Programa de incentivos á transformación de contratos temporais en indefinidos (PROGRAMA ESTABILIZA)

Post date: Jun 7, 2013 12:04:27 PM

FUENTE: PORTAL DE TRABALLO.- XUNTA DE GALICIA

Obxecto

Incentivar á transformación de contratos temporais en indefinidos coa finalidade de favorecer o emprego estable e facilitar a inserción laboral dos traballadores e das traballadoras con maiores dificultades.

As contratacións polas que se solicita subvención deberán formalizarse e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida, e ter data de inicio comprendida entre o 1 de outubro de 2012 e o 30 de setembro de 2013, ambas inclusive.

Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten traballadoras ou traballadores por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde e que acrediten a condición de entidade colaboradora segundo o establecido no artigo 2ºda orde de convocatoria

Contratacións subvencionables

As transformacións, que se formalizasen desde o 1 de outubro de 2012 e ata a data de publicación desta orde, de contratos temporais en indefinidos, sempre que o contrato temporal obxecto de transformación estivese vixente o 30 de setembro de 2012. Cando se trate de transformacións en indefinidos de contratos en prácticas, para a formación, para a formación e o aprendizaxe, de revezamento ou de substitución por anticipación da idade de xubilación, non será necesario que o contrato temporal estivese vixente na data anterior.

As transformacións de contratos temporais en indefinidos que se formalicen desde a data de publicación desta orde e ata o 30 de setembro de 2013, sempre que o contrato temporal obxecto de transformación estivese vixente no momento da súa publicación. Cando se trate de transformación en indefinidos de contratos en prácticas, para a formación, de revezamento ou de substitución por anticipación da idade de xubilación, non será necesario que o contrato temporal estivese vixente na data anterior.

Requisitos

As transformacións de contratos temporais en indefinidos serán realizadas por entidades colaboradoras que teñan a condición de microempresa, segundo o establecido no artigo 2º da orde de convocatoria.

Contías dos incentivos

As transformacións de contratos temporais en indefinidos que cumpran os requisitos e condicións establecidos neste anexo incentivaranse con 2.000 euros.

Prazo de solicitudes

As axudas previstas neste programa poderán solicitarse ata o último día do mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral de carácter indefinido.

O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2013, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado no parágrafo anterior.

As solicitudes de axudas polas contratacións realizadas entre o 1 de outubro de 2013 e a data da publicación desta orde (6/06/2013), poderán presentarse no prazo dun mes desde a data de publicación da orde reguladora (6/07/2013).