Resumo semanal
Na asemblea, abordáronse temas variados, como o sentimento de "saudade" vinculado á lectura de Soño á beiramar e a reflexión sobre o concepto de emigración e os seus efectos. Incorporamos tamén o debate arredor da poesía visual, coas análises de obras de Claudia Quade Frau, traballando a interpretación e o pensamento crítico. Na "Asemblea de temas", o alumnado expuxo cuestións relacionadas coa xestión dos recreos e xogos.
No ámbito matemático, traballáronse conceptos como a medición con regras e cintas métricas (conceptos de longo e ancho), a suma e comparación de lonxitudes, a lectura de horarios en reloxos analóxicos e as estratexias de cálculo mental (como a "estratexia do tiburón"). Estes exercicios combináronse con dinámicas de estacións matemáticas.
O ámbito lingüístico centrouse na lectura e escritura creativa, onde o alumnado elaborou textos libres e participou en dinámicas baseadas na obra Soño á beiramar e en contos relacionados coa Patagonia. Preparáronse guións para os "contos radiofónicos", destacando a importancia da lectura fluída e da correcta entoación. Tamén continuamos coa lectura e análise de capítulos do Club de Lectura, extraendo novo vocabulario e reflexións sobre a trama e os personaxes.
En relación co Proxecto Documental Integrado (PDI), o alumnado avanzou na investigación sobre a Patagonia. Traballouse en temas como a vestimenta tradicional (ponchos, bombachas, pierneras), as formas xeográficas (montaña, río, lago, glaciar) e a arte na rexión. Utilizáronse novas ferramentas, como a Intelixencia Artificial, para acotar e analizar información na rede, complementada coa elaboración dun catálogo de imaxes temáticas e a gravación dos "contos radiofónicos" na biblioteca (iniciado só). Con soporte de Google Earth coñecimos a historia de Cristobal Colón e o descubrimento de América. Falamos das terras ás que el había crer chegado, do papel do italiano Américo Vespucio no nome que recibiu o continente posteriormente, dos países que conquistaron españois, portugueses e ingleses, etc.
Nos recantos de aula, avanzáronse as tarefas programadas, proporcionando un espazo para o traballo individual e en parellas. Aquelas persoas que completaron as tarefas axudaron aos seus compañeiros a rematar as propias.
Finalmente, como actividade especial da semana, asistimos a unha obra de teatro en inglés na biblioteca do centro, compartindo este momento con alumnado de 1º e 2º. A actividade achegou o idioma dunha forma lúdica e interactiva.