11

Formación do plural

11.1. Palabras rematadas en vogal ou en ditongo

As palabras rematadas en vogal, tónica ou átona, ou en ditongo forman o plural engadindo -s: mesa, mesas; custo, custos; irmá, irmás; café, cafés; israelí, israelís; lei, leis; rei, reis; bocoi, bocois etc.

Os estranxeirismos acabados en vogal forman o plural engadindo -s ou ben respectando a forma de plural da lingua de orixe: spray, sprays; hippy, hippys ou hippies.

11.2. Palabras rematadas en -r e -z

As rematadas en -r e -z engaden o morfema -es sobre o singular: mar, mares; calor, calores; luz, luces.

Os estranxeirismos adecúanse á regra xeral (palier, palieres; somier, somieres; húsar, húsares; dólar, dólares...), a non ser algúns casos de palabras pouco integradas, que poden formar o plural engadindo -s: póster, pósteres ou pósters; gángster, gángsteres ou gángsters; júnior, júniores ou júniors.

11.3. Palabras rematadas en -s e -x [ks]

As agudas acabadas en -s forman o plural engadindo -es: deus, deuses; compás, compases, a non ser as que rematan en grupo consonántico (incluíndo entre estas as acabadas en -x [ks]): luns, fax, lux, unisex, que permanecen invariables.

As graves e esdrúxulas acabadas en -s ou -x [ks] son invariables e presentan, xa que logo, a mesma forma no singular e no plural: choromicas, lapis, martes, oasis, xoves, mércores, bíceps, tórax, clímax, télex etc.

11.4. Palabras rematadas en -n

As rematadas en -n engaden -s: can, cans; lambón, lambóns; lacazán, lacazáns; dolmen, dolmens; mitin, mitins; xilin, xilins etc.

Nas palabras patrimoniais oxítonas a lingua falada ofrece tres posibilidades de formación de plural para estas voces: cans, cas e cais. A primeira delas ocupa o occidente de Galicia e comprende a área de maior densidade demográfica; a segunda, propia do galego central, é de maior extensión xeográfica; a terceira, reducida á franxa máis oriental do dominio lingüístico galego, é minoritaria demograficamente. Ao presentar como normativa a solución -ns conságrase a que xa viña sendo de uso en toda a tradición literaria e gramatical, con escolla a favor da forma demograficamente máis estendida.

11.5. Palabras rematadas en -l

Os monosílabos rematados en -l engaden o morfema -es: cal, cales; el, eles; fel, feles; fol, foles; gol, goles; mal, males; mel, meles; mil, miles; mol, moles; pel, peles; ril, riles; rol, roles; sal, sales; sol, soles; tal, tales; til, tiles; val, vales; vil, viles; xel, xeles.

Fol, mil, mol, pel e val proceden de palabras que en latín tiñan -ll- medial, que se reduce a unha consoante simple pero non desaparece. O mesmo ocorre con el, eles.

Cal (pron.), tal e mal, a diferenza dos anteriores, tiñan -L- intervocálico latino, que se perdeu na época medieval nas formas de plural. O galego moderno abandonou a solución medieval e forma o plural destas voces engadindo o morfema -es sobre o singular. sobre vil fórmase viles, maioritaria xa no galego medieval.

Fel e mel tiñan -ll- en latín, pero, por seren palabras neutras, non o tiñan no acusativo, caso de que parten as formas romances. Non se documentan os plurais *feis e *meis.

Sol, sal e cal (subst. masc.) son infrecuentes en plural. O resultado esperado, dado que tiñan -L-, sería *sois, *sais e *cais, de nula ou escasa documentación.

Gol, rol, til e xel, que son estranxeirismos, seguen o sistema de formación de plural dos outros monosílabos tradicionais.

No referente ao plural dos monosílabos, o portugués apártase deste resultado uniforme do galego, pois presenta varias solucións: foles, moles, peles e vales fórmanse sobre un singular rematado en -e; tais, quais, sois, sais, cais e vis manteñen o plural tradicional, en tanto que males e feles presentan unha formación en -es sobre o singular; hai vacilación entre meis e meles.

Nas palabras agudas de máis dunha sílaba, o -l do singular substitúese polo morfema -is: animal, animais; aval, avais; papel, papeis; fiel, fieis; cruel, crueis; truel, trueis; civil, civís; español, españois; control, controis; azul, azuis. Téñase en conta que nos acabados en -il a secuencia antiga -íis se resolve en -is (cadrís, non *cadríis).

Na formación do plural destas voces sería posible escoller entre tres solucións: animás, animais (que nalgures alterna con animaes) e animales. Delas, as dúas primeiras son solucións tradicionais, con perda do -l- intervocálico. A terceira probablemente é o resultado dunha recuperación do l a partir do singular, seguindo o modelo de 11.2 e dos monosílabos rematados en -l; como apoio á tese da recuperación dentro do galego, cómpre lembrar que no norte de Portugal existe tamén este sistema de formación do plural. Con todo, non podemos descartar a hipótese do castelanismo, que, cando menos, explicaría o enorme éxito que tivo nos últimos tempos, ata facer recuar as outras formacións.

Canto á extensión xeográfica, a solución animais ocupa unha área moi restrinxida, na parte máis oriental do dominio lingüístico galego, pero ten ao seu favor que dentro dela segue sendo un plural produtivo (caracois, artificiais etc.). A solución animás debería ocupar o resto do territorio, pero só se oe en palabras illadas (como reás ou cadrís) e ás veces mesmo sen continuidade xeográfica (en puntos illados pódese recoller animás, toxás ou currás, e poucas máis). A solución animás foi suplantada case totalmente por animales, de tal maneira que hoxe non se rexistran caracós, españós, nacionás, fusís etc.; esta mesma suplantación dáse no caso de animais, pero en menor medida.

Descartada animales, por non ser unha formación tradicional, a escolla entre as outras dúas fíxose a favor de animais por ser aínda unha forma tradicional produtiva e porque no galego estándar dos últimos tempos vén sendo aceptada sen discusión.

As palabras compostas en que o segundo elemento é algún dos monosílabos citados máis arriba fan o plural en -les (ollomoles, chuchameles, papasoles, mirasoles, Miravales...). O plural de aquel é aqueles, pola mesma razón indicada para el, eles.

A pesar da súa aparencia, caracol e aerosol non son compostos de col e sol. Os seus plurais son, xa que logo, regulares: caracois e aerosois.

As palabras graves rematadas en -l forman o plural engadindo o morfema -es: áxil, áxiles; difícil, difíciles; útil, útiles; túnel, túneles; cónsul, cónsules etc. Exceptúase desta regra a terminación -bel, que fai o plural en -beis (vide 9.7).


Todas estas palabras entraron na lingua con moita posterioridade á perda do -l- intervocálico; a maior parte delas son mesmo moi recentes. Xa na época medieval os cultismos mostraban resistencia á perda de -l- (convenaveles, con- venaviles), aínda que non faltan exemplos de adecuación aos plurais tradicionais, convenave(e)s (dun singular convenavel(e)) ou convenavi(i)s (dun singular convenavil); se as palabras rematadas en -il átono (que son as máis abundantes deste grupo) entrasen en época antiga, o único plural esperado sería *axis, *dificis (nunca documentados). O portugués, que os resolve en fáceis, úteis, férteis, asimilou estas palabras aos plurais das rematadas en -el e non aos das rematadas en -il. Esta solución estruturalmente estraña ao sistema galego ten tamén certo uso no galego literario moderno.

11.6. Palabras rematadas noutras consoantes

As voces acabadas en consoantes distintas das vistas en 11.2, 11.3, 11.4 e 11.5 son as máis delas estranxeirismos ou cultismos, e forman o plural engadindo -s: club, clubs; pub, pubs; snob, snobs; clac, clacs; coñac, coñacs; frac, fracs; tic, tics; crómlech, crómlechs; sándwich, sándwichs; sketch, sketchs; lord, lords; round, rounds; talmud, tal- muds; rosbif, rosbifs; anorak, anoraks; stick, sticks; búmerang, búmerangs; iceberg, icebergs; ring, rings; smóking, smókings; álbum, álbums; réquiem, réquiems; slálom, sláloms; tándem, tándems; tótem, tótems; clip, clips; jeep, jeeps; hándicap, hándicaps; boicot, boicots; complot, complots; fagot, fagots; mamut, mamuts; robot, robots; sprint, sprints; test, tests; trust, trusts; leitmotiv, leitmotivs.

+ Maximiza/Descarga (Formato DOCS)

11-Formación do plural.docx

+ Maximiza/Descarga (Formato PDF)

11-Formación do plural.pdf