Neste espazo publicaranse regularmente os plans de traballo que se desenvolven na aula, así como documentación fotográfica do noso día a día. O obxectivo é dar a coñecer a dinámica da clase e o noso enfoque de traballo por proxectos, no que a curiosidade, a colaboración e a autonomía teñen un papel central.
Os contextos de aprendizaxe constitúen o tramo internivelar da mañá, no que o alumnado de 3º e 4º de Primaria se reorganiza en grupos mixtos de traballo. Estes agrupamentos, formados por nenos e nenas de diferentes idades e ritmos de aprendizaxe, permiten un enriquecemento mutuo: os maiores exercen un papel de guía e apoio, mentres que os máis pequenos achegan novas preguntas, ilusión e perspectivas distintas. Deste xeito, a aprendizaxe convértese nun proceso compartido no que o diálogo, a cooperación e o respecto pola diversidade fortalecen a cohesión do grupo e a aprendizaxe significativa.
Cada contexto está coordinado por un docente e aborda ámbitos diferentes, pero complementarios, que permiten desenvolver as competencias clave e as áreas do currículo dun xeito global e integrador:
Contexto do profe Paulo e da profe Carolina: asumen conxuntamente o desenvolvemento dos proxectos e plans de traballo do ámbito científico-social do currículo. A partir de preguntas xeradoras, situacións reais e temas de interese, promóvese a investigación, a observación e a reflexión crítica sobre o mundo natural e social. Este contexto busca que o alumnado comprenda a realidade que o rodea, estableza relacións entre coñecementos e exprese o aprendido a través de diferentes linguaxes, incluíndo a artística e a comunicativa.
Contexto do profe Diego: céntrase no Obradoiro de Medios de Comunicación, un espazo creativo onde o alumnado elabora guións para radio, televisión e medios escritos. As tarefas deste obradoiro xiran arredor dos contidos traballados nos contextos científico-sociais e tamén de temáticas e centros de interese propostos polo propio alumnado. Deste xeito, a comunicación, a expresión oral e escrita e o pensamento crítico cobran especial protagonismo, favorecendo unha aprendizaxe funcional, motivadora e vinculada á realidade.
Iremos colgando información a medida que avancen os grupos en cada un dos proxectos/plans de traballo iniciados.