dábanse unicamente en verbos que (no protogalego) acababan en -ler ~ -lir, -ner ~ -nir, e -rer ~ -rir: valrei, salrei, terrei, porrei, marrei, verrei; querrei, morrei, guarrei. Non existiron nunca en galego futuros con d epentético, do tipo *valdrei etc. Todos estes verbos, menos os que se perderon, reconstruíron un futuro regular: valerei, sairei, terei... Con máis razón teñen hoxe futuro regular (non sincopado) os que o tiveron durante toda a historia do galego, como caberei, saberei. Quedan, evidentemente, fóra desta regularización os futuros de dicir e facer (direi, farei), como en case todas as linguas románicas, porque a súa irregularidade non se debe a unha síncope.

17.3.2 Caer (vide 17.2.4.3)

17.3.3 Crer (vide 17.2.4.5)

17.3.4 Dar

Dei, din. No galego actual rexístranse fundamentalmente as formas dei e din; ambas aparecen en todo o galego en proporción similar, pero a densidade de dei é maior na zona occidental e a de din na oriental. No galego antigo non se rexistra senón dei, que é a forma etimolóxica; a forma moderna din é analóxica de vin (pretérito de ver).

Tendo en conta que a vitalidade da forma tradicional dei é aínda moi grande, normativamente debe ser a única recomendable.

Deu, dou. Na terceira persoa de singular do perfecto rexístranse, fundamentalmente, dúas variantes, xeograficamente complementarias: deu e dou. Esta última ocupa case integramente a provincia da Coruña (excepto ao norte das Pontes) e a parte setentrional da de Pontevedra (o que queda ao N da ría de Pontevedra); no resto do dominio lingüístico galego aparece deu; dentro da área de deu rexístrase tamén algunha vez diu. Cómpre con todo advertir que deu admite dúas pronuncias: [dew], que é a etimolóxica (dĔdit), e [dew], en que hai unha analoxía con veu [bew] (< *vĒno en vez de vĒnit) ou ben unha harmonización entre [ɛ] e mais [-w] (como en meu, que tamén ten dobre pronunciación). No galego antigo case é exclusivo deu, pero xa existen exemplos de dou en diversos textos medievais.

A forma deu, calquera que sexa a súa pronuncia, é a etimolóxica. Dou é analóxica dos verbos en -ar: da proporción cantei = dei resulta cantou = dou; nótese que no tema de presente dar é da primeira e isto axuda a igualar a ecuación mencionada. Diu (igual que din, diches, dimos, distes, diron, dira, dise, que tamén existen, case sempre nos mesmos puntos) está motivada por unha nivelación con viu (de ver) e cos perfectos fracos da terceira; esta trasfega dos tempos do tema de perfecto á terceira debeu de empezar pola segunda persoa de singular do pretérito, diste, que xa é antiga ao lado de deste.

Normativamente a escolla debe favorecer a forma tradicional deu, que segue tendo un amplo apoio na fala.

Dea, deas etc. A fala actual ofrece dúas solucións maioritarias: dea, deas etc. e día, días etc. O dominio de dea comprende as provincias da Coruña e Pontevedra, así como as metades SO de Lugo e NO de Ourense; o resto ocúpao a forma día. En cinco puntos illados do Atlas Lingüístico Galego rexístranse tamén deña ou dé, en catro deles convivindo con dea. Nos textos antigos documéntanse fundamentalmente as formas dé, dés etc., pero xa hai testemuños medievais de día e de dea.

O resultado dé, dés etc. correspóndese etimoloxicamente co latín DEM, des etc. Con todo, este subxuntivo foi considerado “irregular”, porque se interpretou de- como raíz (igual que le- no verbo ler), incrementándose co sufixo modo-temporal propio dos verbos en -er (cf. lea, leas etc.); lembremos que o verbo dar, aínda que nos tempos do tema de presente é da primeira, nos tempos do tema de perfecto é da segunda. De aí resultou dea, deas etc. Cronoloxicamente este fenómeno foi recorrente: apareceu por primeira vez na época prerrománica un *dea, *deas, que explica as formas dea do romanés, e día do galego oriental, asturiano e italiano (cun tratamento do hiato -éa- idéntico ao de mea, *habÉam -por habebam- etc.); a segunda vez foi en época máis recente (cando xa o hiato -ea- se resolvera en -ía-); desta segunda onda de regularizacións son os dea do castelán, do portugués e do galego. Ora, o portugués e o castelán, coa presión da lingua culta e co freo da norma académica, lograron manter os dea como vulgarismos. Pero o galego, libre de prexuízos cultistas, logrou facer completamente normal o que nos outros idiomas é unha forma reprimida pola norma. Ao desapareceren os dé, dés etc. non hai dentro da propia fala outras formas con que contrastar as novas; o contraste só se pode facer co castelán e co portugués. Por iso, as dúas únicas formas galegas lexítimas só poden ser día ou dea, ambas xeradas polo propio galego. Destas, a forma máis usada na tradición escrita moderna é dea, que é a maioritaria no galego falado, e por iso se escolle como normativa.

17.3.5 Dicir

Conxúganse tamén así os derivados de dicir: contradicir, desdicir, predicir. No galego actual existe unha tendencia maioritaria a conxugar os verbos bendicir e maldicir de maneira totalmente regular (bendice, bendicirá, bendiza, bendiciu etc.), se ben tampouco parece condenable, sobre todo no presente de indicativo e subxuntivo, a conxugación seguindo o modelo de dicir.

Dicir, decer, decir, dicer. Dizer é a forma antiga, documentada desde as orixes do idioma. É a única forma rexistrada nos glosarios do cancioneiro da Ajuda, dos Miragres de Santiago ou da Crónica Xeral. Tamén era a forma leonesa antiga e aínda a recolle B. Vigón en Colunga en 1896, ao lado de decir.

Con todo, axiña se foi introducindo a variante dezer (con vogal radical -e-, eliminando desta maneira a secuencia -i...er, infrecuente en verbos da segunda). Quizais tras das formas dezía e similares, que xa se documentan ao lado de dizía nas Cantigas de Santa María, nos Miragres de Santiago, na Crónica Xeral, na Crónica Troiana etc., hai un infinitivo dezer (aínda que pode haber tamén dezir, dizer ou dizir; nestes dous últimos casos dezía sería variante de dizía por disimilación de vogais). O que é seguro é que tras do xerundio dezendo das Cantigas de Santa María hai forzosamente un infinitivo dezer, rexistrado tamén nun documento de Montederramo do 1291 e noutro de Ourense do 1292, e que volvemos a achar noutros documentos do século XV. Tamén pide un primitivo dezer o contradezer que usa Gil Vicente (1523). Esta forma, ou a que xa ten o -z- enxordecido (decer), aparece en diferentes textos galegos dos século XVII e XVIII. Segue aparecendo con abundancia no século XIX nos primeiros textos do Rexurdimento e aínda hoxe non esmoreceu totalmente na fala viva. Dezer continúa tamén dialectalmente en portugués. Pero en galego o antigo dizer non é substituído só por decer, senón por dicir e decir. O infinitivo dezir encontrámolo xa nun documento de Ribas de Sil de 1405, e coa grafía desyr noutro de Rianxo de 1457. Sarmiento, que escribe a mediados do século XVIII, non usa senón estas dúas formas (dicir ~ decir); nos textos do século XIX citados antes aparecen tamén estas mesmas formas (ao lado de decer). Na lingua oral moderna continúanse usando as dúas variantes, aínda que na escrita adoitaba dárselle preferencia a decir. A forma dicer ou dizer empregada por algúns escritores modernos non ten apoio na lingua actual.

Dizer é unha forma definitivamente morta en galego. Para substituíla acudiuse a decer, que harmoniza a vogal radical coa temática, ou a dicir, que harmoniza a vogal temática coa radical, evitando así un verbo de vocalismo insólito. O paso de dizer a dezer ou decer foi favorecido polas formas en que a vogal temática era tónica (dizer, dizendo, dizemos, dizedes > decer, decendo, decemos, decedes, segundo o modelo de temer, temendo, tememos, temedes). O paso a dicir foi favorecido por aqueles casos en que a 2a e 3a conxugacións estaban neutralizadas: dizes, dize, dizen, dizía, e mesmo digo, diga, dixe; estas formas fan imprevisible un infinitivo dizer ou dicer e mesmo favorecen o paso á terceira, que é, das dúas, o modelo produtivo. Tanto decer coma dicir están, pois, dentro da deriva do propio galego e foron xeradas sen intervención de influxos alleos. Por razóns transparentes decer non pode ser castelanismo; por razóns case tan transparentes tampouco o pode ser dicir. Xustificar dicir como castelanismo supón xustificar coa mesma causa o paso dos antigos cinger (aínda no século XIV) a cingir (xa no século XIII, despois cinxir); imprimer e reprimer (en port. aínda no século XV) a imprimir e reprimir en portugués e en galego; outro tanto ocorre (e aquí o paralelismo con dizer > dicir aínda é maior) co paso do ant. aduzer (en circulación aínda no século XV) para aducir (en portugués aducir e aduzir). Habería mesmo que xustificar o antigo riír (hoxe rir) como castelanismo, en paga do esperado rier (que houbo no leonés e que nin no galego nin no portugués se documenta). Téñase en conta, ademais, que a vogal radical nos verbos da segunda (e da terceira) conxugación cumpre unha función de reforzo da vogal temática, é dicir, axuda a indicar a clase mórfica dun verbo: i, u no radical non poden ser senón de verbos da terceira, e nunca da segunda, que só presentan a, e, o. A situación de excepcionalidade en que quedaban os verbos dizer, escriber e viver explica o seu paso ou ben á segunda conxugación (decer, escreber), ou ben, máis frecuentemente, á terceira (dicir, escribir, vivir). Mesmo a forma decir, que normalmente se descarta como castelanismo, pode ter xustificación tamén dentro da propia deriva do galego (e do portugués), se temos en conta que a secuencia e...ir se fixo habitual no galego coa incorporación de verbos cultos do tipo advertir (cf. 17.2.5.2.1). Con todo, só a presión do castelán parece xustificar a ampla extensión de decir fronte ao mantemento xeral de escribir e vivir.

Entre unha forma arcaica ou préstamo do portugués (dicer), un posible préstamo do castelán (decir), unha forma galega viva pero de escasa representación na fala (decer) e unha forma viva amplamente representada na fala e libre de toda sospeita de préstamo (dicir), normativamente debe optarse por esta última.

Os argumentos expostos ata aquí son aplicables tamén a escribir e a vivir. Con respecto ao primeiro destes verbos, na época medieval rexístranse escri- ver, escrever e escrivir en proporcións diferentes. Escriver é a forma esperada de scribere, paralela a dizer e viver. Escrever harmoniza a vogal radical coa temática (como dezer, vever) e escrivir (con algunha variante como iscrivir ou escrevir) harmoniza a vogal temática coa radical (como dicir e vivir). A forma escriver, xa minoritaria na época medieval, esmoreceu sen deixar rastro. Das outras dúas, escribir (documentada xa a mediados do século XIII), é practicamente a única forma do galego moderno, mentres que escrever é a forma do portugués. Tendo en conta que escribir é forma galega desde sempre e que hoxe apenas hai testemuños de escreber en territorio lingüístico galego, a escolla da forma que se xustifica no uso maioritario non ofrece dúbida.

Con respecto a vivir, viver, a segunda é a forma antiga, pero xa no século XIV empezan a documentarse formas como viviu, que poden supor un infinitivo vivir. Nin na fala actual nin na literatura galega moderna aparecen testemuños de viver, de non ser como portuguesismo consciente. A neutralización fonolóxica de b/v, xa antiga en galego, fixo imposible que prosperase a solución vever (paralela á de decer) e mesmo a de vevir (paralela a decir) (ambas documentadas por Huber), porque darían lugar a homonimias ocasionalmente embarazosas; formas do tipo vevía, vevías (que son o resultado da disimilación de vivía, vivías etc., e posiblemente non copretéritos dos escasos vever e vevir), non deron callado. Con vistas a propoñer unha forma normativa vale tamén o dito a propósito de dicir e escribir, coa vantaxe de que neste caso non hai senón unha solución moderna: vivir.

Dis, di, din. Na fala viva hai fundamentalmente dous dominios: dices, dice, dicen, que ocupa todo o galego oriental e puntos illados no S de Pontevedra, e dis, di, din, que ocupa A Coruña e Pontevedra e o occidente de Lugo e de Ourense. Na época medieval as formas correspondentes eran dizes, dize ou diz, dizen, de onde proceden as do portugués moderno.

As formas apocopadas son xenuinamente galegas e xustifícanse da seguinte maneira: a forma antiga diz (de 3a p. sing.) reduciuse a di por analoxía con (nótese que dicir e dar teñen unha base morfolóxica común en varias formas: direi = darei, diría = daría, di = etc.). Nas zonas de seseo final, hai unha causa coadxuvante: despois da desafricación e do enxordecemento do -z, diz quedaba convertida en *dis, que foi interpretada como di + -s, cunha desinencia -s insólita nunha terceira persoa; por iso foi reducida a di (isto é, di + -0). Non é, sen dúbida, casual que as formas dis, di, din aparezan na área de seseo final (hoxe propagadas contra oriente) e dices, dice, dicen onde non o hai.

Por seren maioritarias xeográfica e demograficamente, tradicionais na escrita moderna e homólogas afas, fai, fan (vide 17.3.8), dis, di, din son as formas escollidas como normativas.

17.3.6 Doer (vide 17.2.4.3)

17.3.7 Estar

Os verbos arrestar, contrastar, obstar, prestar, restar, derivados latinos de stare, por seren hoxe semanticamente opacos, son totalmente regulares: resto, restaba, restei...

Estar, tar. No galego oral existen dúas variantes, repartidas xeograficamente: a forma plena estar, moito máis estendida, e a forma con aférese tar. A forma plena é a normativa.

Estea, esteas etc. Na fala actual hai fundamentalmente dous resultados: (es)teña, (es)teñas, (es)teña, que ocupa un dominio comprendido por unha liña que, partindo de Ribadeo, baixa ata Carballedo (Lugo) e volve a subir ata a ría da Coruña; o resto de Galicia di (es)tea, (es)teas, (es)tea etc. Na zona oriental exterior hai restos de (es)tía, (es)tías, (es)tía etc.; na provincia de Ourense hai puntos illados de esté, estés, esté (case sempre convivindo con estea); en dous puntos da raia limega hai estexa, estexas [3], como en portugués. Na época medieval non se documenta senón esté, estés, esté. Estas formas son as que responden ás latinas stem, stes, stet, stemus, stetis, stent. (Es)tía, (es)tías, (es)tía correspóndense cunha forma protorrománica *steam, *steas, *steat etc., que se conserva tamén no romanés (3ª sg. sa stea, 3ª pl. sa stea), no italiano (stia, stia, stia, stiamo, stiate, stiano) e no occitano antigo (estía, estías, estía, estían); nótese o paralelismo con día, días etc. As formas (es)teña, (es)teñas etc. son analóxicas de teña, do verbo ter; estexa é analóxica de sexa; e (es)tea é xerada polo mesmo procedemento mencionado antes para dea (vide 17.3.4): (es)te- considérase radical (como le-, de ler) e increméntaselle un sufixo modo-temporal a (como le-a); igual ocorrera xa na época latina: a ste- engadíuselle o sufixo modo-temporal de FIAM.

Aínda que todas as formas son xeradas polo propio galego, escóllese estea como normativa por ser a que ocupa unha área maior.

17.3.8 Facer

Conxúganse do mesmo xeito os derivados de facer (afacer, desfacer, refacer, satisfacer).

Fas, fai, fan. No galego actual danse basicamente dúas solucións: fas, fai, fan, que ocupa a provincia da Coruña e Pontevedra e case todo Lugo e Ourense, e fais, fai, fain nunha franxa estreita que comprende o oriente de Lugo e Ourense e o galego exterior. Na época medieval documéntanse, fundamentalmente, fazes, faze ou faz, fazen; no imperativo (2ª sing.) faz, fas ou fais.

Houbo varias forzas colaborando simultaneamente na transformación das formas antigas nas modernas: faz (3ª sing.), nas zonas onde cruz crus, converteríase en *fas (el fas), que era unha terceira persoa insólita, pois acababa en -s, en contra do habitual; igualmente insólito era que a 2ª sing. do imperativo acabase en -s (fas ou fais), cando o normal é que acabe tamén en -ø; por outra parte estaba o futuro farei, en que hai unha segunda raíz fa- (fronte ao faz- esperado). O resultado foi a nivelación destas persoas coas do verbo haber, que semanticamente é afín; así, segundo has, hai, han resultaron fas, fai, fan. Na zona oriental, seguindo a proporción fai = poi (‘el pon’), creáronse as formas analóxicas fais (= pois) e fain (= poin).

Escóllense como normativas as formas fas, fai, fan, por seren as de maior extensión xeográfica e estaren xa consagradas pola tradición escrita moderna.

Fixen, fixera, fixese, fixer. Na fala actual ao lado da raíz maioritaria fix- (fixen, fixeches, fixo, fixemos..., fixera..., fixese..., fixer..), que ocupa toda a provincia da Coruña, Pontevedra case íntegra e a maior parte das provincias de Lugo e Ourense, hai tamén unha raíz fiz- (ficen, ficeche(s), fizo, ficemos..., fice- ra..., ficese..., ficer...), propia de puntos do galego oriental; e fig- (figuen, figue- che(s), figo, figuemos..., figuera..., figuese..., figuer..), en puntos illados de Ourense, especialmente no SO. Aínda hai outras posibilidades, pero teñen unha representación escasa (fex-, fez- etc.). Nos textos medievais o paradigma máis común era fiz, feziste, fez(o), fezemos..., fezera..., fezesse..., fezer...; como formas innovadoras aparecen documentadas xa no século XIII eu fige e eu fix e ademais a raíz fiz- (en vez de fez-) en varias persoas, á parte da primeira do singular do pretérito.

As formas galegas modernas coa raíz fiz- continúan o paradigma medieval; as que teñen a raíz fix- débense a unha innovación galega motivada por unha analoxía cos antigos quige, quigeste, quijo. Esta analoxía reforzouse no momento en que as antigas formas disse, disseste, disso pasaron a dixen, dixeches, dixo, xa na Idade Media. O criterio de área maior aconsella escoller como normativas fixen etc., consagradas xa pola tradición escrita moderna.

17.3.9 Haber

Habemos, habedes. Na lingua oral hai basicamente dous resultados: habemos, habedes e hemos, hedes. Estas dúas últimas formas aparecen dispersas un pouco por todo o dominio lingüístico galego, ás veces convivindo con habemos, habedes; a súa densidade maior dáse na zona oriental. Na lingua antiga predominan as formas plenas.

A aparición das formas reducidas é facilmente xustificable se temos en conta que o futuro as pide: as formas comúns cantarei, cantarás, cantará, cantarán = hei, has, ha, han pide tamén a nivelación de habemos, habedes con cantaremos, cantaredes, e polo tanto o resultado hemos, hedes.

Tanto hemos coma habemos son galegas, pero o seren máis tradicionais e teren unha extensión maior fai preferibles as formas sen reducir, coa mesma raíz do resto do paradigma.

17.3.10 Ir

O verbo derivado latino preterir carece de motivación semántica; nas persoas en que non é defectivo conxúgase como advertir (17.2.5.2.1), e non como derivado de ir.

Imos, vamos, ides, vades. Na fala actual séntense as formas imos / vamos por todo o territorio galego, distribuídas, sen formaren áreas compactas, nunha proporción similar. A parella ides / vades non ten unha distribución simétrica da anterior, pois hai predominio de ides; os vades están dispersos por todo o territorio, pero abundan máis na zona oriental. Na lingua antiga non hai senón imos, ides.

As formas vamos, vades adoitan explicarse por castelanismo e poida que haxa algo de interferencia do castelán en transferir estas formas do presente de subxuntivo ao presente de indicativo. Probablemente a interferencia co castelán explique tamén que na fala viva sexa máis abundante vamos ca vades (porque a primeira é común co castelán e a segunda só parcialmente). Por esta razón, é mellor dar preferencia ás tradicionais e diferenciais imos, ides. Iso non quita que a forma vamos teña os seus usos específicos dentro do paradigma, pero non como presente de indicativo, senón como imperativo, e sometida por tanto ás mesmas regras de uso ca vai e ide.

Ía, ías etc. No galego oral a forma iba, ibas etc. é a única en case todo o dominio lingüístico. A tradicional ía, ías etc. só se rexistra, xeralmente a carón de iba, ibas etc., no oeste e sur de Pontevedra, no SO de Ourense e nalgún punto de Zamora. A forma innovadora iña, iñas etc. (analóxica de viña, viñas etc.) é propia da área fisterrá. Nos textos medievais documéntase fundamentalmente ía, ías etc., pero tamén iva, ivas etc.

Adoita explicarse iba, ibas etc. como castelanismo, e realmente o feito de seren escasas estas formas nos textos antigos e abundaren na actualidade, cando aumentou a presión do castelán sobre o galego, son argumentos de peso en favor da hipótese castelanista. Así e todo, non se pode negar que a recuperación da forma iba tamén conta coa axuda doutros factores á parte da interferencia co castelán. Advirtamos que no propio castelán iba é unha forma anómala, que se salvou de pasar a *ía pola mesma forza que fixo (ou axudou a) que o galego ía volvese a iba, ou mesmo se conservase. O galego ía (ou mesmo a forma castelá esperada, *ía) resulta de escaso corpo fonético, e polo tanto necesitaba, como moitas formas do verbo ir en todas as linguas románicas, un reforzo; e o reforzo neste caso non podía ser outro que un elemento que estivese xa no propio copretérito: o sufixo modo-temporal ba (propio dos verbos da primeira) ou a terminación -iña do seu antónimo vir. Posiblemente non foi alleo á restauración de ía en iba ou iña (e á preservación de iba en castelán) o feito de haber outro ía (=había), funcionando en perífrases que non eran aínda definitivamente opacas: cataría, cata-los-ía. Ademais, hai outros datos para facer ver que non se pode acudir sen máis ao expediente fácil do castelanismo para explicar unha coincidencia moderna do galego co castelán; lembremos só que as formas iba, ibas etc. son tamén frecuentes nos dialectos do norte de Portugal, terra que ten estado máis libre do castelanismo do que a propia Lisboa ou Coímbra.

Mesmo tendo en conta a posibilidade de que iba sexa unha forma xerada polo propio galego, é mellor dar preferencia á tradicional, aínda que minoritaria, ía, libre de toda sospeita de interferencia.

Fuches. No galego central e oriental a forma totalmente maioritaria é fuche(s), mentres que no galego occidental se rexistran as formas foste(s) e foche(s) con innovación na vogal radical. No galego antigo a forma máis documentada (dentro da escaseza de documentacións) é fuste, con raíz fu- xustificada etimoloxicamente polo -i (*fusti). As formas modernas con fo- débense a unha nivelación analóxica con fomos, fostes, foron, fora etc. En consecuencia, por ser fuches maioritaria, tradicional e congruente coa solución comiches escollida e xustificada máis arriba (vide 17.1), debemos preferila como normativa.

Fomos, fostes, fora, fose, for. A vogal radical de fomos, fostes, foron, fora... fose..., for... é sempre pechada, agás na maior parte dos falares da área asturiana, onde o timbre é aberto.

17.3.11 Ler (Vide 17.2.4.5)

17.3.12 Moer (Vide 17.2.4.3)

17.3.13 a) Oír (Vide 17.2.4.3)

17.3.13 b) Ouvir

Oír, ouvir, ouguir. O latín audire no infinitivo e no resto das formas arrizotónicas (audimus, audiebam, audivi...) resólvese nunha forma antiga ouír (ouímos, ouía, ouí...). Esta forma está documentada nos textos máis arcaicos do idioma e de maneira esporádica aínda no século XV. Pero a secuencia ou + vogal, aínda que común en casos de sandhi (cantou a cántiga), en interior de palabra resultaba de pronunciación incómoda e polo tanto inestable. A lingua ten que facer tres movementos sucesivos, glissando, sen apoio ningún no padal; e, ao facelo á velocidade normal da fala, tiveron lugar dous resultados diferentes. Un deles consistiu na redución do ditongo (ouir > oír), solución maioritaria xa no galego medieval; e o outro no reforzamento da fronteira silábica, mediante a introdución dunha consoante labial ([ow'ir] > [ow'βir], que é a base de [ow'βir]) ou velar ([ow'ir] > [ow'ɤwir] ou [ow'ɤir]).

Todas estas formas están representadas na fala actual: ouír vive nunha área compacta no interior de Pontevedra, en puntos da área fisterrá e da asturiana e nalgúns outros illados; ouguir é forma exclusiva de puntos do galego de Asturias, mentres que ouvir é propia de puntos pontevedreses do Baixo Miño e do Condado, dunha franxa en terras ourensás ao longo da raia de Portugal e do galego de Zamora, amais de ser forma característica do portugués. Estatisticamente na fala actual oír está fronte ás outras solucións todas, nunha proporción de 10:1. Xeograficamente oír é máis ben lucense (en termos romanos), o mesmo que choer, loar, goír, Goián, coella etc. e ouvir é máis ben bracarense, igual que chouvir, louvar, gouvir, Gouvián, couve etc.; grosso modo, porque non todas as palabras citadas están documentadas en toda a xeografía de Galicia e Portugal, nin a fronteira da forma setentrional e meridional coincide en todas elas. Por razóns de representatividade demográfica e de tradición histórica e literaria admítense normativamente oír e ouvir. Advírtase que, por coherencia, non deben mesturarse formas dos dous paradigmas.

Oio, ouzo. O que acabamos de dicir para oír e para as outras formas arrizotónicas vale tamén para oes, oe, oen (fronte a ouves, ouve, ouven). Tanto nos textos antigos coma na fala actual hai correspondencia absoluta. Pero outra cousa diferente son a primeira persoa do presente de indicativo e o presente de subxuntivo enteiro. Neste caso, aínda que na fala actual hai, en termos xerais, unha correspondencia xeográfica entre oio e oír, ouvo e ouvir, ozco e ouguir, esta correspondencia non é antiga, senón moderna, establecida por vía analóxica (menos no caso de ozco, ozca, que proceden de audisco, audiscam). O galego medieval, na medida en que nos é coñecido, non ofrece senón ouço, ouça, ouças etc., que son o resultado fonético esperado de Audio, audiam, AUDIAS etc. As formas medievais pronunciadas hoxe ouzo ou ouso, ouza ou ousa etc., viven aínda pola banda de Fisterra, ao occidente dunha liña que se trace desde Malpica a Outes (en case todos os puntos convivindo xa con oio, oia etc.); tamén hai restos de ouzo e ouso en Pontevedra, pero xa sen formaren áreas compactas.

Certamente, a conxugación ouço, oes, oe, oímos..., oía..., oí(n)..., oíra..., ouça..., oísse... ou ben ouço, ouves, ouve, ouvimos..., ouvía..., ouví(n)..., ouvira..., ouça..., ouvisse... era irregular; oes, oe, oímos ou ouves, ouve, ouvimos non fan previsible que a forma da primeira persoa poida ser ouço (hoxe ouzo). Por esa razón se regularizou maioritariamente en oio, conforme a oes, oe, oímos etc., ou en ouvo, conforme a ouves, ouve, ouvimos etc., precisamente da mesma maneira que se regularizaron posso, arço, menço, perço, peço, coñosco etc. en podo, ardo, minto, perdo, pido, coñezo (conforme a podes, ardes, mintas, perdes, pides, coñeces).

17.3.14 Parir

17.3.15 Poder

Podo, poida. No galego actual hai basicamente os resultados seguintes:

A distribución xeográfica destas formas é bastante anárquica. Por outra parte, non sempre hai congruencia entre o presente de indicativo e o de subxuntivo: non sempre a podo lle corresponde poda etc. Na primeira persoa do presente de indicativo a forma maioritaria é podo; no presente de subxuntivo a forma correspondente, poda, podas etc. [‘ͻ], rexístrase aproximadamente na quinta parte do territorio galego, formando unha área compacta no NO (fisterrán) e no SL de Galicia. Poido [‘ͻ] e poido [‘o] aparecen, de modo disperso, no N de Galicia e en escasos puntos illados doutras zonas; poida [‘ͻ] e poida [‘o] ocupan unha gran franxa transversal aos lados dun eixe que vai desde Ortegal á Guarda. Podio [‘ͻ] e podia [‘ͻ], podia [‘o] son formas surorientais (e, en xeral, non exclusivas, senón concorrentes con outras).

No galego medieval as únicas formas documentadas son posso, possa, possas etc., que continúan o lat. possum e *possam (por possim) etc. Delas non queda resto ningún no galego moderno.

Todas as formas modernas se deben a nivelacións analóxicas, pero non co paradigma regular (que regularizaría este verbo en podo [‘o], podes [‘ͻ], pode [‘ͻ]...poda [‘o],podas [‘o] etc.), senón partindo do propio paradigma e do paradigma do verbo tamén modal querer. Así, podo [‘ͻ] con vogal radical aberta, coma podes [‘ͻ] e quero [‘ɛ]; poida [‘ͻ] e poida [‘o], con iode coma queira. Como todas son formas xeradas polo galego, a escolla faise segundo o criterio de área maior. Por tanto podo [‘ͻ] e poida, poidas etc. [‘ͻ] (para o cambio da antiga forma posso en podo vide 17.3.13, nota oio, ouzo).

Puiden, puidera, puidese, puider. No galego actual o radical puid- (máis raramente poid-) forma unha zona compacta que abrangue a parte centro-setentrional da Coruña e de Lugo e todo o galego de Asturias (agás as terras de Ibias), mentres que pud- é o radical xeral do resto do dominio lingüístico galego, con algunhas áreas espalladas de puid-, tanto en Pontevedra (terras de Mondariz e Ponteareas) coma en Ourense (terras de Verín e Cualedro).

No galego medieval rexístranse as formas seguintes: (eu) puide ~ poide [o] ~ pudi ~ pude; (tu) podischi ~ podiste ~ podeste; (el) pode [o] ~ podo [o] ~ pude ~ pudo; (nós) podemos; (vós) podestes, (eles) poderon; podera, podes- se, poder (o timbre vocálico de o deducímolo filoloxicamente). Da súa distribución xeográfica non hai aínda datos, pero pódese supoñer que hai algunhas formas (puide, pudo) que eran exclusivamente galegas.

O que se pode comprobar cos datos modernos é que se produciu unha propagación analóxica de vocalismo da raiz da primeira persoa do pretérito (como sucedeu noutros casos: fixe(n), tive(n), puxe(n) etc.); esta propagación partiu unhas veces de puide(n) e outras de pude(n). Desta nivelación o portugués salvou a terceira persoa do pretérito (ele pôde); o galego non salvou nada.

Con vistas a unha escolla normativa calquera das formas é aceptable. Puden, pudeches, pudo etc. ten a seu favor ocupar unha área maior; puiden, puideches etc. conta coa vantaxe de ser a forma máis utilizada na tradición escrita moderna, quizais por ser diferencial con respecto á correspondente castelá. Esta é a razón que leva a adoptala como normativa.

Poderei (vide 17.3.1).

17.3.16 a) Poñer

17.3.16 b)Pór

Conxúganse igual que poñer e pór os seus derivados, tanto os formados con prefixos cultos coma cos populares. Así, os formados con ante-, a-, com-, contra-, de-, descom-, dis-, ex-, im-, indis-, o-, predis-, presu-, pro-, re-, recom-, su-, super-, tras-, xusta-.

Pór, poñer. Na fala viva hai basicamente dous resultados: pór e poñer. Pór rexístrase na maior parte de Ourense e Pontevedra, nalgúns puntos illados da Coruña e Lugo e no galego de Zamora. Poñer ocupa o resto do dominio lingüístico. Formas arcaicas do tipo poer persisten no galego de Asturias. Congruentemente, a mesma área que pór ocúpana pomos, pondes; puña, puñas, puña, puñamos, puñades, puñan;ponde;porei, porás etc.;poría, porías etc.; pondo. A mesma área que poñer ocúpana poñemos, poñedes;poñía, poñías, poñ ía, poñ iamos, poñ iades, poñ ían; poñede; poñerei, poñerás etc.; poñería, poñerías etc.; poñendo.

Na época medieval non hai senón põér;põémos, põédes;põía etc., sempre acentuadas na desinencia. Destas formas, por motivos analóxicos diversos, orixináronse os resultados duplos citados antes. Por unha parte, segundo a equivalencia poño = teño, pões = tees, põe = tee, põen = teen, poña = teña, poñas = teñas etc., creouse un infinitivo acentuado na raíz,pór = tér (< teér), e así o resto das formas da primeira serie: pomos = temos, pondes = tendes etc. (nótese que ter, temos, tendes etc. eran orixinariamente tamén formas arrizotónicas: teér, teémos, teédes etc., pero aquí a crase vocálica está xustificada por seren vogais idênticas). Neste proceso de redución de -oé- > -ó- (poémos > pómos), que tamén se dá en português, aínda hai unha forza máis a colaborar, naquelas zonas do galego en que -ões se reduce a -ós (calções > calzós; pões > pos): esta forza reside nas equivalencias do tipo pos = dás, que provocan que a equivalencia se estenda a pór, pomos (= dar, damos). Por outra parte, dos presentes poño, poña, poñas etc. extraeuse unha raíz poñ- que se xeneralizou ao resto das formas arrizotónicas do tema de presente: poñer, poñemos, poñendo, poñerei etc.

Un caso algo especial constitúeo o copretérito. As formas medievais eran põía ~po'ia ~poíña ~puíña. Estes dous últimos resultados tiñan un hiato -oí- , -uí- habitual no galego (cf. moíño e muíño). A substitución de poíña (~ puíña), poíñas (~ puíñas) etc., por poñía, poñías etc., é tamén analóxica, similar á de põer, põemos por poñer, poñemos. En troques, ao paso a puña, puñas etc. puido contribuír tamén a analoxía con tiña, tiñas etc. (lémbrese que a analoxía co verbo ter foi a que provocou tamén o paso de poér > pór, poemos > pomos, como se indicou máis arriba).

Desde un punto de vista normativo calquera dos resultados (pór e poñer, pomos e poñemos etc.) é aceptable, porque ambos os dous son galegos. Xeograficamente a extensión de pór é algo máis reducida ca a de poñer; en troques, historicamente, a solución pór é a máis documentada. Parece recomendable darlle preferencia a poñer, que é máis produtivo como base para formar derivados (poñedora, pero non *podora).

Pos, pon, poñen. As formas do presente de indicativo de 2a e 3a persoas de singular e 3ª de plural teñen a vogal tónica aberta [ͻ].

Poñerei (vide 17.3.1).

17.3.17 Pracer

Os derivados apracer, compracer e despracer son regulares en todo o paradigma.

Pracer. Este verbo non pertence senón a un rexistro literario elevado. Coloquialmente foi substituído por gustar, agradar e outros verbos ou expresións sinónimas. Case sempre é unipersoal, o mesmo ca os seus derivados.

Prace, praz (vide 17.2.3).

Prougo, prouguera, prouguese, prouguer. A pouca frecuencia de uso deste verbo fai que a mecánica da lingua tenda a facelo fraco nos tempos de perfecto (como lles ocorreu a outros perfectos fortes antigos: adusse > aducín); é dicir, a conxugalos regularmente: praceu, pracera etc. Pero xa que é un verbo que pertence a un rexistro culto e se usa conscientemente como arcaísmo, é preferible manter as formas antigas maioritarias, tal como figuran no paradigma proposto. En portugués moderno prougue etc. consolidouse como prouve etc. (por analoxía con houve). Pero en galego, aínda que hoxe xa non se rexistre na fala, prougo etc. debeu ter unha vitalidade moi considerable, mesmo despois do século XV. Doutra maneira non se explicaría como o pretérito tradicional de traer (que aínda no século XV era case exclusivamente trouxe, trouxeste etc.) puido xerar en galego moderno unha forma trouguen, trougueches etc., que se dá en case todo o dominio lingüístico ao lado da forma tradicional (trouxen); este troug- é analóxico de proug-. Por esta razón é preferible, de usar o arcaísmo, adoptar a forma histórica galega prougo.

17.3.18 Querer

Os derivados cultos de querer (adquirir, inquirir, requirir) son inmotivados semanticamente; seguen por tanto a lei xeral de incorporación de verbos cultos (vide 17.2.6).

Quero, queres, quere, queren. A vogal radical das 1a, 2a e 3a persoas do singular e da 3ª de plural do presente de indicativo ten timbre aberto [ɛ].

Quererei (vide 17.3.1).

17.3.19 Rir (vide 17.2.4.5)

17.3.20 Roer (Vide 17.2.4.3)

17.3.21 Saber

Para a xustificación de certas escollas, véxase o dito a propósito de caber en 17.3.1.

17.3.22 Saír (Vide 17.2.4.3) e (17.3.1, Caber)

17.3.23 Ser

O verbo defectivo sobreser, por ser inmotivado semanticamente, é regular nos tempos e persoas en que se conxuga (vide 17.2.4.5).

Es. No occidente de Pontevedra, e na maior parte do galego oriental dise eres para a segunda persoa de singular do presente de indicativo. No resto do dominio galego dise es (en concorrencia algunha vez con eres). No galego antigo documéntanse escasamente tanto es, coma eres (ou sees). Aínda que eres fose unha forma galega (que non é descartable), o criterio de área maior e o de forma tradicional fan preferible es.

Fuches (vide 17.3.10).

Sexa, sexas, sexa etc. Na fala actual é maioritario o paradigma sea, seas, sea etc.; ao lado deste hai tamén un paradigma seña, señas etc. (formado sobre teña, teñas etc.), que ocupa a metade N da provincia de Lugo e o NL da provincia da Coruña. Quedan tamén restos escasos de sía, sías etc., e sexa, sexas etc., estes últimos en puntos dispersos. Nos textos antigos documéntase sea, seia, seja e sía (con diferentes grafías). Sea, seia e seja proceden de sedeam, onde o -de- [dj] deu lugar a un triplo resultado idéntico ao que se dá noutras palabras xenuinamente galegas (medium > ant. meo, modium > moio, hodie > ant. hoje); faltan estudos de dialectoloxía medieval que nos dean indicios de se este triplo resultado de SEDEAM tiña unha distribución xeográfica complementaria ou se podía atopar nun punto máis dunha forma; isto último é o máis probable tendo en conta que tamén hoxe se poden rexistrar nunha mesma localidade raio e raxo, raiola e raxeira (ou mesmo raza ou razada), -ear e -exar (varear e varexar). Sía, sías etc. representa un lat. vulgar *siam, *sias etc. (postulado tamén polo sardo, italiano, retorrománico, francés, occitano e catalán); que na actualidade se manteña aínda este arcaísmo (de esse e non de sedere) nunha zona arcaizante (en puntos do galego de Asturias) non resulta nada estraño, pois esta zona móstrase conservadora tamén en moitos outros aspectos.

Pero aínda que todas as formas puidesen ter unha xustificación fonética ou analóxica dentro do propio galego, o certo é que o éxito da forma actualmente maioritaria, sea, débelle moito á interferencia do castelán. É preferible adoptar como normativa sexa, oralmente minoritaria, pero libre de calquera influxo alleo; ademais, esta é a forma consagrada pola tradición escrita moderna.

17.3.24 Ter

Os derivados abster, ater, conter, deter, entreter, manter, reter e soster conxúganse igual que ter.

Tende(s) / tede(s). A forma medieval tēedes ou tēdes (como vĩdes ou vĩdes) resolveuse en galego moderno nas formas duplas mencionadas, repartidas xeograficamente en zonas complementarias (como gado / gando). Tendes (e vindes) ocupa, aproximadamente case toda a provincia de Ourense (menos unha franxa ao N), case toda a provincia de Pontevedra (menos as terras de Lalín e os arredores) e, na provincia da Coruña, o que queda ao occidente dunha liña que una Ribadulla con Camariñas; tedes (e vides) ocupa o dominio complementario. A distribución xeográfica das formas do imperativo tende e tede é practicamente a mesma.

Tratándose de dúas formas galegas, de plena vitalidade, e de áreas aproximadamente iguais, normativamente son aceptables ambas.

Teñen, ten. A forma medieval tēen resólvese foneticamente no galego moderno en ten e tein e, por vía analóxica (propagando a raíz teñ- de teño, teña etc.), en teñen (paralelamente veen > vén, vein, veñen). Tein (e vein) ocupa a mesma franxa oriental que di (coraz)-ois; teñen (e veñen), o territorio galego complementario; dentro do dominio de teñen hai puntos illados de ten (e vén), máis densos no S e no O. Sen dúbida, houbo un tempo en que ten (e vén) ocupaba toda a parte complementaria de tein (e vein); pero o sincretismo el ten / eles ten (el vén / eles vén) favoreceu a propagación da forma analóxica teñen (veñen), que permite diferenciar a 3a persoa de singular da 3a de plural (nótese que teñen e veñen non aparecen nunca en territorio de tein e vein, porque nesta área seguen diferenciándose el ten / eles tein, el vén / eles vein de modo similar a como se facía na época medieval). Por esta razón e por ser a forma de maior vitalidade na lingua falada e escrita moderna, teñen (e veñen), aínda sendo unha forma innovadora, debe ser preferida como normativa.

Tiven, tiveches, tivo, tivemos, tivestes, tiveron, tivera, tivese, tiver. No galego moderno hai fundamentalmente dúas raíces: tiv-, que se conserva en puntos dispersos por toda Galicia, máis densos nas provincias da Coruña e Pontevedra ca nas outras dúas; e tuv-, que aparece en todo o dominio lingüístico, exceptuados aqueles puntos en que sobrevive tiv- (pero, mesmo nestes, convivindo ás veces as dúas formas). No galego medieval a raíz era tiv-, tev- (tive, teviste, tevo, tevemos, tevestes, teveron, tevera, tevesse, tever); é pouco abundante a presenza de touv- e tov- (antecedente do moderno tuv-) nos textos antigos. Os radicais tev-, touv- e tov- rexístranse actualmente en puntos do galego de Asturias.

As bases latinas TENUI, TENUISTI etc. non deixaron ningún descendente fonético no galego antigo; en lugar das formas esperadas (quizais *tinve, *tenviste etc., cf. valve, valviste etc. < valui, valuisti), encóntranse tive, teviste etc., analóxicas de sive, seviste etc., do verbo seer. A raíz touv- e tov- xurdiu por analoxía con ouv-, motivada pola parentela semántica entre teer e aver. Non é improbable que na aparición de tov- (e tuv-) tivese algo de responsabilidade a interferencia co castelán; tívoa, sen dúbida, no éxito moderno de tuv-. Por esta razón debemos preferir as formas tradicionais con raíz tiv-, aínda que sexan xa minoritarias.

Terei (vide 17.3.1).

17.3.25 Traer

Os derivados abstraer, atraer, contraer, distraer, extraer, retraer e subtraer, por seren semanticamente inmotivados, son regulares en todos os tempos: distraio, distraía, distraín, distraera, distraerei, distraería, distraia, distraese, distraer (vide 17.2.4.3).

Traer, traio, traes..., traía..., traerei..., traería..., traia... No galego moderno o infinitivo máis común é traer, repartido por todo o territorio lingüístico; disperso por todo o dominio, con bastante densidade aínda, aparece traguer; hai tamén algunha salpicadura de traír (sempre en concorrencia con traer e traguer) e unha pequena zona de trer no galego de Asturias. De modo paralelo, as formas arrizotónicas do tema de presente (excepto o presente de subxuntivo) teñen as variantes correspondentes: traemos, traedes, traía... traendo; traguemos, traguedes, traguía... traguendo; traímos, traídes, traía... traíndo; tremos, tredes, tría... trendo. Na primeira persoa do presente de indicativo e en todo o presente de subxuntivo rexístranse os temas trai- (traio, traia, traias...), formando unha área bastante compacta no galego occidental, e traig- (traigo, traiga, traigas...), constituíndo unha área tamén bastante compacta no galego oriental. Na 2ª e 3ª persoas de singular e na 3ª de plural do presente de indicativo rexístranse, espallados de maneira irregular por todo o dominio do galego, os temas seguintes: tra- (ti tras en 53 puntos dos 167 explorados para o ALGa; el tra, nun punto; e eles tran, en 50 puntos); trai- (ti trais, en 22 puntos; el trai, en 79; eles train, en 21); e trae- (ti traes, en 96; el trae, en 87; eles traen, en 108). Hai ademais algún esporádico traies, traie, traien e tragues, trague, traguen. Con frecuencia nun mesmo punto existen dúas ou tres formas concorrentes.

No galego medieval o verbo era trager (lat. *tragere, postulado por todos os idiomas románicos). No tema de presente tiña dúas raíces: [tray-], para a primeira persoa do presente de indicativo e todo o presente de subxuntivo (trago, traga, tragas, traga...) e [tra-], para o resto (trages, trage, tragemos, tragedes, tragen, tragía..., tragerei, trageria, trager, tragendo). Só o imperativo tiña formas algo anómalas: trei, treide.

As solucións modernas xustifícanse por unha substitución analóxica en cadea entre os verbos aduzer (e dizer), fazer e trager:

1. As terminacións comúns aduzer, aduzes, aduz(e), aduzemos etc. (ou dizer, dizes, diz(e), dizemos etc.) = fazer, fazes, faz(e), fazemos etc. provocaron que faço, faça, faças etc. se transformasen en fago, faga, fagas etc., conforme a adugo, aduga, adugas etc. (ou digo, diga, digas etc.). Desta maneira resultaban nivelados na primeira persoa do presente de indicativo e todo o presente de subxuntivo os verbos fazer e trager: fago, faga, fagas... = trago, traga, tragas... Nótese que a raiz [tray-] chegou a xeneralizarse a expensas de [traƷ-] ao infinitivo e a outras formas fracas do tema de presente (traguer, traguemos, traguendo etc., que aínda perduran hoxe; lémbrese poñer = poño, para unha xeneralización similar).

2. Nunha época posterior, as formas comúns fago = trago, faga = traga etc. provocaron que sobre fas ~ fais, fai, fan ~ fain se creasen tras ~ trais, trai, tran ~ train (en portugués deuse a mesma nivelación: trazes, traz, trazem = fazes, faz, fazem; e aínda máis: trazer, trazemos etc. = fazer, fazemos etc.).

3. Á súa vez, o paralelismo de tras, trai, tran (ou variantes) con cas, cai, can (ou variantes) permitiu extraer un infinitivo traer, analóxico de caer.

4. De modo similar, o resto das formas acabaron asimilándose ao paradigma de caer: traio = caio, traemos = caemos, traía = caía, traia = caia. Á nivelación de trager con caer contribuíu, sen dúbida, o verbo retraer ‘contar, referir’, de uso frecuente ainda no século XV; este verbo, aínda que se remonte a *retragere, ten xa na época medieval a forma retraer (e non *retrager), porque é préstamo do occitano retraire. A conxugación de retraer era idéntica á de caer.

5. Traio, traia etc., por influxo do castelán, acabaron pasando nalgunha zona a traigo, traiga etc. Cada un destes estadios cronolóxicos que acabamos de enumerar na súa secuencia aproximada non supón a anulación do anterior. Iso explica que na sincronía actual haxa restos de cada unha das etapas.

Normativamente debemos excluír aquilo que é alleo (traigo, traiga etc.), ou o que é moi marxinal (trer, traír) e o que, sendo galego, é minoritario (traguer). Queda, por tanto, un verbo traer, cunha conxugación idéntica á de caer no tema de presente. Desta maneira escóllense as formas maioritarias xeograficamente, que por outra parte son as máis utilizadas pola tradición escrita moderna.

Trouxen, trouxera, trouxese, trouxer. Aínda que na fala actual existen as raíces troux- (trouxen etc.), troix- (troixen), trux- (truxen), troug- (trouguen), trug- (truguen), trui- (truien) e tru- (truen), a forma máis común, dispersa por todo o territorio lingüístico, é troux-; é tamén a forma tradicional e, por tanto, a escollida como normativa.

17.3.26 Valer

Conxúgase da mesma maneira o derivado equivaler.

Vallo, valla, vallas, vallamos, vallades, vallan. No galego actual alternan vallo / val(i)o, valla / val(i)a etc. A segunda forma é unha creación moderna motivada pola extensión analóxica da raíz val- (de valer, vales, vale etc.); a primeira é a etimolóxica, a única documentada na época antiga. Por esta razón é a escollida como normativa.

Valerei (vide 17.3.1).

17.3.27 Ver

Conxúganse igual os derivados motivados: entrever, prever, rever. Prover conxúgase como ver nos tempos do tema de presente e nas formas nominais (provexo, provés...; provía...; proverei...), mentres que nos tempos do tema de perfecto tende a facerse regular: provín, proviches, proveu, provemos, provestes, proveron; provera etc.; provese etc.;prover etc.

Vin, viches, viu... vira... vise... vir... Aínda que no tema de presente o verbo ver é da segunda, no tema de perfecto é da terceira. Iso significa que na terceira persoa do pretérito, na fala actual, alternan viu / veu, cunha distribución xeográfica idéntica á de partiu /parteu (vide 17.1). A forma normativa é, por tanto, viu, como partiu.

17.3.28 Vir

Conxúganse igual os derivados de vir (advir, convir, contravir, desconvir, desavir, devir, intervir, previr, provir, reconvir, sobrevir), aínda que no tema de perfecto algúns deles tendan a conxugarse polo modelo regular (vide advertir, en 17.2.5.2.1).

Vindes / vides, vido / vindo. Cf. o indicado para tendes / tedes en 17.3.24. Debe sinalarse que a forma vindo, que en principio debera ocupar a mesma área que vindes (e tendes), só se rexistra nun punto do ALGa. Quizais fose a homonimia co xerundio o que motivou a regresión do participio vindo, en favor da forma máis regular vido, que segue o modelo dos demais verbos da terceira conxugación (ir: ido, vir: vido). A pesar do paralelismo entre vindes e vindo, a situación minoritaria da forma vindo na fala aconsella dar preferencia normativamente a vido.

Veñen, vén. Cf. o indicado para teñen, ten en 17.3.24.

Veu. Na fala actual, para a terceira persoa do pretérito (prescindindo de variantes sen importancia neste caso), alternan veu / viu / vén. Veu ocupa a maior parte de Galicia; é a forma esperada a partir do medieval v'eo. Viu existe nunha zona compacta do sur de Pontevedra e nalgúns outros puntos dispersos; é unha forma analóxica moderna baseada na proporción partir : partiu = vir : viu. Na zona occidental da provincia da Coruña (onde se di varriu, fronte ao máis común varreu, conforme vimos en 16.1), esperariamos que veu se transformase en *viu; esta redución non chegou a darse para evitar unha homonimia con viu (de ver); a homonimia preveuse mantendo veu, en contra do esperado, ou apelando á forma vén, coincidente coa do presente (el vén onte).

Normativamente débese dar preferencia á forma maioritaria e tradicional veu [bew].