Comezamos outubro con moita actividade e con esas gañas de aprender que fan que cada día na aula teña algo de novo. A semana abriu cunha asemblea moi interesante na que xurdiu unha conversa arredor dunha noticia sobre os delfinarios en España. Falamos sobre o trato que reciben os animais en cautividade e xurdiron moitas opinións diferentes: algúns nenos e nenas valoraban a posibilidade de velos de preto, mentres outros se amosaban máis críticos coa súa situación. Foi un deses debates nos que se nota que pensan, escoitan e van formando criterio.
No ámbito lingüístico, seguimos coas exposicións orais do proxecto As marabillas de Galicia. Cada semana imos descubrindo temas sorprendentes e, desta volta, Ruy decidiu falar de Jane Goodall, a científica que dedicou a súa vida ao estudo e defensa dos primates. A súa exposición foi tan inspiradora que rematou cunha proposta para toda a clase: recoller móbiles e aparellos vellos para reutilizar o coltan e así contribuír á protección dos animais e do medio. Sofía Iglesias adicou a súa exposición oral a San Andrés de Teixido. Tamén Mateo Piñeiro nos levou ata a fervenza do Ézaro, e Adam presentou unha praia fluvial do concello de Ribadumia. Cada exposición inclúe un tempo para valorar o traballo, tanto de maneira individual como colectiva, e iso axuda a tomar conciencia de como mellorar.
Entre as lecturas da semana destacou a historia da suimanga palestina, un paxaro moi coñecido en Palestina e símbolo de liberdade. A lectura déronnos pé a falar da beleza que pode seguir existindo mesmo en tempos difíciles, e a poñer en práctica unha rutina de pensamento chamada “Palabra, idea, frase”, para expresar o que cada un sentiu ou comprendeu ao respecto.
En matemáticas, continuamos traballando as divisións por 3 coa estratexia da “tea de araña”. Fixémolo a partir de situacións reais de reparto, intentando atopar o mellor xeito de organizar e xustificar o cálculo. Tamén comezamos a explorar o concepto de simetría, buscando exemplos na natureza e levándoos despois ao Obradoiro Quinteiro, onde creamos composicións artísticas con formas e cores equilibradas. Alí tamén repasamos as medidas de lonxitude (1 metro, medio metro, tres cuartos e un cuarto), aplicándoas de maneira práctica nas nosas producións.
Os contextos de aprendizaxe comezaron tamén esta semana. O alumnado de 3º e 4º reorganízase cada mañá en grupos mixtos, o que lles permite aprender uns dos outros, axudarse e compartir miradas distintas. A profe Carolina e o profe Paulo levan o desenvolvemento dos proxectos do ámbito científico-social, mentres que o profe Diego dinamiza o Obradoiro de Medios de Comunicación, onde se crean guións para radio, televisión ou prensa a partir das temáticas que nacen nas outras dúas propostas.
Seguimos avanzando nos recantos de aula, espazos nos que cada neno e nena escolle o seu reto e vai progresando ao seu ritmo, de maneira individual ou en parella. É un tempo de concentración, autonomía e satisfacción polo traballo ben feito.
O xoves volveu ser o día de encontro cos nosos compañeiros e compañeiras de 2º de Primaria, dentro do programa de apadriñamentos lectores. Cada sesión é unha oportunidade para compartir lecturas, risas e aprendizaxes, e tamén para fortalecer vínculos entre cursos.
Tamén vivimos un momento moi especial co Cross da praia de Montalvo, dentro do programa Xogade. Foi unha xornada chea de nervios, esforzo, emoción e moito compañeirismo.
Na biblioteca, ademais do préstamo de libros, aproveitamos para pechar as gravacións da peza teatral “Cociña cacofónica”, que levabamos preparando dende a semana pasada.
Rematamos a semana coa avaliación dos obxectivos, revisando o que conseguimos e que cousas queremos mellorar. Cada vez son máis conscientes de que aprender tamén é parar, mirar atrás e valorar o camiño.