12

Formación do feminino

O feminino dos substantivos e adxectivos fórmase comunmente coa terminación - a, que se une directamente á forma do masculino se esta acaba en consoante ou vogal tónica (deus / deusa, rapaz / rapaza, avó / avoa, cru / crúa) ou substitúe a vogal final da forma do masculino se remata en vogal átona (sobriño / sobriña, presidente / presidenta). Con todo, hai algúns casos especiais.

12.1. Nomes rematados en -n

Os substantivos e adxectivos que acaban en -án (< anum) forman o feminino en -á, segundo o establecido en 9.14: ancián / anciá, temperán / temperá; en troques, os caracterizadores despectivos rematados en -án fórmano en -ana, conforme ao dito en 9.15: folgazán / folgazana, mentirán / mentirana.

Para o feminino dos rematados en -ón (león / leoa, mais lambón / lambona), véxase 9.16.

Os acabados en -ín forman o feminino en -ina, coa excepción de ruín, que é invariable: bailarín / bailarina, benxamín / benxamina, danzarín / danzarina, galopín / galopina, malandrín / malandrina; pero un viño ruín / unha terra ruín.

Os rematados en -ún difiren no seu comportamento: os adxectivos cabrún, cervún, vacún forman o feminino patrimonial cabrúa, cervúa, vacúa; común é invariable; euscaldún engade -a: euscalduna.

O único nome en -én susceptible de moción xenérica é invariable: un refén americano / unha refén americana.

12.2. Nomes rematados en vogal ou ditongo tónicos

Os substantivos rematados en vogal tónica tenden a engadir -a, en tanto que os adxectivos tenden a ser invariables: un avó somalí / unha avoa somalí. Con todo, algúns substantivos son invariables: unha chimpancé adulta; entre os adxectivos, nu, cru e recrú, só e mao ‘ruín’ forman os femininos núa, crúa e recrúa, soa e má: o peixe cru / a carne crúa, un só dia / unha casa soa, o ollo mao / unha má ocasión.

Presentan características morfolóxica especiais grou / grúa, xudeu / xudía e sandeu / sandía.

12.3. Nomes rematados en -és

Os xentilicios que acaban en -és presentan un feminino en -esa: cambadés / cambadesa, chinés / chinesa, noruegués / norueguesa, portugués / portuguesa, romanés / romanesa. O mesmo ocorre con outros adxectivos, coma burgués / burguesa, camoés / camoesa, canchés / canchesa, montés / montesa e palmés / palmesa; algúns, en troques, son invariables: estilo cortés / mirada cortés.

12.4. Formacións especiais

Algunhas palabras de xénero feminino presentan terminacións especiais, sobre a mesma base léxica: heroe / heroína, tsar / tsarina; galo / galiña; rei / raíña; abade / abadesa; barón / baronesa; príncipe / princesa; sacerdote / sacerdotisa, profeta / profetisa, poeta / poetisa; emperador / emperatriz; actor / actriz etc.


+ Maximiza/Descarga (Formato DOCS)

12-Formación do feminino.docx

+ Maximiza/Descarga (Formato PDF)

12-Formación do feminino.pdf