Esta semana combinamos o remate do trimestre cos ensaios das xaneiras, xa que varias nenas e nenos da clase forman parte da charanga musical que acompañará o canto colectivo do último día de escola. Isto fíxonos reorganizar tempos e tarefas, e por ese motivo demos comezo tamén a un pequeno proxecto de aula centrado na prehistoria, aproveitando a visita que fixéramos recentemente ao castro Alobre, en Vilagarcía de Arousa.
Como punto de partida, cada equipo elaborou unha listaxe de preguntas e curiosidades que tiñan sobre esta etapa da historia: que comían, como se vestían, como eran as vivendas, que animais existían daquela e desapareceron, ou que perigos afrontaban na súa vida diaria. Para alimentar a investigación, o mestre levou dous bifaces reais, atopados no concello da Guarda. Puidemos observalos, manipularlos e imaxinar o seu uso. Falamos do traballo artesanal do neolítico, da erosión, da conservación ao longo dos séculos e mesmo fixemos estimacións sobre a súa antigüidade. A emoción de ter nas mans un obxecto da Idade de Pedra foi un motor perfecto para iniciar este proxecto que nos acompañará ao longo das próximas semanas.
No espazo da asemblea, as noticias que trouxo o alumnado abriron portas a debates de gran interese. Maia presentou un estudo sobre os supostos beneficios de convivir con cans durante a adolescencia, o que nos levou a reflexionar sobre empatía, benestar emocional e como os animais poden influír na vida das persoas. Leire trouxo outra noticia tamén relacionada con cans, pero cun enfoque moi distinto: un can potencialmente perigoso que escapara en Portonovo e atacara varias persoas. Falamos das razas catalogadas como perigosas, das responsabilidades das familias que conviven con animais e da importancia das medidas de seguridade necesarias. A finais de semana foi Sofía Iglesias quen trouxo unha noticia de carácter científico sobre a posible relación entre as tatuaxes e o sistema inmune. Isto obrigounos a deter o ritmo, explicar con calma conceptos como “sistema inmunitario”, “defensa do organismo” ou “estudo científico”, e entender que unha hipótese non é un feito, senón unha pregunta que busca ser contrastada. Como curiosidade, Sofía contou que o investigador principal deste estudo é familiar seu e vive en Suíza, detalle que encantou á clase.
No ámbito matemático seguimos consolidando procesos clave antes de pechar o trimestre. Retomamos a división entre 3, 4 e 5 e seguimos profundando na suma con decimais. Algúns alumnos gravaron explicacións en vídeo sobre estes procedementos, o que serviu non só como exercicio individual senón como actividade colectiva de retroalimentación (pódense consultar as novas gravacións de estratexias de cálculo no apartado correspondente desta bitácora). Paralelamente, avanzamos na tarefa de trasladar ao corredor do edificio superior os resultados das enquisas realizadas sobre os hábitos alimentarios na hora da merenda. Cada equipo redactou un pequeno texto descritivo e outro valorativo acompañando as gráficas: unha maneira de traballar lectura de datos, alfabetización estatística e escrita informativa. Ao mesmo tempo, varios nenos e nenas dedicaron estes últimos días a pechar propostas de recantos que lles quedaban pendentes, especialmente no recanto dixital e no de arte abstracto.
Na área lingüística realizamos unha nova sesión intensiva de acentuación de palabras agudas, graves e esdrúxulas, revisando casos frecuentes de dúbida e analizando exemplos reais. A valoración xeral deste traballo ao longo do trimestre é moi positiva: pouco a pouco os nenos e nenas van incorporando os mecanismos de acentuación á súa escrita espontánea, aínda que seguiremos traballándoo durante o resto do curso.
Tamén celebramos unha nova xornada do club de lectura. Volvemos gozar da lectura paralela dos diarios de Susi e Paul, compartir palabras clave, xogar a adiviñar o capítulo doutros grupos e recoller nun documento común as ideas principais. Aproveitando que pasamos boa parte da semana na biblioteca, seleccionamos tamén libros sobre a prehistoria para complementar o proxecto iniciado e ampliar as fontes de información. Ademais, toda a escola participou noutro ensaio colectivo das xaneiras.
Para pechar a semana celebramos a nosa “asemblea de temas”, un espazo imprescindible para a convivencia. Neste encontro xurdiron asuntos relacionados coa organización dos equipos de traballo, coas relacións co grupo de 3º e coa mellora da convivencia no día a día. A clase propuxo alternativas, formas de mellorar a comunicación e posibles cambios nos equipos de cara ao trimestre seguinte.
Por último, avanzamos tamén no mural colectivo da prehistoria, seleccionando imaxes que acompañarán os textos xa redactados e que nos axudarán a visualizar mellor os contidos que imos traballar ao longo da próxima semana.