Comezamos celebrando o primeiro premio no Certame Galego de Bandas Infantís acadado pola Banda Unión Musical de Meaño. Varios nenos e nenas da clase forman parte desta agrupación, e na asemblea compartiron con nós como viviron ese día tan especial: os nervios antes de saír ao escenario, a concentración, a emoción de tocar en directo e a felicidade final do recoñecemento. Foi unha boa oportunidade para falar do valor do esforzo, da constancia e do traballo en equipo, e tamén para aprender a celebrar con alegría os logros dos demais.
No ámbito lingüístico, seguimos coas exposicións orais das “Marabillas de Galicia”, que cada vez nos fan viaxar máis e coñecer mellor o noso territorio. Visitamos Baiona da man de Álex e de Mateo Fernández, que nos falou do castelo de Monterreal, da Virxe da Rocha e da carabela Pinta; coñecemos as termas das Chavasqueiras en Ourense grazas a Pablo; Hugo falounos con moito detalle da Illa da Toxa e dos lugares máis representativos desta marabilla de Galicia que temos tan perto de Meaño; e rematamos con Bernardo, que nos levou a Combarro e ao seu encanto mariñeiro, cos hórreos, as rúas estreitas e as lendas de bruxas que dan tanto xogo para imaxinar. Ademais pechou a súa exposición co sorteo dunha pequena bruxa típica de Combarro! Tocoulle a Sofía Iglesias. Parabéns, Sofía! Como é costume, cada exposición rematou coas valoracións do grupo, a autoavaliación e o comentario do mestre, que axudan a mellorar pouco a pouco a expresión oral.
Durante estes días tamén traballamos con intensidade na mellora da acentuación e da puntuación nos textos escritos. Revisamos regras, clasificamos palabras agudas, graves e esdrúxulas e xogamos con exemplos que fixeron a aprendizaxe máis amena. Paralelamente, o alumnado avanzou na creación dun texto teatral que representaremos na noite do Samaín. Por parellas, escriben e ensaian pequenas escenas nas que presentan amuletos e talismáns da cultura popular galega, explicando o seu significado e as propiedades máxicas que o pobo lles atribúe.
En matemáticas, seguimos afondando na estratexia da “tea de araña” para resolver divisións entre tres. Cada vez hai máis autonomía e seguridade, e mesmo fixemos algunhas gravacións en vídeo que poden consultarse no apartado correspondente desta bitácora.
O noso pequeno espazo de divulgación científica, o “Porqué científico”, levounos esta vez a observar a Terra, a Lúa e os seus movementos. Falamos da rotación, da translación e das fases lunares, visualizamos imaxes, fixemos hipóteses e puxemos nome ás diferentes fases. Foi unha sesión moi participativa e chea de curiosidade.
Na biblioteca escolar, puxemos en marcha o novo club de lectura co libro Diario de Paul, diario de Susi, continuación de Querido Paul, querida Susi. Dividímonos en dous grupos —un para cada protagonista— e xogamos a atopar tres palabras clave que definisen o primeiro capítulo de cada diario. A actividade converteuse nun xogo de adiviñas e interpretacións que serviu para comprender mellor o texto e activar o gusto pola lectura compartida. O alumnado da emisora escolar aproveitou tamén para gravar os anuncios da festa do Samaín, que xa está moi preto.
Continuamos ademais coas sesións de apadriñamentos lectores cos grupos de 2º de Primaria, un encontro sempre esperado, no que lectura e afecto van da man.
Nos contextos de aprendizaxe rematou o primeiro turno de rotación, e a partir da próxima semana cada grupo comezará nun novo contexto. Actualmente están en marcha tres proxectos: un arredor da temperatura dos corpos, outro sobre o universo e o sistema solar, e un terceiro, coordinado polo profe Diego, centrado na creación de textos nos medios de comunicación —radio, televisión e prensa—, dende onde se traballa a comunicación, a escrita e o pensamento crítico.
A semana deixou tamén momentos moi especiais, como o aniversario de Mateo Piñeiro, que celebramos cun delicioso biscoito de chocolate que compartimos no recreo. Para pechar o mes, realizamos as cantigas de peto correspondentes a outubro, cantando O estraperlo e recordando tamén unha das nosas favoritas do curso pasado, Oh rama.
Parabéns, Mateo!!