Programa de fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación
Post date: May 25, 2017 9:52:19 AM
Obxecto
Xerar emprego estable, especialmente de mulleres, persoas con todos os membros da unidade familiar en desemprego e apoiando e dinamizando o desenvolvemento de novas iniciativas empresariais promovidas por persoas desempregadas, especialmente nos concellos rurais.
Beneficiarios
Empresas privadas calquera que sexa a forma xurídica que adopten, agás as persoas físicas, sociedades civís, comunidades de bens, sociedades cooperativas e sociedades laborais, que cumpran as condicións e os requisitos establecidos para cada tipo de axuda e nas que concorran, na data de inicio da actividade, as seguintes circunstancias:
que sexan empresas de nova creación
que sexan viables técnica, económica e financeiramente
que xeren emprego estable para persoas desempregadas
que teñan o seu domicilio social e fiscal e o seu centro de traballo nun concello de Galicia
que sexan promovidas, como máximo, por cinco persoas e que entre os socios promotores non figure ningunha persoa xurídica
que a empresa teña un capital social máximo de 120.202 euros e que como mínimo o 50 por cento do seu capital social sexa de titularidade de promotores desempregados que creen o seu propio posto de traballo na empresa.
Ademais poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas privadas constituídas e que iniciasen a súa actividade, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídos autónomos ou autónomas e as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que obtivesen a cualificación como iniciativa local de emprego, e non transcorrese máis dun ano desde a notificación da resolución de cualificación, ou de ser o caso, no prazo que se estableza na resolución de cualificación, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos para cada tipo de axuda.
Tipos de axuda
• Subvención á xeración de emprego estable
Os postos de traballo de carácter indefinido creados, incluídos os das propias persoas promotoras, ocupados por persoas desempregadas incentivaranse, ata un máximo de dez, cada un deles coas seguintes subvencións:
A. 4.000 euros para desempregado en xeral.
Esta axuda terá dereito ao incremento do 25% en cada un dos seguintes casos:
a) No caso dunha muller
b) No caso dunha persoa con discapacidade ou que se atope en risco de exclusión social
c) No caso de pertencer a unha unidade familiar con todos os seus membros desempregados
d) O centro de traballo da empresa estea situado nun concello rural
Cando a dedicación sexa a tempo parcial, as contías destes incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo, en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, na xornada ordinaria legal.
Poderán ser obxecto desta subvención os postos de traballo estables de carácter indefinido creados desde o 01/10/2016 ata o 31/07/2017.
• Subvención para formación
Para axudar á persoa promotora ou empresaria na toma de decisións necesarias para o funcionamento da empresa, financiarase parcialmente a asistencia a actividades formativas relacionadas coa función xerencial e/ou directamente relacionada coa actividade que vaia desenvolver. A contía da subvención será de ata o 75% do custo dos servizos recibidos, cun límite máximo de 3.000 euros polo conxunto dos cursos e das actividades de formación recibidas.
• Subvención para o inicio da actividade
Para o financiamento dos primeiros gastos da actividade poderá concederse unha subvención de 3.000 euros por cada emprego subvencionable, ata un máximo de dez. Esta subvención terá os mesmos incrementos que no caso da subvención para a xeración de emprego estable, podendo chegar aos 6.000 euros de ter dereito aos catro incrementos
Serán subvencionables os honorarios de notaría e rexistrador, a compra de mercadorías e materias primas, arrendamento do local, de maquinaria e de equipos informáticos, gastos do seguro do local, publicidade, páxina web, posicionamento web e subministracións excluído o imposto sobre o valor engadido ou, no seu caso, os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.
• Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.
Subvención do 75% do custo dos servizos de gardería, ata un máximo de 3.000 euros, para os promotores que sendo titulares dunha familia teñan fillos menores de tres anos.
Poderán ser beneficiarias as persoas promotoras que creen o seu propio posto de traballo estable e polo que obtiveran a subvención á xeración do emprego estable, sexan titulares de familias monoparentais ou na que os dous cónxuxes realicen unha actividade laboral e estean dados de alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou mutualidade de colexio profesional.
Procedemento de concesión
As subvencións concederanse unha vez sexa comprobado o cumprimento dos requirimentos e condicións establecidas na orde de convocatoria ata o esgotamento do crédito.
Prazo de solicitudes
• O prazo xeral para a presentación de solicitudes finalizará o 31 de xullo de 2017.